Hemeroteca web | RSS  RSS     Mércores 18.10.2017 Actualizado 21:16
El Correo Gallego Radio Obradoiro CorreoTV Anova multiconsulting

Galicia Hoxe

Noticia 1 de 1 Galicia  |   RSS - Galicia RSS

Derrota do Daesh e fin da guerra en Siria

MANUEL MERA  | 09.10.2017 
A- A+

A guerra en Siria entrou nunha nova fase despois da toma de Deir-ez-Zor por parte do exército e forzas aliadas. É verdade que as tropas de Assad conseguiron, no fundamental, rachar o cerco do Estado Islámico sobre a cidade, mesmo se unha gran parte dela aínda continua ocupada por esta forza terrorista. Mais, non se pode restar valor á rapidez coa que ocuparon importantes zonas do deserto partindo de Palmira, ou reduciron militarmente áreas nas que o Daesh estaba moi implantado, ao leste de Salamiyah. Non ten menos valor, que cruzasen o río Éufrates, condicionando o avance das tropas curdas apoiadas polas potencias occidentais, cuxo rápido desprazamento parece facilitado polos propios grupos terroristas (como ten denunciado o mando ruso, ofrecendo vidos por Internet sobre o tema).

Neste intre, hai que salientar o ataque de Al Nusra contra as forzas sirias e as de interposición rusas (que cumprían os acordos de Astana para a pacificación de certas areas) no norte de Homs. Resulta claro o obxectivo de crear unha nova fronte que free o progreso do exército en Deir-ez-Zor. Entraron 300 ou máis membros do Daesh dende a base ilegal controlada por tropas de Estados Unidos no sur de Siria, en Al Tanf, que ocuparon por sorpresa a área de Al Quarytayn caneando todas as peneiras que na zona colocou o exército. Isto fai sospeitar que recibiron información aérea de Washington. Por que razón? Ante todo, porque isto debería frear o avance do exército sirio e aliados no val do Éufrates e impediría o seu control da máis importante zona petroleira de Siria e dunha zona estratéxica limítrofe con Iraq, rica en produción agrícola e moi poboada.

Agora ben, todo fai pensar que a estratexia de abrir novas frontes, a esta altura xa non dá resultado. O exército sirio avanzou con gran rapidez asediando a cidade de Al Mayadin, moi importante. Isto deberíalles permitir cruzar o Éufrates na zona petroleira, e deste xeito impedir o avance das forzas curdas apoiadas polas potencias occidentais (Estados Unidos, Francia, Reino Unido...). Todo fai pensar que nas vindeiras semanas o estado Islámico será totalmente derrotado. A pregunta é: que pasará cos milleiros de combatentes que aínda ten? Especialmente cos mercenarios estranxeiros. Dise que unha parte xa foi desprazada a países de Asia, como Filipinas, outros ao Iemen.

Todo indica que se van abrir novas frontes bélicas no mundo. Sobre todo, en estados que as potencias occidentais consideran que cuestionan seu lideradego: China? Rusia? Irán? Chama a atención que en ningún caso esta lacra afecte a países con gobernos retrógrados e aliados da OTAN, e que estes teñan un papel tan importante na expansión do radicalismo islámico, sen que isto implique sancións de ningún tipo. Os Estados Unidos, Francia, Reino Unido, todos os estados que integran OTAN, teñen moito que aclarar sobre este tema, e sobre as súas relacións privilexiadas con estes réximes escurantistas.

Neste contexto, na correlación de forzas actual, a derrota do Estado Islámico en Siria e Iraq, non significa o fin da conflitividade, e pode que tampouco o da guerra, en Siria. Non sería estraño, que nacese unha nova forza que teña como cerna militar a fronte Al Nusra, apoiada na provincia de Ibdil, e nas zonas controladas polos Estados Unidos e aliados no norte e sur de Siria. A saída sería un estado único, con reparto do poder, no que as zonas baixo control occidental serian na práctica un estado aparte. Deste xeito, repetiríase o escenario iraquí, evitando unha confrontación con Turquía, Iraq, Irán e Siria pola cuestión curda. Claro que, unha solución deste tipo necesitaría da renuncia previa a unha declaración de independencia por parte dos curdos de Iraq. Unha postura que sería aceptábel por ambas as partes baixo a filosofía de gañar tempo, esperando que o futuro bascule a correlación de forzas para o seu lado.

Todo fortalecemento dos curdos, mesmo mediante formas confederais ou federais que asuman os dereitos nacionais deste povo, non semella que convenza a Turquía, tal como se amosa nas friccións actuais cos Estados Unidos por mor deste tema. Malia a complexidade da situación, e que se poda dar algún choque militar en Siria sobre o terreo, entre Rusia e Estados Unidos, cómpre desbotar unha confrontación militar directa. Nos vindeiros meses, ficará totalmente debuxado o novo mapa xeo-estratéxico desta rexión, e ate onde chegarán as modificacións en relación co estado actual. Unha remodelación na que Iraq e Siria son centrais. O que hoxe sabemos, é que as potencias occidentais poden desfacer un país, mais tamén que carecen de proxecto e capacidade para incorporar estes estados ao desenvolvemento dende a globalizacion neoliberal. Daquela que a única opción que se impoña sexa a militar, e o acerto da valoración de Samir Amin cando define o capitalismo actual como na súa etapa senil. Tamén podemos concluír que Rusia sae fortalecida como unha potencia militar mundial no eido militar convencional (xa o era no nuclear). E outro tanto pasaría con Irán, no ámbito rexional, co que isto implica no avance cara un mundo multipolar.

Manuel Mera

Grupo Correo Gallego
Ante calquera dúbida, problema ou comentario nas páxinas de Galicia Hoxe envíe un e-mail a info@galicia-hoxe.com. Titularidade e política de privacidade. Política de Cookies
Auditoría Audiencia Sites
Titulares RSS