Hemeroteca web | RSS  RSS     Venres 20.09.2019 Actualizado 20:16
El Correo Gallego Radio Obradoiro CorreoTV Anova

Galicia Hoxe

Noticia 1 de 1 Galicia  |   RSS - Galicia RSS

A economía galega reduce o seu crecemento anual ao 2,3%

A formación bruta de capital (recolle investimentos do sector empresarial) elévase un 6,9%, pero as exportacións caen un 8,4%

FOTO: Instituto Galego de Estatística
FOTO: Instituto Galego de Estatística

SANTIAGO. EP  | 23.05.2019 
A- A+

O produto interior bruto (PIB) de Galicia creceu un 0,4% no primeiro trimestre do ano en relación co anterior, de modo que a taxa anual de crecemento reduciuse até o 2,3%, segundo os datos que publica este xoves o Instituto Galego de Estatística (IGE).

Este é o menor dato de evolución anual da economía galega desde o primeiro trimestre de 2015, cando subiu un 2%. Con posterioridade a ese período, acumulou 12 trimestres consecutivos con datos positivos superiores ao 3%, até o segundo trimestre do ano pasado, cando os repuntes se situaron na contorna do 2%.

No conxunto estatal, de acordo cos datos de Instituto Nacional de Estatística (INE), o PIB creceu un 2,4% no primeiro trimestre do ano, unha décima máis que en Galicia.

Así, as contas económicas trimestrais reflicten que a comunidade crecera ao 2,6% durante o cuarto trimestre de 2018 en variación interanual, após un incremento intertrimestral que foi entón de sete décimas.

Ao lado da demanda, o primeiro trimestre de 2019 deixa un incremento interanual do 6,9% da formación bruta de capital, que recolle os investimentos do sector empresarial. Pola contra, as exportacións de bens e servizos continúan en descenso, cunha baixada anual do 8,4%.

Caeron tamén as importacións (-7%), pero subiron o gasto dos fogares (+3,4%) e o das administracións públicas, aínda que en menor medida (+0,8%).

Pola súa banda, o emprego experimentou taxas anuais positivas para a construción (+3,8%), a industria (+1,9%) e os servizos (+0,8%), mentres se reduciu en agricultura, gandaría, silvicultura e pesca (-3,8%).

VALORACIÓN XUNTA
Respecto diso, nun comunicado de prensa, a Consellería de Facenda reivindica que o aumento do 2,3% no primeiro trimestre supuxo "a creación de máis de 17.900 postos de traballo asalariados a tempo completo respecto ao mesmo trimestre de 2018".

Destaca que esta cifra implica tamén que son 22 os trimestres consecutivos nos que a economía galega encadea taxas positivas de crecemento (desde o terceiro trimestre de 2013).

Recoñece, con todo, que tanto a taxa de crecemento interanual (2,3%) como a trimestral (0,4%) son tres décimas inferiores ás anotadas no trimestre anterior.

En canto á oferta, sinala que todos os sectores rexistraron taxas positivas fóra da industria, que tivo un descenso do 3,1%.

A construción (+5,5%), o sector servizos (+3,7%) e o primario (+0,8%) creceron en comparación co primeiro trimestre do exercicio anterior.

Respecto ao emprego, concreta que o aumento dos postos de traballo a tempo completo subiron un 0,9% en variación anual e resalta que o incremento foi do 2,1% nos postos de traballo a tempo completo asalariados, o que redunda nos novos 17.922 empregos asalariados a tempo completo.

Grupo Correo Gallego
Ante calquera dúbida, problema ou comentario nas páxinas de Galicia Hoxe envíe un e-mail a info@galicia-hoxe.com. Titularidade e política de privacidade. Política de Cookies
Auditoría Audiencia Sites
Titulares RSS