Hemeroteca web | RSS  RSS     Venres 22.09.2017 Actualizado 19:52
El Correo Gallego Radio Obradoiro CorreoTV Anova multiconsulting

Galicia Hoxe

Noticia 9 de 15 noticia anterior de Galicia Galicia  |   RSS - Galicia RSS

PAVILLÓN DE REPOUSO

Desmontando a Sanidade pública: todo atado e ben atado

PABLO VAAMONDE  | 11.12.2015 
A- A+

Nesta campaña electoral os candidatos non falan da saúde. E deberían. O PP para informar do que fixo cos servizos sanitarios e os demais para pedir explicacións. A sanidade pública é un elemento básico do Estado de benestar; desde que o PP accedeu ao poder sufriu o maior ataque[1] da súa historia. Nestes catro anos aplicaron con rigor unha estratexia destinada a desmantelar o sistema sanitario público para crear espazos de negocio ás empresas afins e ás grandes multinacionais do sector.

A primeira medida nesa dirección adoptouna o PP nada máis chegar ao poder central. En abril de 2012 (tres meses despois da toma de posesión) publicou no BOE o funesto RDL 16/2012[2] ­o que fai sospeitar que ese texto xa estaba escrito cando Rajoy prometía nos mitins que non tocaría a sanidade nin as pensións­. Esa norma introduciu copagos en sanidade, excluíu medicamentos do financiamento e excluíu persoas da sanidade pública: aos inmigrantes e ás persoas que teñen estancias no estranxeiro superiores a 90 días. Este apartheid sanitario é unha decisión inxusta, inhumana, perigosa e inútil: non produce ningún aforro económico e provoca un enorme sufrimento persoal e colectivo ­ademais de significar un risco para a saúde pública­. Esta lei atopouse, desde o principio, coa oposición de moitos profesionais ­que fixemos obxeción de conciencia­, e de todos os grupos políticos (excepto Cidadáns). O goberno central aplicouse con rigor neste retorno ao pasado. Levounos a un tempo preconstitucional: as persoas xa non temos dereito á atención sanitaria pola nosa condición de cidadáns senón en canto esteamos asegurados. O dereito á sanidade volve estar condicionado pola cotización previa.

Mentres tanto as CCAA no seu poder continuaron coas políticas xa iniciadas anos atrás: recortes e privatizacións. A disminución do gasto sanitario nas CCAA chegou ao 21% e pasou do 6.8% do PIB en 2008 a representar o 5.9% en 2013. En 2015 o sistema sanitario público ten 55.000 traballadores menos (con menos salario, peores condicións laborais e maior precariedade ­10.300 médicos/as e 6.500 enfermeiros/as fuxiron ao extrenjero­) mentres as empresas sanitarias conseguiron manter e ata aumentar os seus beneficios a costa dos orzamentos públicos. Numerosas áreas relacionadas coa sanidade (limpeza, cociña, mantemento, loxística, tecnoloxía, etc) pasaron a mans privadas (en concesións para anos, o que fai máis difícil o seu rescate) e, ademais, xa sabemos ­por un informe da FADSP[3]­ que a construción de novos hospitais mediante a colaboración público­privada incrementou o custo, o nivel de endeudamento e favoreceu a corrupción; moitos deses centros teñen problemas legais e os novos gobernos das CCAA estudan fórmulas para rescatalos.

Todas estas medidas non son consecuencia da crise, non son equivocacións nin decisións tomadas en contra da súa vontade: obedecen a unha estratexia deseñada polo PP (en connivencia cos grandes lobbys sanitarios) durante os anos de oposición e aplicada agora con todo rigor en busca dun obxectivo: conseguir que a saúde sexa un negocio e non un dereito dos cidadáns. Por iso, no seu último mes de mandato, o goberno de Rajoy aprobou (procurando pasar desapercibido) tres iniciativas[4] de gran importancia na política sanitaria e que poden condicionar o futuro do sistema público. Aprobaron a desgravación fiscal para os seguros privados[5] (unha medida moi demandada polo sector), asinaron un acordo con Farmaindustria[6] para garantir o gasto farmacéutico ligándoo ao incremento do PIB e recorreron e paralizaron a decisión do novo goberno valenciano[7] de devolver o dereito á atención sanitaria aos inmigrantes sen papeis. O que pretenden con estas decisións é deixar o futuro atado e ben atado ­tal como fixo Franco­, para que os próximos gobernantes non teñan máis remedio que seguir o camiño trazado. Haberá que buscar fórmulas para evitar ese destino. A saúde dos nosos fillos e dos nosos netos depende diso.

http://pablovaamonde.blogspot.com.es/

[1] http://www.nuevatribuna.es/articulo/sanidad/ataque­sanidad­publica/20141125120132109654.html

[2] http://www.nuevatribuna.es/articulo/sanidad/privatizacion­batas­blancas/20150816184134119173.html

[3] http://www.fadsp.org/index.php/sample­sites/manifiestos/1138­balance­de­la­politica­sanitaria­del­gobierno­del-pp­cuatro­anos­destruyendo­la­sanidad­publica

[4] http://www.nogracias.eu/2015/11/09/el­gobierno­del­pp­desencadenado­contra­la­sanidad­publica/

[5] http://gerentedemediado.blogspot.com.es/2015/11/agentes­dobles­dobles­agentes.html

[6] http://medicocritico.blogspot.com.es/2015/10/el­gran­hachazo­la­sanidad­publica.html

[7] http://saluddineroy.blogspot.com.es/2015/11/politica­sanitaria­ruin­y­miserable.html

Grupo Correo Gallego
Ante calquera dúbida, problema ou comentario nas páxinas de Galicia Hoxe envíe un e-mail a info@galicia-hoxe.com. Titularidade e política de privacidade. Política de Cookies
Auditoría Audiencia Sites
Titulares RSS