Hemeroteca web | RSS  RSS     Martes 25.09.2018 Actualizado 12:26
El Correo Gallego Radio Obradoiro CorreoTV Anova

Galicia Hoxe

Noticia 1 de 1 Galicia  |   RSS - Galicia RSS

Crecemento positivo do 2,8%

A economía galega presenta "perda de fol" no segundo trimestre de 2018

Un informe do Foro económico reflicte unha importante demanda interna e que os sectores téxtil e automóbil concentran as maiores exportacións

Presentación do 'Informe de Conxuntura Socioeconómica' do Foro económico.
 - FOTO: EUROPA PRESS
Presentación do 'Informe de Conxuntura Socioeconómica' do Foro económico. - FOTO: EUROPA PRESS

SANTIAGO. EP  | 13.09.2018 
A- A+

A economía galega presenta unha "perda de fol" en crecemento económico no segundo trimestre de 2018, ao rexistrar unha taxa de crecemento interanual do 2,8%, fronte ao 3% dos dez trimestres anteriores consecutivos; aínda que se sitúa por enriba do incremento no conxunto de España, do 2,7%, e converxe co de Europa.

Así o reflicten os datos presentados este xoves no último 'Informe de Conxuntura Socioeconómica' do Foro económico de Galicia, correspondente ao segundo trimestre do ano 2018, coordinado por Fernando González Laxe, en colaboración con José Francisco Armesto Pina, Patricio Sánchez Fernández e Santiago Lago Peñas.

En concreto, para González Laxe, esta perda de ritmo de crecemento debeuse á "desaparición dalgúns ventos de cola na economía internacional que estaban a impulsar" á economía galega. "Perdemos ese impulso inicial", polo que "neste trimestre podemos confirmar que os cambios da economía internacional si poden empezar a afectar á galega", advertiu.

"Eses cambios alleos provocan variacións máis fortes e oscilacións máis notables, o que antes eran suaves modificacións de aumento ou descenso dunha décima, agora son de tres ou máis décimas", o que supón, para González Laxe, "un cambio cualitativo".

MAIOR DEMANDA INTERNA DENDE 2007
Por outra banda, tal e como resaltou o catedrático, "confírmase neste terceiro trimestre de 2018 algo distinto aos anteriores", xa que a demanda interna proporciona "o impulso de crecemento" da economía galega, ao situarse en 3,0 puntos, "o valor máis elevado dende o terceiro trimestre de 2007".

Esta cifra explícase polo forte impulso do investimento, que crece un 8,1% respecto ao ano anterior, a porcentaxe máis elevada dende 2006. Así mesmo, o gasto público "acelera o seu incremento", cunha suba do 2,6% respecto ao ano anterior, "moi por enriba dos dous trimestres" pasados, segundo destacou.

Pola contra, retárdase o incremento do consumo final dos fogares, que acada unha suba interanual do 2,1%, seis décimas menos que o estimado no trimestre anterior.

É dicir, "descende" o consumo dos fogares, o que para González Laxe se debe a "cambios nos hábitos de consumo dos cidadáns galegos", tanto en alimentación como no consumo diario, porque "agora nos leva máis diñeiro o teléfono que outro tipo de actividades", por exemplo.

DEMANDA EXTERNA NEGATIVA
Por outra banda, a demanda externa foi negativa, segundo reflicte o informe do Foro económico de Galicia, e tanto exportacións como importacións sofren unha "desaceleración" no ritmo de crecemento, xa que antes crecían a ritmos do 7% e baixaron a ritmos do 4,5 e 5,5%. Con todo, "a demanda interna está moi por enriba da externa", indicou González Laxe.

Máis en concreto, as exportacións descenden "moito", tal e como explicou o catedrático, case dous puntos e medio, algo que non sucedía dende finais de 2012; e, as importacións, tamén "diminúen de maneira moi notable".

GALICIA EXPORTA MÁIS QUE ESPAÑA
Polo que incumbe á cota de mercado da exportación galega respecto de España, experimenta unha "mellora", debido a que Galicia "exporta máis que o resto de España", indicou o catedrático galego.

Ademais, González Laxe destacou que en Galicia hai "unha visión exportadora". "Exportamos máis do que representamos física e humanamente como país", sinalou. No entanto, tamén indicou que "as exportacións descenden no conxunto de España".

