Hemeroteca web | RSS  RSS     Sábado 14.09.2019 Actualizado 15:12
El Correo Gallego Radio Obradoiro CorreoTV Anova

Galicia Hoxe

Noticia 1 de 1 Galicia  |   RSS - Galicia RSS

Detido o home sospeitoso de apuñalar á súa exparella en Vimianzo

A muller continúa ingresada en estado moi grave tras ser acoitelada no pescozo

SANTIAGO. EP  | 15.05.2019 
A- A+

O home sospeitoso de apuñalar na mañá deste mércores á súa exparella no municipio coruñés de Vimianzo (A Coruña), foi localizado e detido esta tarde, segundo confirmaron a Europa Press fontes próximas ao caso.

En concreto, o home, que se buscaba desde que á primeira hora fuxiu do lugar do suceso, foi localizado ao redor das 20,00 horas, ensanguentado e no interior dun vehículo, na Praia dos Muiños, no municipio de Muxía.

A localización produciuse grazas a unha chamada ao 112, na que se indicaba a presenza nesta praia dun vehículo como o que utilizara Javier M.T. para fuxir, unha furgoneta branca. Até a zona desprazáronse efectivos da Garda Civil, que confirmaron a súa identidade e procederon á súa detención.

A agresión produciuse pouco despois das 9,00 horas da mañá deste mércores fronte ás oficinas de Unións Agrarias en Vimianzo, onde traballa a vítima. A muller entraba en compañía dunha clienta cando apareceu no lugar a súa exparella, armado cun coitelo, con actitude "moi agresiva", e iniciou unha "discusión moi forte", segundo explicou o delegado do Goberno, Javier Losada.

A clienta, apuntaron testemuñas presenciais, acudiu entón a pedir axuda ás persoas que se atopaban pola zona, entre elas numerosos pais que a esa hora deixaban aos seus fillos nun colexio próximo e, ao regresar, atopouse á muller esborrallada sobre un charco de sangue. O agresor, que lle cravou o coitelo no pescozo, montouse posteriormente nunha furgoneta branca e deuse á fuga.

No momento iniciouse un gran dispositivo de procura no que participaron efectivos de Garda Civil e da Policía Nacional e que incluíu patrullas por terra e un helicóptero. Finalmente, o home foi localizado nunha praia, no interior do seu vehículo e ensanguentado a última hora da tarde. As primeiras hipóteses apuntan a que el mesmo se tentou autolesionar.

A VÍTIMA ESTÁ MOI GRAVE
A vítima da agresión é a exparella do detido, Montserrat López Mosquera, de 48 anos e moi coñecida e querida na localidade de Vimianzo.

Tras a agresión, a muller foi trasladada por un helicóptero sanitario do 061 até o Hospital Clínico de Santiago, onde foi intervida. Aínda que se atopaba consciente, o seu estado é moi grave e continúa ingresada en coidados intensivos.

O detido, Javier M.T., é un home de 41 anos, fontaneiro de profesión e coñecido na localidade tanto polos seus traballos como actor como por ser en 2015 candidato á Alcaldía de Vimianzo.

Tanto a vítima como o agresor teñen fillos de matrimonios anteriores, aínda que non en común, explicaron persoas próximas. Coñecidos da muller e o propio alcalde da localidade, Manuel Antelo, confirmaron que os fillos dela, de 19 e 14 anos, están agora mesmo ao coidado e en compañía do seu pai, o exmarido da vítima, co que, destacan, mantén unha "excelente relación".

A muller iniciara hai algún tempo unha relación de parella co presunto agresor, que, no entanto, finalizara hai menos de dous meses, segundo confirmaron a Europa Press persoas próximas. Javier Losada explicou que non constan antecedentes de que houbese ningunha denuncia por violencia de xénero entre a parella, aínda que o alcalde da localidade apuntou a que o presunto agresor fora denunciado hai anos pola súa exmuller, aínda que o caso foi arquivado.

 

Grupo Correo Gallego
Ante calquera dúbida, problema ou comentario nas páxinas de Galicia Hoxe envíe un e-mail a info@galicia-hoxe.com. Titularidade e política de privacidade. Política de Cookies
Auditoría Audiencia Sites
Titulares RSS