Hemeroteca web | RSS  RSS     Xoves 22.08.2019 Actualizado 13:14
El Correo Gallego Radio Obradoiro CorreoTV Anova

Galicia Hoxe

Noticia 1 de 1 Galicia  |   RSS - Galicia RSS

O SAL DA TERRA

Os derradeiros días de Xesús

JOAQUIM VENTURA  | 27.05.2019 
A- A+

Podería parecer sorprendente –e tal vez non o sexa tanto- a oferta –de carácter científico, non doutrinario- que sobre a figura de Xesús podemos atopar nas librarías (e, obviamente, na rede). Un aparente paradoxo nun tempo de descenso da práctica relixiosa por parte dunhas sociedades, como a nosa, que malia a frivolidade que nos invade non deixan de procurar resposta en certos valores, xa que logo éticos.

Se en apenas uns meses apareceron Aproximación al Jesús histórico (Trotta), de Antonio Piñero, e La invención de Jesús de Nazaret (Siglo XXI), de Fernando Bermejo, autores vinculados á Galiza en tanto que residente en Baiona o primeiro e compostelán de berce o segundo. Uns estudos de altísimo rigor feitos a partir da filoloxía e da historia.

Agora chega a reedición de La última semana de Jesús (Alianza Editorial), de Javier Alonso, filólogo bíblico que se vindica como alumno de Piñeiro e debedor de Bermejo. Esta obra, aparecida en 2004, opta pola divulgación e non tanto pola erudición, sen que por iso perda un chisco de rigor. Unha entrega que hai pouco foi completada con La resurrección de Jesús.

Alonso céntrase no período coñecido como paixón e morte de Xesús. Un relato que aparece nos catro evanxeos canónicos pero de maneira desigual, como desiguais serían as intencións dos seus autores. Para a súa argumentación, Javier Alonso sitúa primeiro o tempo de Xesús na traxectoria histórica comezara cando Alexandre o Grande derrotou aos persas e conquistou as terras do Mediterráneo oriental. Desfeito o seu imperio á súa morte en 323 aec, século e medio despois a vitoria dos macabeos fixo concibir un primeiro proxecto nacional, cabería dicir, para os xudeus, frustrado coa dominación romana de Xudea en 63 aec.

No seu estudo, Javier Alonso sitúa tamén as diversas faccións relixiosas e civís que articulaban a sociedade xudía e as reticencias que había contra diversos colectivos de recente incorporación, como eran os galileos, aos que Xesús pertencía. Diferencias de interpretación da doutrina que moitas veces eran polo dominio político, económico e relixioso.

Para estruturar a súa narración, despois de situar a dimensión humana do Xesús histórico, Alonso baséase nos evanxeos de Marcos, Mateo, Lucas e Xoán, e nos Feitos dos Apóstolos, cuxo probable autor foi Lucas. A partir de aquí –e sen dubidar da validez inicial destas obras nin contrapoñelas cos evanxeos apócrifos- procura o concurso de textos escritos por historiadores daquel tempo para comparar o que uns e outros dixeron.

Alonso é consciente que, despois de dous mil anos de fixación escrita e icónica, temos unha percepción moi concreta de Xesús e da súa peripecia. Unha imaxe do relato das súas paixón e morte que ficou practicamente inalterado desde a arte bizantina ata os nosos días, con expresións que xa forman parte da nosa expresión cotiá (lavarse as mans, as trinta moedas de prata, pasar un viacrucis ou un calvario).

Unha historia que o principal medio de comunicación e arte, o cine, divulgou ata tal punto de crear un relato que fai imposible distinguir –incluso para un cristián practicante- que parte pertence a cada evanxeo: os guionistas de Hollywood estableceron un tópico que unificou a percepción colectiva daqueles derradeiros días de Xesús.

Para desmontar tal artefacto, Alonso vai situando en tempo e lugar as accións de Xesús: a entrada en Xerusalén, a cea cos seus discípulos, a oración no Monte das Oliveiras, etc. Prácticas que respondían a costumes xudeus, arredor supostamente da Pascua, e que Xesús tería obriga de facer e que coa posterior visión cristiá dos feitos, colleron vida de seu, desvinculadas da tradición xudía.

Preciso como se traballase cun bisturí, Alonso sabe afastar o que puido ser realidade da intención posterior dos evanxelistas, autores duns relatos –en grego, non o esquezamos- destinados a uns seguidores que pertencían á sociedade romana. Cumpría, por iso, cargar ás veces as culpas nos xudeus e exculpar ou suavizar as accións de Pilato ou dos lexionarios. Unha obra altamente recomendable, para crentes e ateos.

Grupo Correo Gallego
Ante calquera dúbida, problema ou comentario nas páxinas de Galicia Hoxe envíe un e-mail a info@galicia-hoxe.com. Titularidade e política de privacidade. Política de Cookies
Auditoría Audiencia Sites
Titulares RSS