Hemeroteca web | RSS  RSS     Venres 11.10.2019 Actualizado 19:57
El Correo Gallego Radio Obradoiro CorreoTV Anova

Galicia Hoxe

Noticia 1 de 1 Galicia  |   RSS - Galicia RSS

Dúas árbores monumentais de Forcarei

Freixo monumental de Forcarei visto de lonxe - FOTO: M.B.
Freixo monumental de Forcarei visto de lonxe - FOTO: M.B.

M. DE BRAN  | 10.09.2014 
A- A+

Na acolledora vila de Forcarei do concello pontevedrés do mesmo nome, en plena Terra de Montes de grandes canteiros modeladores da pedra a 21 quilómetros da Estrada, visitamos este verán dúas grandes árbores centenarias dignas de ver: un freixo de folla estreita (Frasinus angustifolia, L) e un carballo común (Quercus robur, L), que merecen figurar no catálogo máis esixente de árbores monumentais de Galicia.

Este maxestoso freixo está solitario no lado do poñente da vila, na parte chamada Albariña dunha gran herbeira. Polo lado do poñente do seu robusto tronco é o terreo metro e medio máis baixo cá pola parte oposta por criarse arrimado a un sibadeiro, que é como por aquelas terras enxebres se chaman os cómaros das veigas.

Ten o tronco recto e algo inclinado para o lado sur, por batelo o vento do norte que sopra por riba da lomba do monte protector da vila. A altura do tronco é duns cinco metros e medio desde a parte alta do terreo, estimada a ollo. E a 2,80 metros deste lado do terreo ten un gallo cara ó norte. Da cabeceira do tronco arrancan varios polóns moi ramificados, que forman a armazón da ancha e vistosa copa con máis de trinta metros de altura, coma unha gran melena verde que move o vento. E que co paso do verán vaise volvendo arrubiada, moi rechamante ó darlle o sol de cachete.

M.B.
Ramiñas, follas e xemas do freixo de folla estreita
FOTO: M.B.

As ditas follas estreitas, das que este freixo toma o nome para distinguirse dos doutras especies, son da cor verde clara polo anverso ou parte de riba e máis claras polo reverso ou envés. As das sombras son máis escuras, para absorber mellor a luz. Teñen a forma de pequenas lanzas de 2 ata 8 ou máis centímetros de lonxitude, serradas con finos dentes polo bordo. E son pinnadas, chamadas así porque os nervios secundarios delas están dispostos simetricamente a partir do principal do limbo ou cara da folla coma as barbas dunha pluma, da que provén en latín esta denominación. Están unidas polos seus pequenos pecíolos ou pés a un talo moi delgado, e tan flexible que domea facilmente coma un arame co pequeno peso delas. Enxértanse neste talo de dúas en dúas simetricamente dispostas, unha a un lado del e a outra ó oposto. E desta maneira forman unhas ramiñas de ata máis de catro decímetros de lonxitude, con varios pares de follas opostas cun número par delas excepto as que teñen solitaria a apical ou da punta, cun pecíolo un pouco máis longo cás outras. As ramiñas de número par de follas reciben o nome de paripinnadas e as de número impar delas o de imparipinnadas, que son as predominantes.

As ramiñas están unidas ás varas novas das pólas ou vidras coma as das vides, mediante o pé do dito talo delgado. E entre todas as ramiñas forman a densa ramallada da melena da copa do freixo que colga co peso das follas con elas pingando cara ó chan co anverso para o lado de fóra para captar a luz solar. Na punta das vidras das pólas e nas xuntas dos talos das ramiñas con elas agroman polo verán as xemas ou púas do freixo, que son coma os grans escuros do café. E as ramas volven a endereitarse ó caerlles as follas no outono.

M.B.
Casca centenaria do freixo de folla estreita
FOTO: M.B.

O tronco deste gran freixo ten un perímetro de 5,40 metros, medido a 1,5 da parte baixa do terreo e a rentes do chan polo lado oposto. E a casca del é da cor gris escura con aspecto de moi vella, riscada por fendas profundas en vez de ser lisa coma a dos exemplares novos. A madeira do tronco desta clase de árbores é branca, elástica, dura e fría. Por quentarse pouco esta madeira co rozamento, viñéronse cortando estes freixos para facer xugos e eixos dos carros, cos que cantaban moi cando pasaban cargados polos camiños. E por cortalos para estes e outros avíos, quedan moi poucos exemplares monumentais.

