Hemeroteca web | RSS  RSS     Venres 11.10.2019 Actualizado 19:57
El Correo Gallego Radio Obradoiro CorreoTV Anova

Galicia Hoxe

Noticia 1 de 1 Galicia  |   RSS - Galicia RSS

CALIDOSCOPIO

Día da Clase Obreira Galega

MANUEL MERA  | 10.03.2019 
A- A+

O dez de marzo de 1972 uns catro mil manifestantes, operarios do estaleiro de Bazán, no Ferrol, dirixíronse á entrada da cidade, despois de atopar pechada a factoría. A finalidade era sumar á protesta aos traballadores da construción no barrio de Caranza, así como aos obreiros de Astano que pensaban atravesar a ponte de As Pías para se unir á mobilización. No foi posíbel. Á altura das Casas Baratas sesenta grises (policía armada) cortáronlles o paso. Houbo disparos da policía, os manifestantes guindan pedras e recúan, máis disparos, caen mortos Daniel Niebla e Amador Rey, e outros vinte oito son feridos de bala.

As protestas dos operarios do estaleiro ferrolán tiñan a sua orixe na reivindicación dun convenio provincial, xa que se consideraban prexudicados polo de ámbito estatal no que estaban integrados. A súa foi unha reivindicación que, na práctica, coincidía coas consignas do nacionalismo que agromaba na mocidade; aínda que a hexemonía era daquela do PCE que controlaba Comisións Obreiras. Neste sindicato tamén estaban integrados/as activistas anarquistas e nacionalistas (ou galeguistas como se dicía daquela).

Como consecuencia do enfrontamento, en realidade unha masacre feita pola policía por orde da ditadura, declárase o estado de excepción na cidade. Bazán ficou pechada por dez días e despois sería militarizada. O cruceiro Canarias preparouse para protexer os estaleiros, e outro buque da Armada estaba disposto a disparar contra a ponte de aceso á cidade. A represión sobre os operarios do estaleiro, e daqueles traballadores e traballadoras que se solidarizaron, non se fixo esperar: segundo fontes policiais son detidas 169 persoas, 130 operarios serán sancionados coa perda de emprego, 45 son xulgados por asociación ilícita, e unhas 200 persoas pasaron á clandestinidade. Cifras que outros informes aumentan a 160 despedidos/as na Bazán e outras cen persoas noutras empresas da bisbarra.

A solidariedade cos obreiros da Bazán en toda a Galiza foi inmediata, e amosou o grao de conciencia de clase que existía no momento, máxime tendo en conta o nivel de represión. Houbo paros nas empresas da comarca de Vigo e manifestacións, así como na Coruña, Lugo, Ourense e Compostela, aínda que de menos intensidade. Nalgunhas cidades, especialmente en Compostela, uníronse ás protestas os estudantes. Os xornais do 17 de marzo sinalaban que se restablecera a “normalidade nas empresas de Vigo”, mais a represión manteriase por moito tempo, tal como o comprobei persoalmente cando a mediados de 1973 traballei de electricista nos estaleiros de Bazán e Astano.

O Día da Clase Obreira Galega é unha data de transcendencia histórica. Vexamos algunhas das razóns. Porque foi un precedente importante á folga de dúas semanas de 28.000 traballadores e traballadoras en setembro en Vigo. Porque para alén da derrota inicial foi un revulsivo social, e deu pulo ao agromar de todo unha nova xeración de activistas políticos e sociais que ligaron a cuestión de clase e nacional galega.

As folgas de 1972 non son un feito illado ou casual na historia do noso país. Houbo outros revulsivos anteriores que non se poden ignorar. Como a loita contra os Trastamara no século XIII, as revoltas irmandiñas do século XV, a Revolución de 1846, o Banquete de Conxo en 1856, a insurrección de mariñeiros e obreiros no ano 1872 no Ferrol e na mesma cidade a longa folga en 1932 na Construtora Naval (ou sexa na Bazán).

Neste intre no mundo, na Unión Europea, no Estado español, e tamén na Galiza, estamos a vivir momentos complexos e ateigados de contradicións, de desigualdade e retos. Unha conxuntura, no que o vello non termina de morrer e o novo aínda non está plenamente definido. En calquera caso o determinante será a mobilización, a correlación de forzas, e sobre todo a vontade popular a prol da xustiza e a solidariedade.

Manuel Mera

 

Grupo Correo Gallego
Ante calquera dúbida, problema ou comentario nas páxinas de Galicia Hoxe envíe un e-mail a info@galicia-hoxe.com. Titularidade e política de privacidade. Política de Cookies
Auditoría Audiencia Sites
Titulares RSS