Hemeroteca web
|
RSS
Sábado 18.05.2013
| Actualizado 11.27
Na época actual, logo de constatado que a nosa lingua nai conta con todos os rexistros e de que habería grandes posibilidades para facela extensiva a toda a poboación, a resistencia a aceptala persiste e o inimigo segue a ser a ignorancia. Certamente houbo cambios sociais importantes, como o despoboamento do rural e unha invasión cada vez máis masiva e insistente de comunicación en lingua castelá. E podería engadirse ademais, que os esforzos a prol por parte dos gobernos que tivo a Xunta foron sempre raquíticos e ata que os que agora gobernan disimulan pouco que o seu esforzo vai no sentido oposto. Mais, a verdade sexa dita, ningún goberno podería erradicar – como non puido antes - o noso idioma sen a aquiescencia da poboación. E o certo é que o galego a día de hoxe deixou de ser maioritario e mesmo camiña cara ao declive. Da xente que quere xustificar o seu afastamento, están aqueles que din que o galego non é unha lingua útil, algo que, ademais de discutíbel, non é argumento suficiente, pois moito menos útil é ver televisión e non por iso esa mesma xente renega dela.
Hai outra xente, simple ou simplificada, do noso ámbito urbano que cando te escoita falar no idioma de aquí deseguida che pregunta se es nacionalista, algo que a min sempre me provoca a gargallada porque, segundo esa conclusión de alta idiocia, todo o que crese en Deus tería que ir a misa e todo o que andase en bicicleta tería que ser ecoloxista. Mísero clixé.
Se hai un inimigo do noso idioma, ese segue a ser a ignorancia, pero desta eiva que todos padecemos en maior ou menor medida, existen dúas clases: a curábel e a incurábel, a primeira é aquela que padece quen polo menos sabe que non sabe e quere saber, e a segunda, a do que non sabendo que non sabe, veta calquera posibilidade de conseguilo. Loitar contra esta é como predicar no deserto. E por iso, cando me toca a carón un renegado, adoito comportarme da seguinte maneira: contéstolle en galego e fágolle inmediata tradución. Nun mellor castelán que o deles. A reacción é sempre a mesma; dinme que non é necesaria a dupla, pero eu insisto. E algúns ata acaban tratando de falarme en galego.
De todos os xeitos, a día de hoxe, confeso que hai xente que prefiro que non o fale porque, á parte de facelo mal, na súa boca soa a oportunista e a hipócrita. Ata o punto de que incluso propoñería un slogan que dixese: Galego? Se non quere, non o fale; podemos amañarnos sen vostede. Créanme os que o aman, a mellor marca para o galego é a dignidade e, se me apuran un pouco, ata cunha miga de soberbia.
Isidro Novo
