Hemeroteca web | RSS  RSS     Xoves 21.09.2017 Actualizado 20:28
El Correo Gallego Radio Obradoiro CorreoTV Anova multiconsulting

Galicia Hoxe

Noticia 1 de 1 Galicia  |   RSS - Galicia RSS

NOTICIAS COTIÁS

O día do amor…

RUTH FERNÁNDEZ  | 07.02.2013 
A- A+

Mergullados xa de cheo no Entroido, e máis os que o vivimos dentro do triángulo máxico ourensán (Xinzo, Verín e Laza), non esquecemos que temos á volta da esquina o día de San Valentín, digamos… o día do amor.
 

A piques de gozar da festa que trae consigo o xoves de comadres nas terras do Cigarrón, programando con moito tino cada saída destes días grandes do Carnaval (ata a viaxe a Laza no día das formigas…), decátome do preto que se atopa o 14 de febreiro, a data por antonomasia para demostrar o afecto á xente querida. Este ano vai todo moi seguido. Nada máis enterrar a sardiña… festexamos o día de Cupido, un día no que de xeito máis especial cobra sentido a idea de que os abrazos, os aloumiños, os bicos, os roces e mesmo as palabras forman parte do xogo amoroso entre dúas persoas que se queren demostrar amizade e tenrura. Poden resultar mostras de afecto tremendamente sensuais, que leven a límites insospeitados, entendendo os agarimos como estímulos sociais que nos damos as persoas para recoñecer a existencia do noso semellante. Intercambiamos aloumiños? Este acto convírtese nun dos máis importantes que as persoas facemos na vida diaria, ás veces sendo algo reacios a expresar o afecto físico, por medo a demostrarlle os demais o que sentimos. E no amor, como na guerra, hai que ver valentes e falar claro. Talvez para gañar a guerra haxa que perder no camiño algunha que outra batalla…
 

Dar un bico ou un abrazo pode ser o mellor agasallo, imprescindible para manter a relación de complicidade entre dúas persoas, para chegar a un grao total de intimidade. Dicir ‘quérote’ acompañado dun ramo de rosas e facer dos aloumiños e os bicos un idioma universal pode facer que nos sintamos mellor. Dise que as apertas e os agarimos mesmo aumentan a nosa autoestima, facendo que nos afastemos da soidade e venzamos o medo, icluso diríase que a enfermidade.
 

O amor entendido como entrega total, como incondicional, pleno… esa concepción do amor romántico doutras épocas… hoxe semella estar descatalogado. Non hai un compromiso como sería desexable. A sociedade é máis materialista. A xente ten un comportamento máis egoísta… e xa non busca compartir cunha persoa única, incomparable e irrepetible a vida… cando o máis fermoso do amor ten que ser chegar ao grao de estar disposto a dar a vida polo outro, a entregar todo o que un ten polo ser amado. Lembremos as palabras de Jacinto Benavente cando dicía que ‘ el verdadero amor no se conoce por lo que exige, sino por lo que ofrece’.
 

O que non debe fallar é o respecto cara a persoa amada. Se falta iso… acabouse o amor. Hai que ter moito tacto, ser prudentes, usar un ton na fala cordial, aloumiñar coa voz e co tacto, agarimar coa ollada e saborear cada éxito que se produza no seo da parella. É fundamental non perder as esencias e desfrutar co arrecendo dos sorrisos, coa música dos bicos. É un reto conseguir falar sen palabras, sen por iso esquecer a importancia da comunicación verbal entre os dous seres implicados na relación amorosa. Como di o autor de El Principito, Antoine de Saint- Exupery, ‘Amar no es mirarse el uno al otro, es mirar juntos en la misma dirección’. En silencio ou coas palabras máis fermosas, pero demostrando en todo momento o importante que é o lazo que une ás dúas persoas, sen esquecer tampouco que se trata de algo que une, pero non ata.
 

Eros convídanos a gozar do 14 de febreiro. Se permitimos que as frechas de Cupido nos atravesen o corazón dun lado a outro, se deixamos que nos firan de amor... caemos engaiolados por aquel que nos seduce con olladas penetrantes e doces versos. Entón veremos a vida doutra cor. Volvo ás palabras dun dos autores do Romanticismo, que xa citei noutras ocasións. Herderdeixou dito que o amor era que dous seres se buscaran ao longo e ancho do universo sen saber o que buscaban. De novo, o autor de O Principiño dicía que 'non se ve ben senón co corazón. O esencial é invisible aos ollos’, ‘os ollos están cegos. É preciso buscar co corazón’. Porque con el é como se encontran as almas xemelgas confinadas a quererse, ás veces á vista de todos, outras en silencio.
 

O día do amor o vermello volve ser o protagonista da xornada. En San Valentín o roxo éncheo todo. Unha cea romántica. Un ramo de rosas vermellas. Un bico cheo de paixón e promesas de futuro...
 

Ruth Fernández

Grupo Correo Gallego
Ante calquera dúbida, problema ou comentario nas páxinas de Galicia Hoxe envíe un e-mail a info@galicia-hoxe.com. Titularidade e política de privacidade. Política de Cookies
Auditoría Audiencia Sites
Titulares RSS