Hemeroteca web | RSS  RSS     Mércores 13.12.2017 Actualizado 17:49
El Correo Gallego Radio Obradoiro CorreoTV Anova multiconsulting

Galicia Hoxe

Noticia 1 de 1 Galicia  |   RSS - Galicia RSS

PAVILLÓN DE REPOUSO

Don Carlos Guitián, o médico que facía as receitas en galego

PABLO VAAMONDE  | 26.04.2017 
A- A+

Don Carlos Guitián é un médico con moito prestixio na cidade de Ourense, onde exerceu a profesión durante moito tempo (foi xefe do Servizo de Uroloxía do Hospital Provincial 45 anos e tamén tivo a súa consulta na rúa Progreso). Agora cumpre gozosamente noventa anos e un numeroso grupo de amigos fanlle un merecido recoñecemento público o próximo día 29 de abril nos locais do Liceo.  O Colexio de Médicos de Ourense e a Irmandade da Sanidade Galega (ISAGA) apoian esta homenaxe.

É un pioneiro na súa especialidade e  na década dos sesenta foi o primeiro médico en realizar a técnica da resección transuretral para as doenzas de próstata. Mais o recoñecemento público non se lle fai só polos seus méritos profesionais senón polo seu profundo compromiso con Galicia e co galego. Foi o primeiro médico que escribiu as receitas no idioma propio, nos tempos escuros da ditadura franquista, cando a nosa lingua era perseguida e maltratada. Esta actitude de firme compromiso non lle reportaba beneficio algún senón todo o contrario. El mesmo recoñecía, nunha entrevista[1] publicada en 2015, que “houbo pacientes deixaron de vir a miña consulta por falar en galego". O amigo Carlos Menéndez, que traballou co doutor Guitián como bolseiro nos anos oitenta, contoume que, xa daquela, no Servizo de Uroloxía as historias clínicas e os informes médicos escribíanos en galego.  Podemos consideralo, con todo merecemento, como un dos médicos ilustrados que iniciaron a galeguización da sanidade en Ourense.

Foi membro do Partido Galeguista e tivo relación persoal con Ben Cho Sei (primo de súa nai), Ferro Couselo, Vázquez Monxardín, Salvador Rei, Otero Pedraio  ou Blanco Amor. Tamén tiña unha especial amizada e fonda admiración por Florentino Pérez Cuevillas.  Pero o seu galeguismo non naceu destas relacións senón que xurdiu moito tempo antes. Na súa mocidade, cando fixo a especialidade no Hospital de Sant Pau de Barcelona decatouse do orgullo que sentían os cataláns pola súa lingua. Alí naceu o seu compromiso co galego, que mantivo toda a vida, a pesares das dificultades, prexuízos e faltas de respecto. Foi excluído de certos círculos profesionais e tivo que soportar moitas veces o “ninguneo” daqueles colegas que lle devolvían os informes que escribía en galego dicíndolle “no lo entiendo”.

Nunca cedeu na súa actitude. Non era un home de gran estatura pero tiña un forte carácter, unha vontade férrea e unha grande capacidade de liderazgo tanto no exercicio da profesión como no seu compromiso político e social. Tamén participou na corrección da toponimia. El mesmo contou, con moita retranca, como, hai moitos anos saía de noite (en compañía da súa muller e collidos do brazo, para disimular), e ían pintando cunha brocha  o “X” enriba da “J” de Rianjo e outras correccións semellantes. O xornalista Fernando Ónega relatou estes feitos nun artigo, sen saber que os autores eran o doutor Carlos Guitián e a súa dona.

Longa vida ao doutor Guitián. Debemos recoñecer e agradecer a súa perseveranza no compromiso galeguista que nos serve de exemplo a todos os demais.

http://pablovaamonde.blogspot.com.es/

Grupo Correo Gallego
Ante calquera dúbida, problema ou comentario nas páxinas de Galicia Hoxe envíe un e-mail a info@galicia-hoxe.com. Titularidade e política de privacidade. Política de Cookies
Auditoría Audiencia Sites
Titulares RSS