Hemeroteca web | RSS  RSS     Xoves 21.09.2017 Actualizado 20:28
El Correo Gallego Radio Obradoiro CorreoTV Anova multiconsulting

Galicia Hoxe

Noticia 1 de 1 Galicia  |   RSS - Galicia RSS

NOTICIAS COTIÁS

Descubrindo as marabillas de Turquía

 Da biblioteca de Celso en Éfeso ao centro de Estambul, á praza Taksim - FOTO: RF
Da biblioteca de Celso en Éfeso ao centro de Estambul, á praza Taksim - FOTO: RF

RUTH FERNÁNDEZ  | 17.08.2015 
A- A+

Este ano, queridos lectores, comecei as vacacións de verán viaxando a Ibiza para desfrutar de calas espectaculares e achegarme á imaxe que se nos dá da illa en programas de televisión nos que aparece Platja d’en Bossa como centro de luxo e pracer. Algúns gastan cantidades indecentes de cartos mentres outros, senegaleses, intentan vender gafas de sol de imitación de grandes marcas e son detidos pola policía ou requisada a súa mercadoría reducíndoos ao tiralos na area. Unha imaxe que quedou gravada na miña retina e que doe, polo menos a quen asina estas liñas. Venda prohibida na praia, talvez para non molestar coa súa presenza aos ‘novos ricos’ que descorchan botellas de champagne sen ningún tipo de remordemento de conciencia, alleos á dura realidade dos que non teñen nin un mendrugo de pan… en fin… pero de Ibiza pode que fale outro día nesta páxina. É unha illa fermosa, sen dúbida, da que recomendo a visita, especialmente para escapar do balbordo das zonas máis concorridas e coñecer espazos naturais como Cala Tarida, Cala Conta ou Cala Bassa, fuxindo de Platja d’en Bossa ou San Antonio, achegándose a Santa Eulalia e o mesmo centro de Eivissa, onde o luxo tamén se manifesta a través dos iates atracados no porto.

Hoxe quero falar doutro lugar especial para min, dun país que se asenta entre dous continentes, Europa e Asia. Refírome a Turquía, un territorio de grande beleza, que desexo conserve malia a situación política na que se está a ver envolta co problema con Siria. Coincidindo coa última semana de xullo e a primeira de agosto fixen unha viaxe polo país, atraída pola música e a danza oriental que practiquei anos atrás, descubrindo así a súa historia e as miragres da natureza, achegándome a Capadocia, Konya, Pamukkale, Éfeso, Bursa… e desfrutando da cidade máxica, Estambul. Coñecín lendas, tradicións, observei a vida da xente do país, mergulleime no seu día a día e fun feliz nas súas terras, desexando voltar no futuro, saboreando a súa gastronomía, probando as cervexas nacionais, como Efes Dark, Tuborg ou Bomonti, tomándolle o gusto ao té negro e ao de mazá ou ao iogur líguido salgado que beben a calquera hora, o ayran. No padal queda aínda o sabor turco que engaiola os sentidos. Xa en España, de regreso, volvín á filmografía de Vicente Aranda para rescatar unha das súas obras mestras, ‘La pasión turca’, rememorando deste xeito os espazos que pisei nos días previos, a través da tráxica historia de amor que protagonizan Ana Belén e George Corraface.

RF
En Estambul, o corazón de Turquía, despois de visitar Pamukkale
FOTO: RF

Turquía é un dos grandes berces da civilización, onde os contrastes entre o antigo e o moderno fascinan ao visitante, dende o balbordo de Istanbul, unha cidade con milleiros de habitantes e un tráfico complicadísimo, ata as zonas máis rurais onde un aprende como viven moitos turcos alleos á capital, Ankara, ou aos enclaves máis turísticos do país. Anatolia (cuxo significado é o de país onde o sol nace) foi testemuña do auxe e da caída de diferentes civilizacións. Romanos e bizantinos deixaron a súa pegada en Turquía a través da arquitectura, algo que aínda se pode ver nas viaxes a Éfeso ou Estambul. En Éfeso precisamente puiden contemplar a grandiosidade da biblioteca de Celso, contruída polo cónsul Gayo Julio Aquila para o seu pai. As estatuas dos seus nichos representan a Episteme (coñecemento), Ennoia (intelecto),  Areté (virtud) e Sofía (sabedoría).  Alí tamén contemplamos o templo de Adriano, o teatro excavado no monte Pión ou a avenida de columnas, entre outros grandes vestixios da antigüidade. En Estambul precisamente falamos de restos dese paso bizantino a través da igrexa de Santa Sofía (da Sabedoría), que se mentén en pé desde fai catorce séculos, e onde se poden ver magníficos mosaicos dese período bizantino. No século XV os otomanos convertírona en mezquita, polo que hoxe observamos a fusión das dúas relixións no recinto sagrado convertido en museo.

