Hemeroteca web | RSS  RSS     Venres 20.07.2018 Actualizado 11:15
El Correo Gallego Radio Obradoiro CorreoTV Anova

Galicia Hoxe

Noticia 1 de 1 Galicia  |   RSS - Galicia RSS

Este luns

A DXT porá en marcha unha campaña de control de velocidade en estradas convencionais e vías urbanas

SANTIAGO. EP  | 13.04.2018 
A- A+

A Dirección Xeral de Tráfico (DXT) iniciará o luns 16 de abril unha campaña de control de velocidade que incidirá especialmente nas estradas convencionais (as que dispoñen dun só carril en cada sentido) e nas vías urbanas da Comunidade galega.

Esta iniciativa, que forma parte da programación anual da DXT, "ten como obxectivo conseguir unha maior redución da velocidade media", explica a Delegación do Goberno en Galicia nun comunicado, e manterase durante toda a semana, até o domingo 22.

Para o desenvolvemento da campaña, que estará coordinada polas xefaturas provinciais de tráfico, utilizaranse o máximo número de medios humanos e materiais dispoñibles.

Ademais, sempre que sexa posible, engade as mesmas fontes, advertirase aos condutores da existencia próxima de controis, tanto a través dos paneis de sinalización variable como das pantallas alfanuméricas dos vehículos da Agrupación de Tráfico situadas nas inmediacións.

En todo caso, esta iniciativa "non suporá a diminución de vixilancia noutros lugares", advirten as mesmas fontes, polo que "nunhas situacións produciranse denuncias sen notificación inmediata e noutros se procederá á identificación do condutor e á comunicación 'in situ', co fin de potenciar o efecto pedagóxico da concatenación infracción-denuncia", engaden.

Esta campaña especial busca concienciar aos condutores da "estreita relación entre unha velocidade inadecuada e os accidentes", subliña a DXT.

FACTOR DE RISCO
"A consideración da velocidade como factor de risco non adquiriu o mesmo nivel de aceptación entre os condutores, a pesar de que no 20 por cento dos accidentes mortais rexistrados en vías interurbanas españolas apreciouse a velocidade como factor concorrente", concreta.

"Por tanto, levar unha velocidade adecuada podería evitar practicamente unha quinta parte das mortes en accidente de tráfico", conclúe a DXT.

Grupo Correo Gallego
Ante calquera dúbida, problema ou comentario nas páxinas de Galicia Hoxe envíe un e-mail a info@galicia-hoxe.com. Titularidade e política de privacidade. Política de Cookies
Auditoría Audiencia Sites
Titulares RSS