Hemeroteca web | RSS  RSS     Mércores 13.12.2017 Actualizado 17:49
El Correo Gallego Radio Obradoiro CorreoTV Anova multiconsulting

Galicia Hoxe

Noticia 1 de 1 Galicia  |   RSS - Galicia RSS

ENQUANTO HÁ FORÇA

Desproporción inútil

XOSÉ A. GACIÑO  | 05.10.2017 
A- A+

Parece que a proporcionalidade se desequilibrou o domingo 1 de outubro na confrontación entre os que se empeñaron en manter a convocatoria do referendo independentista en Cataluña suspendido polo Tribunal Constitucional e as forzas de seguridade encargadas de cumprir as resolucións xudiciais para impedir as votacións. Comentaba eu, no meu artigo anterior, que o nivel de proporcionalidade das diversas medidas adoptadas por uns e outros se mediría en función dos resultados, concretamente dos efectos colaterais, xa que o efecto principal, o referendo mesmo, era unha actividade anulada de entrada, con independencia de que se celebrase ou non a votación (outra cousa serían os réditos políticos e electorais para uns e outros, segundo se desenvolvesen os acontecementos).

De momento, os efectos colaterais parecen deixar ao goberno central nunha situación delicada (por empregar un termo suave). Desde a súa posición, o peor non é que a actuación das forzas de seguridade fose desproporcionada, senón que, ademais, resultou inútil e pode que ate contraproducente. A finalidade reiteradamente confesada polo goberno de Rajoy era que a votación non se realizase, a diferencia da actitude pasiva que mantivo cando se celebrou a consulta do 9 de novembro do 2014, rebautizada pola Generalitat, presidida entón por Artur Mas, como “proceso participativo”, unha vez que o Tribunal Constitucional suspendeu o referendo que convocaran inicialmente. Nesta ocasión, na que o goberno autonómico de Puigdemont mantivo o carácter de referendo, pese a suspensión do Constitucional, tamén se mantivo o obxectivo da autoridade do Estado de que non houbese votacións.

Quizais non se deseñou axeitadamente a operación ou os recursos humanos foron insuficientes para controlar máis de dous mil colexios electorais. O caso é que apenas se conseguiron pechar o 4 por cento dos locais previstos para as votacións e os policías e gardas civís víronse desbordados nunha imposíbel misión de poñer portas ao campo, mentres os mossos d’esquadra xogaron decididamente o papel de poli bo (como era previsíbel, por outra parte). Se houbese un mínimo de serenidade, o lóxico sería que unha comisión de investigación analizase comportamentos e circunstancias para depurar as responsabilidades correspondentes. Pero o que menos hai, nestes momentos, é serenidade. Ate o momento, uns e outros parecen rivalizar en comprobar quen bota máis leña ao lume.

Os independentistas, crecidos pola repercusión internacional das imaxes das actuacións policiais máis duras, intensifican a súa mobilización nas rúas, dirixida agora contra a presenza de policías nacionais e gardas civís. O goberno central, pola súa parte, unha vez que asumiu como correctas e proporcionadas todas as actuacións das forzas que dependen directamente do seu mando, non está disposto a retiralas e moito menos por presión dos independentistas. Un pulso que se vai manter, polo menos ate que o Parlamento catalán reciba os resultados perfectamente cociñados do referendo e decida pór en marcha a declaración unilateral de independencia, prevista na súa lei exprés coa que iniciaron o pasado 6 de setembro a perigosa senda da ilegalidade constitucional. Entón, comezará o capítulo final da confrontación, o verdadeiro choque de trens.

Hai moitas chamadas ao diálogo e á negociación, desde algunhas forzas políticas españolas que tratan de manter o tipo entre os dous fogos e desde algunhas instancias europeas escandalizadas polas imaxes do 1 de outubro. Os mesmos protagonistas da confrontación móstranse dispostos ao diálogo, pero cada un quere dialogar sobre unha cuestión diferente. E para cambiar de protagonistas, os mesmos protagonistas deberían convocar eleccións -de verdade- cada un nos seus respectivos ámbitos.

Necesitaríamos un novo Adolfo Suárez para convencer a algúns de facerse o harakiri político?

PD. Despois de escrito todo o anterior, a intervención do rei, nun descoñecido papel de portavoz do goberno (non se sabe se Mariano Rajoy ten adoptado o papel de raíña nai), parece marcar a vía do restablecemento da legalidade sen máis matices. Xa que logo, a actuación das forzas de seguridade o día 1 de outubro non foi inútil nin contraproducente. Simplemente, foi o primeiro aviso.

Grupo Correo Gallego
Ante calquera dúbida, problema ou comentario nas páxinas de Galicia Hoxe envíe un e-mail a info@galicia-hoxe.com. Titularidade e política de privacidade. Política de Cookies
Auditoría Audiencia Sites
Titulares RSS