Hemeroteca web | RSS  RSS     Sábado 28.03.2020 Actualizado 20:30
El Correo Gallego Radio Obradoiro CorreoTV Anova

Galicia Hoxe

Noticia 1 de 1 Galicia  |   RSS - Galicia RSS

Descuberta unha carta inédita de Rosalía de Castro dirixida a un colaborador de Manuel Murguía

A misiva, que publica a revista Follas Novas, fala da indumentaria apropiada para ir ao teatro e amplía relacións entre ambos matrimonios

Carta inédita de Rosalía de Castro a José Villaamil e Castro - FOTO: FUNDACIÓN ROSALÍA DE CASTRO
Carta inédita de Rosalía de Castro a José Villaamil e Castro - FOTO: FUNDACIÓN ROSALÍA DE CASTRO

SANTIAGO. EP  | 20.02.2020 
A- A+

A Fundación Rosalía de Castro presentará este venres no Pazo de Lestrobe o número 4 da revista Follas Novas, na que se publica unha carta inédita de Rosalía de Castro dirixida José Villaamil e Castro, amigo e colaborador de Manuel Murguía.

A misiva foi descuberta por Pablo Carou Barros, que asina un dos artigos da revista, e foi estudada por Anxo Angueira, que dedica outro texto á súa análise. Aínda que carece de lugar e data, os expertos consideran que a carta pode situarse entre 1865 e 1866 en Santiago de Compostela.

Nela, Rosalía contesta a Villaamil en ausencia de Murguía en relación ao tema do uso do chapeu ou da mantilla no teatro e engade aclaracións como que non adoitaba acudir nese momento a este tipo de espectáculos, o que serve a Angueira para analizar a relevancia do teatro en Compostela neses anos.

Segundo o experto, permite determinar certas cuestións, como a "autonomía" de Rosalía fronte a Murguía e a súa intención de actuar como intermediaria das relacións entre ambos os matrimonios.

A carta súmase ás 16 coñecidas da autora e enriquece un epistolario "que debeu ser, sen dúbida, moi rico e extenso", apuntan desde a Fundación.

"O repertorio de cartas que conservamos é moi escaso, así que calquera cousa nova é importante. A aparición deste escrito demostra que hai un caudal de correspondencia aínda por descubrir, aínda que moita dela é seguramente xa irrecuperable", recoñece o presidente da Fundación, Anxo Angueira.

 

Grupo Correo Gallego
Ante calquera dúbida, problema ou comentario nas páxinas de Galicia Hoxe envíe un e-mail a info@galicia-hoxe.com. Titularidade e política de privacidade. Política de Cookies
Auditoría Audiencia Sites
Titulares RSS