Hemeroteca web  |  RSS   RSS
Martes 22.07.2014  | Actualizado 19.48

El Correo Gallego Radio Obradoiro CorreoTV Terras de Santiago Anova multiconsulting
Noticia 1 de 1 Galicia  |   RSS - Galicia RSS

CARTAS BOCA ARRIBA

A dobre vara de medir a liberdade

DIANA VARELA PUÑAL  | 05.09.2011 
A- A+

Con frecuencia comprobamos que artistas, intelectuales de todas as épocas, malia adscribirse a ideoloxías progresistas, a deixar constancia na súa obra do seu compromiso coa tolerancia e a liberdade, na súa vida privada a vara de medir era outra.

A reflexión vén ó fío dunha sesión de cine caseiro para despedir as vacacións de agosto, mentras no forno se ía preparando a robaliza en papillote, chegadiña directa das pedras de Corme gracias á recén estreada peixería “Estrela de mar”. Dulce, coñecedora das delicias das nosas augas desde mociña, cando tocaba o carlou polas rúas cormelanas anunciando a frescura do xénero, rexenta, atrévome a dicir, unha das mellores peixerías da Coruña, ubicada en plena avenida do Xeneral Sanxurxo.

A película elixida antes da cea foi “Viridiana”, de Luís Buñuel. Máis alá dos acertos do filme, os planos inesquecibles, os silencios e as metáforas, finalmente rezuma un aquel machista. A ruptura co sistema imperante, a crítica e a liberdade só pareceran operativos para o “chico” da película, interpretado por Francisco Rabal. E nesto lembramos algunhas anécdotas que no seu día escureceron o mito. Jeanne Rucar, casada durante máis de cincuenta anos co director, contou nas súas memorias que despois de pasar medio século con el, o máis fermoso que dixo dela atopouno nunha carta aparecida despois da morte do artista, onde aseguraba que ela fora a muller da súa vida. Todo un exceso. Ou cando, sen molestarse en consultar, trocou o piano de Jeanne por tres botellas de viño que un amigo trouxera. Ou cando mandou cortar a cerdeira que ela coidaba con agarimo, por non ter dado máis ca oitenta cereixas. Calquera cousa que a distraera “del” estaba proscrita.

Outro que tampouco se quedaba curto era Pablo Picasso; resulta como pouco chocante que un personaxe que se gabou de defender a liberdade fronte á ditadura, a tolerancia fronte á represión, fora un machista integral. Famosa é a anécdota de cando obrigou a prometerlle, axeonallada fronte a un altar, os votos matrimoniais a unha das súas compañeiras. Unha vez cumprido o trámite, ante a petición por parte dela que prometese tamén, o pintor, sen mediar palabra deu a media volta e marchou. El non cría naquel circo, mais só polo que a el respetaba.

Segundo abondosas testemuñas, tampouco Juan Ramón Jiménez amosaba na vida diaria tanta delicadeza e sensibilidade con Zenobia como parecía desprenderse dos seus poemas. Cando estaba en plena conversa con deus, disque a conminaba a pecharse no cuarto de baño, supoñemos para non disturbiar a elevada meditación do poeta.

Resulta difícil comprender a extraña e recurrente disfunción ó respeto da liberdade, adoito baticada nos felpudos das casas. Non discutimos a grandeza como artistas. Non hai moito falabamos da polémica xordida co gallo da homenaxe a Celine: sendo como era un auténtico cabrón, o certo é que nunca pretendeu aparentar o contrario. Esa é a clave. A coherencia. Claro que hai condutas socialmente mellor aceptadas ca outras, como o machismo, sen ir máis lonxe.


Diana Varela Puñal

Escribe o teu comentario

Para escribir comentarios ás noticias, debes ser usuario rexistrado. De non selo rexístrate agora

1000 Caracteres dispoñibles

www.galiciahoxe.com eliminará os comentarios considerados ofensivos ou que vulneren a legalidade.

Grupo Correo Gallego
Ante calquera dúbida, problema ou comentario
nas páxinas de Galicia Hoxe envíe un
e-mail a info@galicia-hoxe.com.
Titularidade e política de privacidade. Política de Cookies
Auditoría Audiencia Sites
Titulares RSS