Hemeroteca web | RSS  RSS     Martes 25.09.2018 Actualizado 12:26
El Correo Gallego Radio Obradoiro CorreoTV Anova

Galicia Hoxe

Noticia 1 de 1 Galicia  |   RSS - Galicia RSS

ENQUANTO HÁ FORÇA

Descoñecemento da vida en ditadura

XOSÉ A. GACIÑO  | 07.09.2018 
A- A+

Parece que renxe un pouco que un Estado que encarcera arbitrariamente, obriga a exiliarse, desenvolve persecucións e reprime violentamente permita que todo iso se diga, en directo e sen comentarios correctores inmediatos, nunha das súas canles de televisión pública, como pasou co mitin de quecemento do novo curso político en Cataluña. E non é que agora presida o goberno central un deses socialistas aos que a dereita cualifica de brando e boísta. Tamén na época do goberno inmediatamente anterior -da dereita presuntamente firme que trataba de resolver problemas políticos pola vía xudicial- se puideron seguir en directo, pola televisión pública española, as diadas nas que reivindicaban a independencia e as sesións parlamentarias nas que se proclamou e se diferiu a república independente de Cataluña.

Algo non encaixa no retrato case fascista do estado español que pinta o actual presidente da Generalitat catalá e a liberdade coa que se expresa con respecto aos seus obxectivos independentistas, a mesma liberdade coa que se sementou a xeografía catalá de lazos amarelos, forzando nalgúns casos a neutralidade de edificios institucionais, e a que arroupará todas as marchas cidadás que parecen dispostos a celebrar de aquí á lectura da sentencia tras o xuízo aos políticos encarcerados. Quizais o non encaixe estriba en que o presidente catalán non percibe que hai unha diferencia entre falar, reivindicar, debater, propoñer, negociar, acordar ou desacordar, por unha parte, e por outra, tomar decisións que escapan ao seu nivel de competencias, polo menos mentres non se cambie ese nivel?

Pode que unha nova xeración de políticos -independentistas ou non- descoñeza con precisión o que é un réxime ditatorial porque non o viviron e iso pode facerlles considerar fascismo calquera contratempo legal ao que se enfronten ou calquera exceso policial que padezan (algo que pode suceder nas mellores sociedades democráticas), e iso serve o mesmo para queixas desproporcionadas de esquerdas como de dereitas, nas que enseguida saen a relucir alusións ao nazismo ou a mesmísima Inquisición.

No caso dos independentistas cataláns, da mesma maneira que teñen aprendido a lección de que as orixes da súa identidade se remontan ao século XIII polo menos, non lles sería moi difícil documentarse sobre o que significaba vivir nunha ditadura. Nas súas propias filas aínda teñen algúns veteranos que a viviron e que lles poderían explicar (Jordi Pujol, Miquel Roca...) tanto os detalles da falta de liberdades na ditadura (coas severas restricións na súa lingua e na súa cultura) como os esforzos de mobilizacións e negociacións para recuperalas na transición, á que eles precisamente contribuíron de xeito importante (outra cousa son as derivas corruptas posteriores dalgúns deles, que levaron á desaparición do partido hexemónico do nacionalismo, que, para esquivar as súas propias responsabilidades, reconverteu o seu espírito pragmático e pactista doutros tempos no núcleo radical das novas mobilizacións independentistas).

Entre crises, recortes, proclamacións de independencia, actuacións xudiciais, accións e reaccións, presuntos fascismos e supostos populismos, con corrupcións varias cubrindo ocos, asistimos a unha longuísima campaña electoral que envelena toda a actividade política, mentres as empresas eléctricas espremen os deteriorados petos de todos os cidadáns (españois, cataláns, vascos, galegos, andaluces..., centralistas, autonomistas o independentistas) cos prezos máis altos da súa historia.

 

 

Grupo Correo Gallego
Ante calquera dúbida, problema ou comentario nas páxinas de Galicia Hoxe envíe un e-mail a info@galicia-hoxe.com. Titularidade e política de privacidade. Política de Cookies
Auditoría Audiencia Sites
Titulares RSS