Hemeroteca web | RSS  RSS     Xoves 23.11.2017 Actualizado 20:32
El Correo Gallego Radio Obradoiro CorreoTV Anova multiconsulting

Galicia Hoxe

Noticia 1 de 1 Galicia  |   RSS - Galicia RSS

noticias cotiás

Días de Reis

RUTH FERNÁNDEZ  | 07.01.2014 
A- A+

Un ano máis festexamos o 6 de xaneiro, o día no que se pon case que punto e final ás vacacións de Nadal. É unha data sumamente importante para os máis pequenos, non cabe dúbida. Pero tanto os mozos coma os vellos…  pasando por todas as franxas de idade… todos desexamos que se acorden de nós, estando na lembranza dos que mantemos agochados no corazón. Por iso tamén adoitamos poñer tanto empeño en elixir o agasallo que máis se adapte ao seu destinatario, sen que por iso teña que ser o máis caro ou luxoso, todo depende do que esa persoa valore e do moito que signifique para nós. Trátase de sorprender, de gustar, de achegarnos afectivamente á xente máis querida. Estamos en tempos de crise e o certo é que tamén reconforta poder dar algo ao que non dispón economicamente de axudas que lle permitan seguir adiante. Ás veces é unha boa axuda, un grande agasallo, poder contribuír a que outros, os descoñecidos da rúa, xente á que non lle poñemos cara, sexan tamén felices co noso gran de area, mesmo privándonos dalgunha compra que non deixa de ser máis que un antollo.

Se podemos escollemos o perfume que máis se axeita á personalidade ou ás predileccións do ser a quen vai dirixido, así como nos informamos dos seus gustos literarios ou da talla de roupa que usa. Pensamos na posibilidade de facelo un chisco máis feliz co último modelo de telefonía móbil ou con algún aparello que o someta máis (gratamente para o destinatario de tal regalo) no mundo dixital no que vivimos… Pero tamén hai outros agasallos que poden sorprender notoriamente e ata ser de grande utilidade. Por que non regalar saúde? Si. É unha boa opción. Eu decidinme por iso este Nadal. Un ano de ximnasio pagado para dúas persoas. Outras boas opcións son unhas sesións de spa ou de perruquería. Por que non saírse do común? Eu, ademais de contar debaixo da árbore de Nadal con regalos fantásticos para mín, como grande amante da lectura que son, coma os libros Dispara, yo ya estoy muerto e El cielo ha vuelto, tamén recibín agasallos diferentes, como unha entrada para desfrutar do Cirque du Soleil na Coruña. Por que non sorprender con momentos para compartir? Un par de entradas para o cine, unha cea especial, unha pequena viaxe,… sexan por Reis ou por Papá Noël.

Do libro Dispara, yo ya estoy muerto xa falarei máis adiante seguro, posto que xa tiña en mente lelo (na miña versión de e-book), pois ten moi boa pinta, igual que o outro título citado. Volvo con el á maxia das páxinas en papel, cun agasallo de Reis que me fixo moita ilusión, malia o inconvinte do peso que vou ter que soportar nas viaxes… Son moitas páxinas! Como falaba cando fixen apoloxía do Kindle Paperwhite, iso non pasa cos libros dixitais, onde o concepto ‘peso’ desaparece. Pero é marabilloso saber que hai quen está pendente de ti, quen escoita os teus gustos, quen coñece os teus desexos e loita por facelos realidade, achegándose ao mundo particular de cada un de nós. Feliz Día de Reis! E miles de grazas aos que vos acordastes de min! Preciosos o paraugas de Desigual e a estola de pel. Fantásticos os complementos de Gorjuss e a artesanía de coiro e prata. Grazas! Tamén polos agasallos gastronómicos que os amigos, dende a distancia, me fixeron chegar, para desfrutar da boa mesa, co típico de lugares coma A Fonsagrada ou A Gudiña. Grazas!

Nesta data sempre me vén á memoria, sendo eu unha nena, o nacemento do irmán, ou pai, segundo se queira entender, deste xornal, Galicia Hoxe. Refírome ao diario chamado O Correo Galego, no que tiven o privilexio de escribir. Si. Aquel xornal nacera o 6 de xaneiro do ano 1994, como agasallo de Reis, nun día máxico para a nosa lingua. É deses agasallos de Nadal que nunca se esquecen… Como tampouco olvidamos a sensación de nerviosismo que se apoderaba de nós cando se achegaba o día da Cabalgata de Reis e nos dirixiamos a ver a Melchor, Gaspar e Baltasar con toda a ilusión dun neno. Que veñan moitos días fantásticos para lembrar no futuro, que o 2014 nos traía miles razón para brindar!

Como desexos para este novo ano e para o Día de Reis, para cada día deste ano que comeza, podería enumerar os seguintes: como de galletas… unha caixa de bicos sen data de caducidade, como de café… un saco de sorte e de sorrisos, como destino… un lugar no que sempre nos reciban cunha aperta e doces aloumiños. Que a saúde vaia sempre da nosa man e que o amor e a ledicia nos asolaguen cada día o corazón, nada máis espertar. Que o 2014 traia moito amor para todos e saúde para poder compartir grandes momentos coa familia e os amigos. Que veña con traballo para aqueles que o necesitan e que cada xornada se enchoupe de felicidade.

Ruth Fernández

Grupo Correo Gallego
Ante calquera dúbida, problema ou comentario nas páxinas de Galicia Hoxe envíe un e-mail a info@galicia-hoxe.com. Titularidade e política de privacidade. Política de Cookies
Auditoría Audiencia Sites
Titulares RSS