Hemeroteca web
|
RSS
Sábado 25.05.2013
| Actualizado 11.58
Alá, onde os nosos males non son andazo, abraia o bramido desesperado dos curmáns, o desasosego por tanta desfeita e dano irreversible. Non quedan bágoas no río Bustelín, mentres que as irmáns corripas, almacén histórico de respecto e identificación natural, xacen sen respostas nun estado de incredulidade. Nesta zona de Riodeporcos as alfaias naturais son patrimonio de primeiro orde, a súa conservación é prioritaria.
Aquí, nesta marxe do río Navia, unha liña imaxinaria trastorna o ambiente, os desastres naturais son directamente proporcionais a unha sociedade desorientada e sen principios básicos, individuos inconscientes sen capacidade de reacción e historicamente gobernados por aqueles que amosan deficientes capacidades.
Galicia é ese edén natural, colonizado por seres que polos seus actos semellan primitivos, absolutamente rudimentarios, sen capacidade de autocrítica, mancados de miolos para a xestión e lóxica razón.
Abandono e soidade nas fragas, esas fragas fumeantes de corazón ardente, aquí o desastre sempre está presente, incineración e contaminación, o binomio sen solución.
Somos quen de mirar o clima co noso mal de ollo, nesta ocasión non exerce de aliado. A nosa é unha desgraza de grandes dimensións. En Galicia cando non chove arde, somos así, a nosa é unha ara histórica de penitencia dual, choramos sempre, polos afogados ou polos queimados, non encontramos a maneira de desenmarañarnos de tanto maleficio.
Hoxe falamos moito e reflexionamos bastante menos, pois a nosa xoia, o reduto de bosque atlántico, escasamente protexido pola súa importancia, arde ante a estupefacción duns cantos e a indiferenza dos outros.
Estamos ante unha paisaxe natural sen comparanza transformada en cinzas, aí está o noso legado para xeracións vindeiras, esta é a conciencia natural dos que habitamos estas terras sen escrúpulos, onde todo é posible. Sen dúbida, temos o que nos merecemos.
Entre tanto decorado cincento un raio de esperanza no laio derradeiro en forma de epitafio dunha currita das fragas do Eume.
Inspiración entre cádavos fumeantes, este é o acubillo encantado dos trasgos, as bruxas, o espírito moura, a santa compaña, o ar de morto, o dragón do Pico Sacro, ... aquí todos son acollidos pola profundidade dun corazón ardente que transmite vida a unha paisaxe de ben común, un patrimonio xeral senlleiro, imprescindible no latexar vital dunha sociedade amortallada.