Percorrendo a meseta de Anatolia, cuxos ríos máis importantes son o Tigris e o Éufrates, lembrando as clases de xeografía, achegámonos por ese territorio ao monte Tauro, á zona de Izmit e ao lago Van. No percorrido de Capadocia a Pamukkale, preto da cidade de Aksaray visitei un dos mellor conservados caravanserais seléucidas, un espazo que tiña como fin protexer aos mercaderes que viaxaban cargados na ruta da seda e das especias e que se dirixían a Bursa. Dise que outra mercadoría eran os escravos da rexión do Mar Negro. Hoxe moitos deses edificios foron convertidos en hoteis e restaurantes. Neses caravasares había tamén unha pequena mezquita, un hamam (baño turco), establos para os animais, etc. Na cidade de Konya visitei o museo Mevlâna, fundador da secta mística dos derviches danzantes, que desenvolveu unha filosofía de unión espiritual e amor universal, considerándose un dos místicos islámicos máis importantes do mundo. E alí mesmo ata me fotografiei cun imán!

RF
Dende Capadocia a Estambul, desdubrindo as marabillas de Turquía
FOTO: RF

En Capadocia, auténtica xoia de Anatolia central, foi marabilloso contemplar o pobo de Uçhisar, coas súas casas nas covas, desfrutando dunha paisaxe espectacular, a través das formacións de toba erosionada (cinsa volcánica endurecida) na contorna do monte Erciyes, volcán extinguido. A acción erosiva do vento e a auga e os fortes contrastes de temperatura deixan extraordinarias formacións naturais, como é o caso das Chemineas das fadas que os habitantes da zona crían que vivían baixo a terra, alcanzando ás veces a altura de 40 metros. Agochámonos do resto do mundo por uns minutos nunha cidade subterránea e visitamos o museo ao aire libre de Göreme, Patrimonio da Humanidade, con ducias de capelas e mosteiros excavados na roca de Capadocia, algunhas delas incluíndo magníficos frescos bizantinos que describen escenas do Antigo e do Novo Testamento.

Antes de viaxar a Éfeso visitei Hierápolis, cedida a Roma no ano 133 a.C. xunto co resto do reino de Pérgamo, percorrendo a súa necrópole, o camposanto máis grande de Anatolia, con máis de 1200 tumbas pertencentes aos períodos helenístico, romano e cristiano primitivo. En Hierápolis merece a pena tamén visitar o teatro, do ano 200 a.C. con capacidade para acoller a vinte mil espectadores, a piscina que garda no seu interior restos de columnas de mármore que poden ser os restos dun templo de Apolo e… como non… as espectaculares terrazas de travertino de Pamukkale, un dos motivos desta viaxe para quen asina estas liñas. Son un dos lugares máis coñecidos de Turquía, formadas cando a auga dos mananciais de auga quente, que desprendían dióxido de carbono ao descender polas ladeiras, foi formando depósitos de pedra caliza. Os sedimentos de carbonato de calcio que formaron escalóns sobre a meseta recibiron ese nome de Pamukkale (tamén Patrimonio da Humanidade), o que significa castelo de algodón. E iso é o que asemella, coa brancura propia da neve ou do xeo… un lugar fermosísimo, inesquecible no que o tempo parece estancarse e de onde un nunca parece querer marchar.

RF
Da Mezquita Azul ao Gran Bazar de Estambul, desfrutando das delicias turcas do Bazar das Especias
FOTO: RF

A parada en Esmirna (Izmir) fíxonos coñecer a parte máis occidentalizada das ciudades turcas. O seu nome débese ás árbores de mirra que medraban alí. En todo o país apreciei a arte islámica, cunha caligrafía fermosísima en libros, murais, cerámica, azulexos, gravados… con elementos decorativos de tipo floral, como é o tulipán, anagrama de Alá. A visita de diferentes mezquitas permitiume contemplar a grandiosidade destes edificios relixiosos, tanto en Bursa, coa Mezquita Verde (Yeçil Camii) en Iznik, como en Estambul coa Mezquita Azul (Sultan Ahmet Camii), entre outras das visitadas.  Á marxe destes edificios para o culto, están os palacios, realmente espectaculares, facendo gala dun luxo que marcou unha época. O palacio Topkati, que mandou construír Mehmet II para que fose a súa residencia habitual pouco despois de conquistar Constantinopla, adopta a forma de varios pavillóns reunidos arredor de catro patios, lembrando pola súa disposición ás antigas tendas de campaña dos otomanos. Alí poden visitarse distintas salas, o pavillón da circuncisión, o harén onde vivían as esposas e concubinas do sultán…

