Hemeroteca web | RSS  RSS     Xoves 18.10.2018 Actualizado 20:34
El Correo Gallego Radio Obradoiro CorreoTV Anova

Galicia Hoxe

Noticia 1 de 1 Galicia  |   RSS - Galicia RSS

ENQUANTO HÁ FORÇA

Desacato aos cidadáns

XOSÉ A. GACIÑO  | 06.10.2018 
A- A+

Xuíces, fiscais, ministros (homes e mulleres) e autoridades en xeral son humanos. Comparten, por tanto, as grandezas e as miserias da condición humana. Poden ser tan bos, xustos e xenerosos como calquera dos grandes personaxes elevados aos altares relixiosos ou aos panteóns laicos como mostras exemplares, ou modestos traballadores máis ou menos honrados como a inmensa maioría dos cidadáns que sobreviven no medio das grandezas e das miserias.

Pero algúns -non sabemos cantos- poden ser tamén tan malfalados e maleducados, tan cabróns e tan chulos, como o máis miserábel macarra (e iso sen entrar en posíbeis condutas delituosas: os delitos poden cometerse con toda elegancia). Pode que en público, por aquilo dos bos modais en persoas tan principais, o disimulen, pero, desde que existen sistemas de gravación que quedan conectados cando non debían ou os conecta algún máis cabrón que os demais, os lindes entre o público e o privado tenden a difuminarse. En calquera momento, un respectábel membro da elite executiva, lexislativa ou xudicial pode quedar retratado -se é o caso- como alguén que, polo menos, non aproveitou a boa educación que se supón recibiu nos diferentes niveis académicos polos que pasou, másteres incluídos.

Neses casos, tratan de minimizar danos coa clásica explicación de que son expresións en ton coloquial en conversacións privadas, e certamente  nese contexto hai que xulgalas (no estrito sentido xurídico), pero non se pode impedir o xuízo social (con todas as súas doses de escarnio popular), unha vez que entra en acción a dinámica de difusión por todos os medios posíbeis, que, nesta época, son moitos. Como medida preventiva para o futuro, algúns quizais deberían aprender a controlar a súa prepotencia e outros a coñecer mellor aos seus interlocutores antes de facerlles partícipes dos seus chismes de sobremesa.

Non é cuestión agora de rematar coa típica reflexión moral de que é conveniente e necesario manter un mínimo de respecto ás persoas, tanto en público como en privado. Dáse por suposto que esta xente o sabe de sobra e, se non o practica, é porque non o senten ou non lles importa. Pero o caso é que estes personaxes -sobre todo xuíces e fiscais- soen manexar con rotundidade, no exercicio da súa función, o concepto de desacato (desobediencia ou falta de respecto á autoridade, sobre todo á súa, claro). E xa que o descoido ou a chantaxe dou ocasión para coñecer o lado escuro dalgunhas destas autoridades, aproveitemos a ocasión para esixir que non desacaten aos cidadáns. 

Grupo Correo Gallego
Ante calquera dúbida, problema ou comentario nas páxinas de Galicia Hoxe envíe un e-mail a info@galicia-hoxe.com. Titularidade e política de privacidade. Política de Cookies
Auditoría Audiencia Sites
Titulares RSS