Os botánicos Carlos Rodríguez Dacal e Jesús Izco estudaron as árbores monumentais de Galicia, que publicaron na súa extensa obra “Árbores monumentais. En el Patrimonio Monumental de Galicia” (Xunta de Galicia, 2003), que é a máis completa das existentes. Nela dan a coñecer tres destes freixos de folla estreita cos seguintes perímetros en metros: 6,5; 3,48 e 3,10. Ademais, dan un freixo común de 2,75 metros de perímetro e outro florido de 1,70. O maior destes perímetros é do freixo de folla estreita do Montepando, en Monforte de Lemos (As Nocedas, Lugo).

Ó de Forcarei pouco lle falta para ser tan gordo, e ten o tronco moito máis alto. Pertence á casa de Mariño, que está co seu hórreo e alboios no medio da vila. Pasa por ser a máis antiga dela e podente do pasado, para a que din que traballaban a maioría dos veciños. Ten diante un amplo saído con árbores, cercado por un muro de pedra ampliado por riba cun aramado. O anterior dono dela foi o xuíz Mariño, antigo titular do xulgado de Lalín (Pontevedra), que a herdou de seus pais e na que viviu. Deixou dúas fillas e un fillo, que son os actuais propietarios. Actualmente corre coa casa a filla maior, que é profesora xubilada do ensino secundario. Está casada cun avogado, e non teñen fillos. Viven na Coruña, e pasan os fins de semana nesta casa.

M.B.
Carballo monumental de Forcarei
FOTO: M.B.

O dito carballo monumental está dentro do cercado do saído dela, por encima do que se pode ver parcialmente desde a rúa. Ten un toro duns dous metros e pico de alto, que fan falta tres homes para abrazalo. Da cima del arrancan cinco grandes polóns, que ó ramificarse conforman a ben distribuída e fermosa copa arredondada del, algo desfigurada por un lado por romperlle cun vendaval un dos polóns, que quedou toco. É centenario, e ó contemplalo impresiona pola súa maxestosidade e a gran vitalidade que irradia.

Ten as follas alternas da cor verde esmeralda polo anverso ou parte de diante e máis claras polo envés, de 10 a 12 centímetros de longo e de ata uns 8 de anchura. Son máis anchas na punta ou obovadas e dentadas polo bordo cuns dentes coma pequenas orellas, coas que semellan medallas expostas nas ramas ós ventos daquelas terras de lombas. Dá landras ó final do verán, das que se cre que facían o pan os celtas. E antes de lle caer as follas mechas da copa no outono, podería el só osixenar nos días arraiosos a vila e os seus inhóspitos arredores.

M.B.
Follas e landras do carballo común
FOTO: M.B.

Esperemos que este fermoso exemplar de tan esvelta figura continúe conservando a vitalidade para vivir tantos anos ou máis có da mesma especie duns mil catrocentos encontrado en Alemaña, que tamén é boa terra de carballos. Preto del hai dentro do cercado da casa un par de castiñeiros centenarios dignos de mención, dos que poucos quedan coma eles por aquelas terras frías e batidas dos ventos, pouco propicias para esta árbore popularmente chamada da fartura.

Ó dar unha volta pola vila á procura doutras curiosidades antes de rematar a excursión, conversamos cun amable forcareiense que paseaba por unha das rúas. Contou que tiña 73 anos, e desde rapaz nunca notara ningún cambio nestas dúas árbores, salvo o derramo causado no carballo hai uns anos por un vendaval. E que cando pasaba pola Albariña sempre se paraba diante do freixo a botarlle unha longa mirada, porque lle producía a sensación de que se paraba o tempo. E mentres miraba para o freixo, víñanlle á cabeza unha chea de recordos da infancia.

Por último, a nosa felicitación á familia Mariño pola súa sensibilidade para conservar estas dúas xoias da natureza, que ademais de embelecer a vila enriquecen o medio ambiente e o patrimonio arbóreo de Galicia. E agradecerlle que por conservalas podemos gozar delas os que facemos turismo arbóreo coma os visitantes de catedrais e doutras obras da arte plástica, que lles causan admiración a quen as contempla por desbordárllela sensibilidade e a imaxinación.

Grupo Correo Gallego
Ante calquera dúbida, problema ou comentario nas páxinas de Galicia Hoxe envíe un e-mail a info@galicia-hoxe.com. Titularidade e política de privacidade. Política de Cookies
Auditoría Audiencia Sites
Titulares RSS