E xa para desfrutar a fondo Estambul, mergullámonos no ambiente de Sultanahmet, paseando polo hipódromo, achegándonos á cisterna basílica (do s. IV d.C., que podía conter auga suficiente para abastecer a unha poboación de 360.000 persoas durante uns dez días e que foi usado como taller por aqueles que traballaban a seda en Estambul) e deixándonos impresionar polo obelisco exipcio construido en 1500 a.C., a maxestuosidade da Mezquita Azul, un dos edificios relixiosos máis famosos do mundo (dise que o esplendor dos seus planos provocou un profundo rexeitamento debido a que unha mezquita con seis alminares considerábase un atentado sacrílego ao rivalizar coa arquitectura da Meca), e de Santa Sofía, deseñada para ser un espello terreal do Paraíso, para logo desprazarnos ata o Bazar das Especias e o Gran Bazar de Estambul, namorándome para sempre desta cidade máxica. Xunto ao obelisco da praza de Sultanahmet atópase tamén a columna serpentina, trasladada en barco dende Delfos, e a columna de Constantino.

No extremo sur da ponte Gálata, entramos na Mezquita Nueva (Yeni Cami Meydani), cuxa orixe nos leva ao momento no que unas poucas mulleres do harén adquiriron o poder suficiente para dictar a política dos sultáns otomanos. Dende aí dirixímonos ao Bazar das Especias, onde Estambul entra por todos os nosos sentidos. O olfato, o gusto, o tacto… sentimos a esencia de Turquía entrar a través dos poros da nosa pel. Namorámonos da cidade, co seu arrecendo a canela, curry, té… probando as famosas delicias turcas que logo buscan oco na maleta de regreso. Todo fabuloso.  Baixo o nome turco de Misir Çarșisi, bazar exipcio, agóchase un bazar que ofrece aos turistas distintas variedades de té, café, especias, doces típicos e souvenirs, coma o famoso ollo turco.

Outras das compras obrigadas lévannos ao Gran Bazar de Estambul (Kapali Çarși), un auténtico labirinto de rúas cubertas por bóvedas pintadas cheas de centos de postos de artesanía, xoias, alfombras e kilims de distintas partes de Turquía e Asia central, roupa e calzado, entre outros produtos, como lámpadas ao estilo do conto de Aladino, onde é fundamental saber regatear e pagar en liras turcas para non saír estafados. Non obstante, se queremos seguir de compras podemos dirixirnos a Istiklâl Caddesi, a rúa peonil máis importante de Estambul, chea de tendas e pastelarías, onde poder degustar un fantástico té (çay) cunha baklava (doce de pistacho boísimo), visitar a praza Taksim, á que chegamos fácilmente en funicular e tranvía dende Sultanahmet.

Fixen un fermoso cruceiro polo Bósforo, para gravar na memoria imaxes inesquecibles do Cuerno de Oro, a miúdo descrito coma o porto natural máis grande do mundo e do que a lenda conta que durante a conquista otomana os bizantinos somerxeron nel tantos obxectos de valor que as súas augas tiñan o brillo do ouro. O Bósforo divide a parte europea da asiática de Turquía, conectando o mar de Mármara co mar Negro. Conta cunha ponte cunha lonxitude de 1074 metros, con seis carriles e un tráfico impresionante que  non impide que entre os milleiros de coches, buses e demais vehículos, se enfronten ao perigo cotiá de ser atropeladas ducias de persoas que buscan vender aos condutores que sofren as caravanas diarias auga fría ou algo de comida.

Sen dúbida Estambul é unha cidade máxica. A antiga Bizancio, posterior Constantinopla na época do imperio romano, é un paraíso do que mesmo Napoleón Bonaparte dixo que se a Terra fose un só Estado, Estambul sería a súa capital. Desfruteina. E agardo máis Estambul para o futuro, confiando en que  o conflicto bélico que está a vivir non cambie a súa riqueza. Ten moito bo que ofrecer.
Ruth Fernández

Grupo Correo Gallego
Ante calquera dúbida, problema ou comentario nas páxinas de Galicia Hoxe envíe un e-mail a info@galicia-hoxe.com. Titularidade e política de privacidade. Política de Cookies
Auditoría Audiencia Sites
Titulares RSS