Hemeroteca web | RSS  RSS     Domingo 26.04.2020 Actualizado 00:00
El Correo Gallego Radio Obradoiro CorreoTV Anova

Galicia Hoxe

Noticia 1 de 1 Galicia  |   RSS - Galicia RSS

CALIDOSCOPIO

O dez de marzo e o nacionalismo galego

MANUEL MERA  | 09.03.2020 
A- A+

Hai 48 anos preto de catro mil manifestantes, operarios do estaleiro de Bazán, no Ferrol, diríxense á entrada da cidade, despois de atopar pechadas as portas do estaleiro, co obxectivo de sumar á protesta aos traballadores da construción de Caranza; así como aos operarios que ian saír do estaleiro de Astano, en Fene, con idéntica finalidade atravesando a ponte de As Pías. Á altura das Casas Baratas sesenta grises (policía armada) cortáronlles o paso, houbo disparos, os manifestantes guindan pedras e recúan, máis disparos dos “grises” e caen mortos Daniel Niebla e Amador Rey, e outros vinte oito traballadores son feridos de bala.

Como consecuencia do enfrontamento, en realidade da masacre da policía ao servizo da ditadura, declarase o estado de excepción na cidade. Bazán ficará pechada por dez días e despois será militarizada. O cruceiro Canarias preparouse para protexer os estaleiros, e outro buque da Armada estaba disposto a voar a ponte de aceso á cidade. Así de rotunda foi a resposta do réxime, temeroso dunha revolta social. Daquela que a represión sobre a clase obreira non se fixo esperar, segundo fontes policiais son detidas 169 persoas, 130 operarios serán sancionados coa perda de emprego, 45 son xulgados por asociación ilícita, e unhas 200 persoas da comarca pasaron á clandestinidade. Outras valoracións aumentan até os 160 despedidos na Bazán e outros cen noutras empresas da bisbarra.

A solidariedade en toda Galiza contra a estrema represión no Ferrol foi moi rápida e amosou o alto nivel de solidariedade e conciencia política que existía no momento, tendo en conta os métodos que utilizaba a ditadura. Houbo paros que duraron varios días nas empresas máis importantes da comarca, así como en Vigo, ademais de manifestacións. Tamén na Coruña, Lugo, Ourense e Compostela, aínda que de menos intensidade. Nalgúns casos, especialmente en Compostela, uníronse ás protestas os estudantes. Os xornais do 17 de marzo sinalaban que se restablecera a normalidade nas empresas.

As protestas dos traballadores do estaleiro ferrolán tiñan a súa orixe na reivindicación dun convenio de empresa, xa que se consideraban prexudicados polo de ámbito estatal no que estaban integrados. A súa foi unha reivindicación que, na práctica, coincidía coas consignas do nacionalismo que agromaba na mocidade; aínda que a hexemonía sindical era dunha organización de ámbito estatal, Comisións Obreiras, controlada polo PC, aínda que tamén sumaba militantes anarquistas e nacionalistas.

Ese ano habería protestas laborais no mes de maio en Vigo, e unha folga xeral de dúas semanas no mes de setembro, que abrangueu á industria e construción, e que se alargou á comarca e ao estudantado. Este paro deu un novo pulo á loita político-laboral, porén tamén ás contradicións existentes dentro do movemento político e sindical. Xurden previamente, como unha escisión das mocidades comunistas, a OMLG, e no eido sindical Organización Obreira (OO), que se opoñen ao “Pacto pola Liberdade” que diluía as reclamacións históricas; en OO usan a lingua o galega, e un sector aproximase á UPG. A dura represión desartella esta iniciativa, mais deixaría semente na clase obreira e abre unha fenda na hexemonía do PCG-PCE. Afórralle tempo ao nacionalismo galego, que agroma na mocidade, para coller folgos no eido laboral.

A protesta labrega de 1965 en Castrelo do Miño, de 1968 no estudantado de Compostela, as folgas obreiras de 1972 en Ferrol e Vigo, o asasinato de Moncho Reboiras en 1975, as mobilizacións de 1977 contra a cota empresarial agraria, as xornadas de loita en 1978 contra o Pacto da Moncloa, as marchas contra Xove nuclear de 1978 e 1979, e as tres folgas nacionais de 1984, entre outros conflitos, marcaron decisivamente a primeira etapa da maioría do nacionalismo galego contemporáneo. Ligaron fortemente, no organizativo e nos obxectivos, a loita pola liberación nacional da Galiza coas reivindicacións sociais das clases populares, especialmente da clase traballadora. Polo tanto, non é casual que dende o seu nacemento o sindicalismo nacionalista, hoxe representado esencialmente pola CIG, converteu esta data nun día de mobilización no que se conxuga a lembranza coas loitas do presente: a prol dunha sociedade sustentábel, con xustiza social, igualdade, democracia e soberanía.

https://obloguedemera.wordpress.com/

Grupo Correo Gallego
Ante calquera dúbida, problema ou comentario nas páxinas de Galicia Hoxe envíe un e-mail a info@galicia-hoxe.com. Titularidade e política de privacidade. Política de Cookies
Auditoría Audiencia Sites
Titulares RSS