Hemeroteca web | RSS  RSS     Mércores 18.10.2017 Actualizado 21:16
El Correo Gallego Radio Obradoiro CorreoTV Anova multiconsulting

Galicia Hoxe

Noticia 1 de 1 Galicia  |   RSS - Galicia RSS

O SAL DA TERRA

Despois do 1-O: témporas e cus

JOAQUIM VENTURA  | 03.10.2017 
A- A+

Escribo estas liñas na xornada de paro de país convocada en resposta á represión que exerceron os corpos policiais trasladados a Cataluña este domingo pasado. Os amables lectores que tedes a deferencia de ler este meu recuncho sabedes que, desde o meu respecto ás ideas alleas, sempre me manifestei como non favorable ás propostas soberanistas que unha boa parte da cidadanía catalá está a defender desde hai uns anos. Unha actitude contraria, a miña, non porque sexa visceralmente unionista senón pola simpleza de “os mundos de Yupi” que eses cidadáns aplican na defensa da súas ideas. Unha simpleza que ficou en evidencia –xa o sinalei na miña última colaboración- cando por maioría simple o Parlament aprobou as leis de referendo e de transitoriedade, negando a Constitución e mais o Estatut.

Por iso, nunca tiven por lexítima nin legal a consulta celebrada este domingo pasado. Malia iso decidín votar, incluso despois dunha espera de dúas horas. O que sucedera os días anteriores e o no mesmo domingo, cando a Garda Civil e máis a Policía Nacional asaltaron diversos colexios, provocaron que moitos cidadáns, coma min, decidísemos participar malia ser conscientes da ilegalidade da votación.

Dito isto, a contundencia, máis que excesiva, das forzas policiais españolas levou a un equilibrio de ilexitimidades entre os partidos que deron apoio ao simulacro de referendo e ao goberno central que non dubidou en conceder carta branca ás forzas que comanda para dar un escarmento á rebeldía de moitos cidadáns cataláns. A consecuencia resulta evidente: aquela parte da cidadanía que defendíamos a necesidade dun referendo legal non sendo independentistas, pasamos a formar nas ringleiras dos que esiximos sentido da proporción e altura de miras para resolver o problema.

Porque se xa era problema a presenza de dez mil efectivos antidisturbios entre garda civil e policía, co que iso significaba de “desembarco en Normandía”, ese problema aumentou cando pasaron a intervir con total desprezo polos cidadáns. Un comportamento –como demostraron cando non souberon aturar un “escrache” no seu hotel de Calella- que estaba moito máis preto dunhas tropas de intervención colonial que dunhas forzas cuxa función fundamental é defender e protexer os cidadáns.

Porque esa é a sensación que temos os máis dos cataláns: eses policías actúan como forza de ocupación. Pero iso non é o máis preocupante para min: ao cabo, non deixan de seren uns traballadores que cobran un mal salario e que obedecen ordes, ás veces especialmente elixidos para non ter conciencia dos seus excesos. Uns excesos que foron ordenados, posiblemente, polo fracaso da intelixencia policial: malia as papeletas e as cartas de convocatoria incautadas, non foron capaces de atopar as urnas, urnas que apareceron o domingo por milleiros. Todo un éxito loxístico dos organizadores do referendo. ¿Non dixera o goberno que este estaba desmontado? Daquela, sen validez efectiva, ¿para que facer unha operación militar perfectamente deseñada para escarmentar?

Pero o que máis me desacouga é a resposta de españolismo saído das entrañas que estamos a observar por España adiante. Desde aquel “A por ellos!” cando en Huelva despedían un continxente policial destinado a Cataluña ao abano de manifestacións nas rúas e nas redes que so responden ao frikismo máis primitivo. Sorprendeume non ter visto ou ouvido ningunha reacción –ningunha, repito- en favor deses policías manifestada en nome da democracia e da liberdade.

Todas foron a prol da unidade de España, cunha imposición, queiras ou non, que Cataluña é deles. Unha Cataluña que din querer posuír pero á que lle negan o dereito de empregar decote a lingua de seu, de menosprezar a súa cultura ou de renegar (non sei se por envexa) dos seus avances. Unhas manifestacións de anticatalanismo que son froito de séculos de intoxicación histórica ou xornalística. En tanto que catalán non me sento máis ca ninguén e, en calquera caso, o meu amor por outras terras –Galiza a primeira- é boa vacina para calquera tentación de sentimento de superioridade. Non máis que ninguén pero tampouco menos.

E por riba de todo, a defensa da democracia pero téndoa interiorizada por cada un e en cada un de nós. Teño serias dúbidas que o sintan así os que berran “Yo soy español, español, español!!!” con música de canción rusa. O hooliganismo nin nos campos de fútbol e menos aínda nas rúas. Porque cando en tempos pasados España estaba –pola forza- máis unida que nunca, as liberdades eran pura entelequia. Por primeira vez, penso (e no global, non altero o que explicaba días atrás), o perigo de desafección non está so en Cataluña (este territorio está emocionalmente perdido xa para España). O perigo é que a crise do propio sistema provoque o seu colapso.  

 

Grupo Correo Gallego
Ante calquera dúbida, problema ou comentario nas páxinas de Galicia Hoxe envíe un e-mail a info@galicia-hoxe.com. Titularidade e política de privacidade. Política de Cookies
Auditoría Audiencia Sites
Titulares RSS