Hemeroteca web | RSS  RSS     Venres 15.02.2019 Actualizado 19:01
El Correo Gallego Radio Obradoiro CorreoTV Anova

Galicia Hoxe

Noticia 1 de 1 Galicia  |   RSS - Galicia RSS

A dirección de En Marea acorda votar non aos orzamentos

Detecta "falta de vontade" do PSOE a aumentar o investimento galego // Yolanda Díaz pide ao Goberno no Congreso que "galleguice" as contas e a ministra censura que se antepoñan intereses territoriais

SANTIAGO. EP  | 13.02.2019 
A- A+

O Consello das Mareas, órgano máximo de dirección de En Marea entre plenarios, acordou votar 'non' ao proxecto de Orzamentos Xerais do Estado (PGE) que se atopa a debate no Congreso dos Deputados.

A dirección de En Marea argumenta a súa decisión sobre a base dunha "falta de compromiso orzamentario nos investimentos coas necesidades económicas, ambientais, sociais de Galicia, e a falta de vontade negociadora para a súa modificación durante a tramitación parlamentaria".

A través dun comunicado emitido na mañá deste mércores --coincidindo co debate no Congreso--, o partido instrumental subliña a "falta de vontade real" por parte do Goberno central para recoller as demandas da chamada 'Axenda galega do cambio' e lamenta que o PSOE "non" comprendese "que a formulación dunha maioría progresista no Congreso após a moción de censura require gobernar tendo en conta a pluralidade parlamentaria".

"(O Goberno) Comportouse durante a tramitación parlamentaria coma se tivese unha maioría da que non dispón, sen escoitar as lexítimas demandas de forzas políticas que como En Marea, buscamos mellorar a vida da xente", remarca En Marea no seu comunicado.

Deste xeito, a dirección de En Marea reafirma a súa oposición aos PGE, mesma postura que, en principio, sosteñen o cinco deputados da confluencia en Madrid. Con todo, a negativa da maioría dos parlamentarios estatais a recoñecer como órgano superior á dirección galega --como quedou explicitado no último plenario de En Marea-- deixa no aire se os deputados seguirán a posición marcada desde o Consello.

EN MAREA PIDE A MONTERO QUE "GALEGUICE" AS CONTAS
Na mañá deste mércores, durante o Pleno de totalidade ás contas públicas de 2019, a portavoz de En Marea, Yolanda Díaz, reclamou á ministra de Facenda, María Jesús Montero, que "galeguice" as súas contas pois, a pesar de ser "as máis sociais", "non son galegas", e pediu a incorporación de proxectos plurianuais eliminados e "definir unha nova Galicia". "Non lle pedimos a Lúa, pedímoslle Galicia", dixo.

Así mesmo, Díaz cargou contra PP e Cidadáns, aos que avisou de que nin as mulleres nin os traballadores van "permitir" que leven a cabo as súas propostas en política social e laboral. Así, acusou ao líder do PP, Pablo Casado, ausente nese momento no seu escano, de "falsear os datos" e "humillar ás mulleres". "Sen dúbida, vostedes serán derrotados", concluíu.

Na súa resposta, a ministra de Facenda, María Jesús Montero, mostrou a súa "sorpresa" pola intervención da portavoz de En Marea e defendeu que non se poden antepor cuestións lexítimas sobre investimentos territoriais fronte á batería de recuperación de dereitos das novas contas.

Ademais, indicou que "non se pode pretender" que cando finaliza o proxecto de Alta Velocidade se siga obtendo o mesmo volume de recursos, porque senón sería "imposible" que o AVE chegase a todos os recunchos de España, á vez que achacou os menores investimentos na Comunidade galega á carga dos estaleiros.

No entanto, tendeu a súa man a mellorar as contas se o proxecto orzamentario continúa coa súa tramitación.

 

Grupo Correo Gallego
Ante calquera dúbida, problema ou comentario nas páxinas de Galicia Hoxe envíe un e-mail a info@galicia-hoxe.com. Titularidade e política de privacidade. Política de Cookies
Auditoría Audiencia Sites
Titulares RSS