SECTOR TÉXTIL E AUTOMOBILÍSTICO
Por sectores, o téxtil e automobilístico son os que concentran unha maior porcentaxe de exportacións, o 42,1% do total das vendas exteriores, que supera ao 40% rexistrado ao comezo da recuperación económica. "Somos máis dependentes dos sectores", destacou o catedrático. En concreto, o téxtil presenta un saldo comercial positivo, e o automóbil negativo.

"Cada vez máis nos especializamos nestes sectores e, cada vez máis, facémolo cara a un territorio", apuntou a respecto diso. Aumenta así a concentración das exportacións ao mercado comunitario, que en 2018 representa a 76,4% fronte ao 70,4% no segundo trimestre de 2014.

OFERTA MANUFACTUREIRA E CONSTRUCIÓN
Dende o punto de vista da oferta, o balance reflicte que todos os sectores presentan taxas de crecemento interanuais positivas. Con todo, dous crecen máis que o resto: por unha banda, a industria manufactureira, cun incremento do 4,1%; e, por outro, a construción, cun crecemento do 6%, dato que en opinión de González Laxe "chama a atención", por ser "moi similar" ao que se rexistraba en 2006.

"Volvemos cara atrás, tratamos de mirar que a construción volva ser un sector dinámico. Non cambiamos o modelo produtivo en España, pero a construción reflicte taxas de crecemento moi altas", valorou.

No que se refire ao sector primario, presenta un maior dinamismo que no ano anterior, ao crecer un 1,9% no segundo trimestre de 2018, sete décimas máis que no mesmo período do ano anterior".

Frean, non entanto, os servizos, porque a pesar de experimentar un crecemento do 2,3%, iste descendeu dez décimas con respecto ao ano anterior, no que rexistraba un 3,3%. "Temos síntomas moi bos, en que a industria manufacturera crece, sectores como a construción explotan e os servizos están máis contidos", concluíu o catedrático.

MÁIS DE TRES ANOS DE CRECEMENTO DE OCUPACIÓN
Este segundo trimestre de 2018 tamén ten un balance positivo para o mercado de traballo galego, xa que, segundo indicou o colaborador do Foro económico, José Francisco Armesto Pina, ha nivel de grandes cifras, "encadéanse tres anos e medio con crecemento nos niveis de ocupación".

En concreto, este trimestre permanece "constante" en poboación activa, xa que "detén a súa caída", ademais a redución do desemprego non se produce na mesma intensidade que no trimestre anterior, aínda que segue sendo superior ao 10%, descendendo a un valor do 14% --1,3 puntos menos que en España e a máis reducida desde finais de 2009--. Por tanto, amósanse "datos moi positivos, pero hai que matizar e reducir optimismo", advertiu.

CAÍDA DE POBOACIÓN ACTIVA ENTRE 25 E 34 ANOS
Así mesmo, Armesto Pina alertou sobre a "continua e acusada" caída da poboación activa de persoas de entre 25 e 34 anos, debido, principalmente, á "causa demográfica e a fuxida de talentos ao exterior". Na parte do crecemento, a forte concentración sectorial no sector servizos é quen explica en maior parte o crecemento de emprego, así como a constante na industria manufactureira e na construción.

A taxa de actividade galega ascende até o 53,6%, tres décimas máis que no ano anterior, e a taxa de ocupación até o 46,1% --44,8% no ano anterior--, manténdose, no entanto, entre as comunidades autónomas, como a taxa máis reducida.

DESCENDEN OS FOGARES SEN PRECEPTORES
Ademais, xunto a estes aspectos positivos, o informe reflicte que persiste a tendencia descendente do número de fogares sen preceptores e do número de fogares galegos con todos os seus activos en situación de desemprego, así como o incremento daqueles en que todos os seus activos están ocupados.

O incremento da ocupación, en concreto, con 26.900 persoas ocupadas máis, concéntrase case na súa totalidade no sector servizos, con 36.600 ocupados máis; especialmente no comercio, administración pública e seguridade social, actividades administrativas e servizos auxiliares ou actividades sanitarias e servizos sociais.

Grupo Correo Gallego
Ante calquera dúbida, problema ou comentario nas páxinas de Galicia Hoxe envíe un e-mail a info@galicia-hoxe.com. Titularidade e política de privacidade. Política de Cookies
Auditoría Audiencia Sites
Titulares RSS