Hemeroteca web
|
RSS
Martes 21.05.2013
| Actualizado 01.39
No meu Barco natal a retranca dos veciños chamáballe Serodio ao dono da funeraria. Sempre chegaba tarde. Como a demisión de Carlos Dívar. Vaise pola porta de atrás, sacado a empurróns, coa sola do zapato debuxada alí onde as costas perden o seu nome. A súa demisión é a crónica dunha indignidade. Xogou a manterse ata o último segundo, e só cando non viu fenda pola que coarse tivo que baixar da poltroa tanto tempo mal usufructuada. Por primeira vez na democracia un Presidente do Consello Xeral do Poder Xudicial e do Tribunal Supremo demite por un suposto desbaldimento de fondos públicos. Suposto eterno porque moito me temo que nunca sentará no banquiño dos acusados por máis que o vocal que sacou o caso á luz pense que hai indicios abondo para unha investigación penal que podería dar cos osos de Dívar no catre dun cárcere.
O escándalo das suntuarias fins de semana do xa ex presidente do máximo órgano de goberno dos xuices é máis grave polos aspectos morais ca polos económicos. Que un alto cargo coma él, co salario que percibe, manche as mans con tan pouca cousa demostra unha altura ética de anano. O pésimo exemplo que deu, o desprezo que amosou pola innegable responsabilidade social que comporta un cargo público coma o seu merecen por sí mesmos a reprobación xeral. E todo o esforzo da fiscalía. Pero coa xustiza con minúsculas topamos, amigo cidadán. A xudicatura segue a ser dun corporativismo medieval. De feito, o propio vocal que denunciou a Divar tivo serios problemas cos seus colegas por sacar á luz pública algúns aspectos pouco limpos do seu funcionamento.
Velaí outra grave consecuencia se como parece non se chegue ata o final neste asunto. Dívar, como os executivos das caixas e dos bancos e mesmo un número bastante notable de políticos de dubidosa traxectoria, vaise de rosiñas. Non cos zapatos limpos, pero sen pagar o prezo que saldaría calquera outro cidadán por algo semellante. Isto é o que desacouga aos que ainda acreditamos no Estado de Dereito. Con casos coma este non é raro que na conciencia colectiva quede a certeza de que nesta nación só pasan polos penais os desgraciados que non teñen un nome rimbombante. Non pode estranar xa que logo que na rúa se suscriba aquela histórica sentenza do alcalde de Xerez, Pedro Pacheco, de que a Xustiza é un cachondeo.
Dívar vaise porque un grupo de vogais do Consello do Poder Xudicial lle removeron a cadeira. Pero non se engañen. ¿Por qué tardaron tanto en facelo? ¿Por qué teño a impresión de que detrás da denuncia hai máis intereses ideolóxicos e partidistas que argumentos éticos? Agradezo que alguén denunciase a inmoralidade e os desbaldimentos de Dívar. E os máis de cinco millóns de parados supoño que tamén. Pero isto sabíase dende hai moito tempo. Creo que xa chegou a hora de que haxa máis transparencia e máis publicidade nas actuacións dos xuices. Tampouco eles están exentos de rendirlle contas ao pobo soberano.
