Hemeroteca web | RSS  RSS     Domingo 25.06.2017 Actualizado 10:42
El Correo Gallego Radio Obradoiro CorreoTV Anova multiconsulting

Galicia Hoxe

Noticia 1 de 1 Galicia  |   RSS - Galicia RSS

Educación cre que deu "información suficiente" da ABAU, a proba de acceso á universidade

Enmarca na normalidade a investigación da Valedora // O PP rexeita unha proposta para revisar os rotocolos de acoso escolar e destaca os "resultados positivos" das medidas de convivencia

SANTIAGO. EP  | 18.05.2017 
A- A+

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria defendeu que a comunidade educativa tivo acceso a información "suficiente e clara" sobre os cambios e particularidades da nova proba de acceso á universidade, o exame final de 2º de bacharelato tamén coñecido como 'ABAU', ademais dos supostos recoñecidos nas exencións para a proba de lingua galega.

Así respondeu a unha pregunta formulada por Luís Álvarez, por parte do Grupo Socialista, sobre a investigación aberta pola Valedora do Pobo para atender as queixas trasladadas por alumnos polas "incertezas" da nova ABAU.

En concreto, referiuse a aqueles estudantes que "quedan fóra" das exencións a pesar de cursar 1º de Bacharelato no exterior ou a "tardanza" en publicar os parámetros de ponderación de materias da parte de 10 a 14 puntos da proba, lamentando a "improvisación" coa que parece actuar o departamento de Román Rodríguez.

O director xeral de Educación, Manuel Corredoira, referiuse ao "contexto de cambio normativo e estrutural" que vive o sistema educativo nunha situación "política de pacto", que levou a que a ABAU pasase a ser unha proba para regular o acceso aos estudos superiores e "máis próxima á antiga selectividade".

A pesar diso, lembrou que os contidos da proba abarcan o currículo de 2º de Bacharelato, a diferenza da antiga PAU que englobaba toda a etapa. "De aí a grandísima diferenza de matiz e de fondo", sinalou, dado que o suposto grupo de alumnos afectado cursou esa materia da que, ademais, "non está exento", unha situación "que xa coñecían de antes".

Respecto da publicación dos parámetros de ponderación, Corredoira defendeu que a CIUG "comunicou inicialmente" un borrador que foi "modificado" e cuxo contido foi publicado a través das "súas canles de información". Así mesmo, defendeu o traballo a favor da "coordinación" para que as "incertezas" e os "cambios" sexan "os mínimos posibles".

En todo caso, enmarcou na normalidade a actuación da Valedora dado que "recolle as queixas" e inicia as accións "que considera pertinentes", ás que a Xunta deu "resposta" no seu momento.

CUMPRIR A LEGALIDADE

Noutra orde de cousas, o director xeral de Centros e Recursos Humanos, José Manuel Pinal, defendeu os cambios introducidos no acceso ás listas de persoal interino que, segundo a deputada de En Marea Luca Chao, realizáronse "de maneira unilateral" e "sen negociación" cos sindicatos.

Chao referiuse sobre todo á "homologación" dos requisitos co ensino privado que non recollía o borrador da orde levada a mesa sectorial, e que permite acceder a listas a persoas cunha titulación "non necesariamente concordante" coa materia en concreto, senón que se avaliará un número de créditos determinado e a experiencia previa en centros privados.

"Suporá un grave prexuízo e discriminación para a pública", considerou, dado que as habilitacións no ensino privado "son menos restritivas".

Pinal rexeitou que este cambio prexudique aos docentes do sistema público e sinalou que "relacionar cada movemento" da Consellería "coa estratexia de favorecer á privada xa non é crible".

Neste sentido, argumentou que o cambio permite estudar os expedientes de cada aspirante para ver se "é suficiente" a formación recibida para impartir "unha determinada materia", como "expoñen outras comunidades autónomas", dado que ás veces un título pode incluír "contidos que serven" para impartir unha asignatura concreta, aínda que non o pareza "polo nome".

Tamén apuntou o "descoñecemento" da deputada sobre o funcionamento da mesa sectorial dado que hai temas que non son "obxecto de negociación", entre os que inclúe a elección das citadas materias para acceso a listas (que son competencia da administración).

ACOSO ESCOLAR

Doutra banda, o Grupo Popular rexeitou unha proposta presentada por En Marea para realizar un diagnóstico dos casos de acoso en Galicia e revisar os protocolos establecidos para adaptalos á realidade das aulas.

Ánxeles Cuña defendeu que se trata dun asunto "de alerta" social no país e que o protocolo existente é "exhaustivo e excesivamente burocratizado", do mesmo xeito que os "lentos" procesos de intervención, que son "moito máis áxiles noutras comunidades autónomas".

Olalla Rodil, do BNG, defendeu unha emenda (aceptada por En Marea) na que solicitaba incluír mecanismos para reducir o número de alumnos por aula, que debe ser un elemento "central" para facilitar o traballo de detección destes supostos, algo que se ve "dificultado" pola existencia de clases "masificadas".

Tamén recibiu o apoio do Grupo Socialista, cuxo deputado Luís Álvarez advertiu que "non hai que minimizar" o problema, aínda que recoñeceu que en Galicia "se avanzou moito no campo da convivencia" escolar.

Cesar Manuel Fernández Gil, do Grupo Popular, compartiu a "preocupación" da sociedade por este tipo de casos, pero defendeu os "resultados positivos" da normativa impulsada desde Galicia, onde a percepción "non é tan grave" como noutros territorios.

"Entendemos que non é o momento de implementar novas medidas, senón de avaliar e diagnosticar a situación e as medidas postas en práctica", sinalou.

CELGA

Finalmente, tamén quedou rexeitada unha proposta do grupo do BNG para instar á Xunta a retribuír os desprazamentos ao profesorado que imparte cursos Celga noutras localidades e que necesite trasladarse, ademais de planificar unha ordenación que permita que non coincida a formación presencial coa oferta en liña e ampliar así o tempo de contratación dos docentes.

Olalla Rodil denunciou que isto levou a rexeitamento de cursos por parte de profesores en áreas de Monforte, Sarria, Carballiño, Verín ou Xinzo, polos custos de desprazamento que supuñan e as dificultades para afrontalos pola súa situación retributiva.

María Antón VilaSánchez, do Grupo Popular, defendeu que a Xunta "non pode transgredir a normativa de persoal laboral", na que pertence agora este profesorado contratado, o que inclúe tamén os asuntos retributivos, e que este colectivo pode rexeitar ata tres veces ao ano o destino que se lle ofrece en función das vacantes e as súas preferencias de área de influencia.

Desde o Grupo Socialista, Concepción Burgo ve "xustiza evidente" na proposta, sobre todo para "non deixar desamparado o rural" desta oferta de cursos, mentres que Ánxeles Cuña (En Marea) facilitou o seu apoio para "dar estabilidade" a esta formación e aos seus traballadores, que non poden vivir nunha situación de "precariedade".

 

Grupo Correo Gallego
Ante calquera dúbida, problema ou comentario nas páxinas de Galicia Hoxe envíe un e-mail a info@galicia-hoxe.com. Titularidade e política de privacidade. Política de Cookies
Auditoría Audiencia Sites
Titulares RSS