Hemeroteca web  |  RSS   RSS
Martes 22.04.2014  | Actualizado 21.34

El Correo Gallego Radio Obradoiro CorreoTV Terras de Santiago Anova multiconsulting
Noticia 1 de 1 Galicia  |   RSS - Galicia RSS

A VOZ A TI DEBIDA

Do 15-M ao 19-X

JORGE M. DE LA CALLE  | 19.07.2011 
A- A+

Pasaron dous meses da gran mobilización do 15 de maio, orixe de todas as demais e do espírito “15-M”, que tanto deu que falar nos últimos tempos, e non sospeitabamos que ía dar tanto que falar, que ía provocar tantas reaccións, dun lado e do outro, e que ía unir tanta xente e con tanta forza cun mesmo obxectivo común: denunciar que somos mercadoría en mans de políticos e banqueiros, e tentar mudar isto.


Pasaron dous meses e retiráronse xa as “acampadas” establecidas en todo o Estado como símbolo da “indignación”, como punto neurálxico, físico e psíquico, simbólico, onde se reunía o Pobo pacífica e libremente en asembleas e se exaltaba a Democracia, así en maiúsculas. Pero fixérono da forma máis digna posible: por vontade propia, sen intervención das forzas policiais, por decisión maioritaria ou unánime, segundo os casos, dos seus membros, coa cabeza alta e os deberes cumpridos: concienciar a cidadanía, deixar postas as bases organizativas para unha estrutura asemblearia popular, e concretar unha serie de obxectivos comúns a longo prazo elevables ao Congreso coa fin de mudar este estado de cousas que nos levou a tantos a toma-las rúas.

Pasaron dous meses e a forza da indignación non decaeu, senón que se acrescentou. O noso “maio do 68” particular, o “maio de 2011”, rematou da mellor maneira posible: con centos de miles de persoas reunidas nas rúas manifestándose pacificamente en contra dos recortes sociais do exiguo Estado de Benestar que aínda “disfrutamos”, con respiración asistida e a piques de morrer baixo os continuos ataques dos poderosos. Foi o “19-X”, o pasado domingo 19 de xuño,hai hoxe exactamente un mes, xa elevado á categoría de lenda, como o anterior 15 de maio, porque nesa data os cidadáns retomaron de forma masiva as prazas e espazos públicos; porque confirmouse que ese espírito está máis vivo que nunca. E convén recordar por que o fixeron, para todos e todas aqueles que non acudiron e non coñecen os motivos, ou os que se deixaron intoxicar pola (mala) prensa e demais medios de “incomunicación” confabulados en contra dos “indignados”.


O Pacto do Euro polo que protestaron máis de 200.000 persoas en todo o Estado o pasado 19 de xuño, e que finalmente se asinou, supón un avance máis dos políticos e banqueiros nos recortes sociais e do escaso Estado de Benestar que nos queda, e polo tanto un claro retroceso para o resto da sociedade. Aprobouse entre os días 24 e 27 de xuño no Europarlamento, cos seguintes obxectivos: máis competitividade e menos endebedamentos públicos. Menos déficit, o que conleva menos servizos públicos, menos postos de traballo e menos gasto e protección social, tanto universal como personalizada. Non se trata de recortar só axudas, como apuntaba unha amiga queixándose de que a xente “só acepta diñeiro e non quere traballar”. Trátase de servizos e dereitos básicos de todos, que se verán fondamente afectados, como a sanidade e a educación, entre outros, e de contención do gasto nas pensións e prestacións sociais. Todo para pagar a débeda supostamente contraída cos grandes bancos alemanes e franceses, que se estiveron enriquecendo a través da especulación, a burbulla inmobiliaria e o crédito fácil. Agora pretenden unha vez máis que o paguemos todos os cidadáns, cargando de novo o peso desta ruína sobre toda a sociedade. Os “gobernantes” deberán retraer fondos públicos cara a banca privada, que haberá de estar perfectamente “saneada”. Iso implicará ademais unha fiscalidade máis restritiva, dito claro, subir os impostos a todo o mundo, os máis “populares”, impostos indirectos (IVA) e carburantes. E por último, dito eufemísticamente por eles, máis “flexibilidade laboral”, “moderación salarial” e “fomento da competitividade”; é dicir, vía libre aos empresarios para despedir, salarios ligados á produtividade, polo tanto, máis baixos; menos protección para os traballadores, e menos negociación colectiva.

Todo isto aprobouse hai case un mes (cumprirase a semana que vén) coa connivencia dos europarlamentarios e dos nosos gobernantes, que se submeten así aos ditados da gran banca. Por todo isto cómpre manter a chama do 15-M prendida, e seguir traballando para concienciar cada vez máis xente desta situación insostible, ao tempo que se planean e levan a cabo accións concretas para evitar isto. Dentro do segundo caben as sinaturas que se están recollendo a nivel estatal para o referendo que se quere formular sobre a reforma da Lei Electoral: unha reforma que implique listas abertas e libres para votar persoas, non partidos, limpas de políticos corruptos, e na que o voto de tódolos cidadáns e de tódolos representantes valla o mesmo. Entre outras medidas. Isto conlevaría unha maior representatividade da cidadanía, uns maiores mecanismos de control da clase política e do que fan co voto dos cidadáns. Dentro do primeiro, concienciar, unha “marcha de indignados” que xa comezou e que, partindo de tódolos puntos da xeografía española, quere rematar en Madrid o vindeiro 24 de xuño para informar a moita máis xente e visibilizar os problemas, as protestas, e as solucións efectivas. Tanto un como o outro son esenciais, xa que a maior revolución é das conciencias. De nada servirá que unha grande minoría se “rebele”, se non consigue con-vencer a maioría, con argumentos, con ideais, ideas, e propostas realistas e concretas ao tempo, con diagnósticos e receitas efectivas, con convicción, moita intelixencia e moita ilusión. Hai que mudar as conciencias, para despois mudar todo o demais.

Escribe o teu comentario

Para escribir comentarios ás noticias, debes ser usuario rexistrado. De non selo rexístrate agora

1000 Caracteres dispoñibles

www.galiciahoxe.com eliminará os comentarios considerados ofensivos ou que vulneren a legalidade.

Grupo Correo Gallego
Ante calquera dúbida, problema ou comentario
nas páxinas de Galicia Hoxe envíe un
e-mail a info@galicia-hoxe.com.
Titularidade e política de privacidade
Auditoría Audiencia Sites
Titulares RSS