Hemeroteca web | RSS  RSS     Mércores 22.11.2017 Actualizado 19:21
El Correo Gallego Radio Obradoiro CorreoTV Anova multiconsulting

Galicia Hoxe

Noticia 1 de 1 Galicia  |   RSS - Galicia RSS

O SAL DA TERRA

Educación aberta

JOAQUIM VENTURA  | 25.10.2017 
A- A+

Sempre tiven próximo o mundo do ensino. A miña nai exerceu de profesora de xordos. Doutra banda, un tempo despois de divorciarme tiven unha parella uns anos e despois (e xa hai dez anos), quen agora comparte vida comigo: ambas dúas son mestras de ensino infantil. Coñezo, pois, moi de cerca os esforzos para formar persoas, o ciclo de renovar a “clientela” cada curso (sen risco ao tedio malia ter que comezar de novo cada setembro), a diversidade de circunstancias persoais dos alumnos e as diverxencias coas colegas á hora de empregar unha metodoloxía ou outra.

Non esquezo, abundando no anterior, que o ensino é a base, o perpiaño, en que se baseará boa parte do futuro dos nenos e que eses resultados se verán cando acaden a condición de adultos. Para coñecer as auténticas bondades dos gobernos, abonda con saber o nivel de gasto que dedican ao ensino e, en consecuencia, as facilidades que dan para que a formación non sexa un simple trámite obrigado por lei.

Pero aínda se tal obxectivo é ben resolto, as políticas oficiais tenden a unhas estruturas ríxidas, estáticas, previsibles, que actúan como ferramentas modeladoras homoxeneizadoras, con independencia das circunstancias sociais, familiares e xeográficas dos nenos. Porque unha cousa tiven clara desde que fun pai e exercín de tal: a priori, todos os nenos (ou boa parte deles) teñen as mesmas capacidades e a posibilidade de exercelas en plenitude varía en boa parte polo ambiente escolar que atoparán.

Por iso, unha experiencia como a que conta a mestra francesa Céline Álvarez en “Las leyes naturales del niño” (Aguilar) resulta gratificante, malia que a inercia da administración escolar impediu que pasase de simple anécdota. A primeira constatación que tivo Céline Álvarez foi o fracaso escolar, aínda que sexa relativo, que se dá no sistema escolar público francés, malia a atención que sempre lle prestaron as autoridades. Álvarez, cando observou un constante 40% de dificultades en lectura, escritura e matemáticas ao rematar a escola primaria, quixo poñer fío na agulla e tentar reverter tal tendencia.

Para iso, solicitou unha axudante (técnica especializada) para dar clases de infantil nunha escola pública dun barrio obreiro da periferia de París. Colleu como base materiais e ideas de dos grandes pedagogos de hai máis de cen anos: o francés Edouard Séguin e a italiana Maria Montessori. Pero non como métodos pechados senón a maneira de trampolín.

Para a súa iniciativa, o primeiro que fixo Céline Álvarez foi considerar as potencialidades innatas, naturais, que teñen os nenos desde que nacen, especialmente a plasticidade dos cerebros e o proceso de formación das neuronas. Unha capacidade que absorbe, na formación da linguaxe, a información verbal que receben do pai e da nai: canto mellor nivel teñan estes, máis e mellor bagaxe terá o neno. Unha diferencia, cando vai á baixa,  que esta mestra francesa cualifica de malnutrición mental.

E neste senso, opón Gennevilliers, o principal porto do Sena, cuxos nenos xeralmente están nun ambiente de linguaxe familiar empobrecido, aos da veciña Neuilly-sur-Seine, paradigma de vila de xente ben (alí naceron Marine Le Pen e  Dominique Strauss-Kahn, e foi alcalde Nicolas Sarkozy). E para compensar tal desequilibrio de partida, Álvarez considera imprescindible o labor da escola e a implicación dos mestres: a esixencia cara aos nenos comeza pola propia esixencia cara a un.

E para iso, propón algunhas fórmulas ben sinxelas, como empregar frases claras, verbos inclusivos en plural (“hoxe iremos á piscina” fronte a “hoxe hai piscina”), evitar a linguaxe vulgar ou promover a empatía entre os alumnos. Un obxectivo que necesitaba da complicidade das familias, tanto polo que fai ao comportamento cotián como á hora de conseguir un ambiente de certa harmonía. Por exemplo, controlando a exposición dos nenos aos debuxos animados e outros programas excitantes: os ollos abertos dos nenos non son sinal de atención senón de alerta, de defensa ante o medo ou a incomprensión da mensaxe.

E un elemento para que a aprendizaxe na escola fose efectiva, os grupos estaban formados por nenos de diversas idades, de maneira que os pequenos aprendían dos maiores e á súa vez, estes tiñan que exercitar a construción de frases con palabras precisas para que os pequenos comprendesen aquilo que lles estaban a ensinar.

Un libro de lectura agradecida e especialmente aconsellable para docentes e pais. Para o público lector en xeral, pode ser un exercicio de reflexión sobre as limitacións que as estruturas administrativas impoñen. Porque os nenos saben e poden saber moito máis do que sospeitamos.

    

Grupo Correo Gallego
Ante calquera dúbida, problema ou comentario nas páxinas de Galicia Hoxe envíe un e-mail a info@galicia-hoxe.com. Titularidade e política de privacidade. Política de Cookies
Auditoría Audiencia Sites
Titulares RSS