Hemeroteca web  |  RSS   RSS
Mércores 22.05.2013  | Actualizado 14.10

El Correo Gallego Radio Obradoiro CorreoTV Terras de Santiago Anova multiconsulting
Noticia 1 de 1 Galicia  |   RSS - Galicia RSS

ENQUANTO HÁ FORÇA

Discrepancias e arbitrariedades no ámbito autonómico

XOSÉ A. GACIÑO  | 04.08.2012 
A- A+

Na súa última comparecencia ante a prensa, para dar conta dos seus primeiros seis meses de exercicio, o presidente do Goberno español negou que se tivese desentendido das comunidades autónomas, recordando o plan de provedores, os anticipos a conta e a prolongación do prazo para a devolución das débedas de 2007 e 2008. Engadiu, claro, que teñen que facer máis esforzos para contribuír á causa común da austeridade máis rigorosa a maior gloria das finanzas alemás (isto último é engadido meu).

 

A verdade é que da postura do goberno central actual con respecto ás comunidades autónomas pode dicirse calquera cousa menos que se teñan desentendido da súa actividade. Máis ben todo o contrario. Están tan atentos á súa actividade que cada vez parecen máis dispostos a facerse cargo dela en toda a súa extensión.

 

Na última sesión do Consello de Política Fiscal e Financeira quedou patente o ánimo ordenador, máis que coordinador, do Ministerio de Facenda e Administracións Públicas, marcando os niveis de endebedamento de cada comunidade, por certo que con evidente espírito discriminatorio. Como no caso da amnistía fiscal, tamén aquí resultan beneficiadas comunidades que superaron os límites de endebedamento (ás que se lles permite endebedarse máis), mentres se castiga con menor nivel de endebedamento ás que se mantiveron nos límites acordados.

 

Estas últimas disposicións –que conseguiron, por exemplo, romper certo nivel de consenso que acadaran uns días antes o presidente do goberno central e o presidente do goberno andaluz, socialista–, veñen de sumarse a tantas medidas anteriores que foron comendo capacidade de decisión das comunidades autónomas sobre materias que teñen transferidas. De feito, algunhas das comunidades non gobernadas polo PP –ás do PP chamounas previamente a capítulo o propio Rajoy para eliminar disidencias anteriores– teñen presentado recursos de inconstitucionalidade pola invasión de competencias en materias como a sanidade e a educación.

 

O Goberno español, co apoio neste punto de case todo o arco parlamentario, defende ante as instancias europeas que se articulen medidas que alivien o acoso ás débedas soberanas, mediante intervencións do Banco Central Europeo ou coa emisión de eurobonos, en vez de operacións de rescates con novas esixencias de recortes, que é, en definitiva, o que volve ofrecer agora o presidente do BCE, unha semana despois de ter suxerido outro tipo de saída, quizais obrigado polas presións alemás. O caso é que isto que Rajoy está a reclamar aos seus colegas europeos, de forma máis ou menos directa (porque os que realmente o reclaman son Monti e Hollande), non o contempla para os que el considera subordinados, os gobernos autonómicos.

 

E se o goberno español lamenta, con razón, que non haxa eurobonos para combater unha inaceptábel diferenza de financiamento da débeda entre países europeos (en palabras do propio Mario Draghi, presidente do BCE), parece que non mide coa mesma rebola as necesidades de financiamento das comunidades autónomas, ás que castiga co mecanismo de rescate chamado Fondo de Liquidez Autonómico, que conta coas mesmas ferramentas de intervención que os rescates de ámbito europeo.

 

Pode que as discrepancias abertas dalgunhas comunidades autónomas afecten á imaxe de unidade e coordinación que debe dar España ante a Unión Europea, o Fondo Monetario Internacional e os mercados en xeral, non máis, por outra parte, da mala imaxe que contribuíu a fabricar o PP cando estaba na oposición. Hai que ver, de todas maneiras, se a responsabilidade da discrepancia non é a arbitrariedade dun goberno centralista.

Escribe o teu comentario

Para escribir comentarios ás noticias, debes ser usuario rexistrado. De non selo rexístrate agora

1000 Caracteres dispoñibles

www.galiciahoxe.com eliminará os comentarios considerados ofensivos ou que vulneren a legalidade.

Grupo Correo Gallego
Ante calquera dúbida, problema ou comentario
nas páxinas de Galicia Hoxe envíe un
e-mail a info@galicia-hoxe.com.
Titularidade e política de privacidade
Auditoría Audiencia Sites
Titulares RSS