Hemeroteca web | RSS  RSS     Martes 12.11.2019 Actualizado 23:42
El Correo Gallego Radio Obradoiro CorreoTV Anova

Galicia Hoxe

Noticia 1 de 1 Galicia  |   RSS - Galicia RSS

CALIDOSCOPIO

Eleccións transcendentais na Arxentina

MANUEL MERA  | 23.07.2019 
A- A+

Os resultados das vindeiras eleccións na Arxentina poden ter efecto sobre o conxunto de América do Sur se, como predín as distintas enquisas, terminan desaloxando da Casa Rosada ao neoliberal Mauricio Macri. Segundo o xornal oficialista Clarín, a media das trece enquisas realizadas no último mes sobre as PASO, dá á formula Alberto-Fernández/Cristina-Fernández (Frente de Todos) un diferencial positivo de 3,75 puntos respecto do actual presidente Mauricio Macri (Juntos por el Cambio). Só unha das enquisas dá empate, e a que outorga maior vantaxe a Fernández marca unha distancia de 7,6 puntos. As PASO son primarias, o 11 de agosto, polo que resultan eliminadas as forzas que obteñan menos do 1,5% dos votos a nivel nacional en cada categoría, para as eleccións do o 29 de outubro, tanto presidenciais como parciais para o Congreso e Senado. Fanse tamén en varias provincias, mais estas teñen seu propio regulamento, dado que a Arxentina é unha federación.

Estas eleccións teñen un carácter transcendental por dous motivos. O primeiro, e fundamental, porque malia que ningunha das forzas cuestione o capitalismo, a FdT propón un modelo redistributivo, mantén unha ligazón máis forte co movemento sindical (que na Arxentina ten numerosa afiliación e capacidade de mobilización), e aposta pola soberanía nacional e o apoio ao multilateralismo nas relacións internacionais. Outra cuestión é, até que punto é posíbel desenvolver plenamente estas alternativas sen construír un sector público hexemónico, tendo en consideración o contexto actual dun mundo globalizado en mans das empresas tras-nacionais.

Polo tanto, un triunfo do FdT, mesmo coas súas limitacións programáticas e compromisos con sectores do capital, permitiría superar (ou cando menos frear unha ampliación) dos retrocesos económicos e sociais que afectan ao país e especialmente ás clases populares. Non sería pouca cousa tendo en conta que no último ano a Arxentina recuou o PIB nun 5,8%, o investimento nun 24,6%, o consumo privado nun 10,5%, a industria nun 10,8%, o comercio por xunto nun 12,6%, a construción nun 6,8%, e a caída do salario foi dun 11%. A estes dados económicos hai que engadir un 10,15% de desemprego, o 11,8% de subemprego, que só un 44,1% da poboación activa ten un emprego con plenos dereitos, e que un 77% das familias están endebedadas.

Estes datos dramáticos son as consecuencias de abrazar as políticas neoliberais, de privilexiar as relacións co imperialismo norteamericano, para facer da “Arxentina parte do mundo” como se gababa Mauricio Macri (candidato de Juntos por el Cambio). Era o argumento que utilizaba hai tres anos cando asinaba os acordos para ceder diante das chantaxes dos fundos voitres, baixaba aranceis para favorecer ao sector agro exportador en prexuízo da industria nacional.

Un triunfo da FdT tería asemade consecuencias rexionais, rachando coa hexemonía dos gobernos neoliberais, aliados aos Estados Unidos. Debilitando así o cerco sobre Venezuela, Bolivia e a presión sobre Uruguai, tendo en consideración que a Arxentina é a segunda economía da rexión. Daquela que dende a coalición da dereita se utilicen todo tipo de falsos argumentos, como segundo Elisa Carrió a intromisión de Rusia no proceso electoral. E que Cristina Fernández denuncie a abertura de novos montaxes xudiciais para evitar un cambio de goberno.

De todos os xeitos, sen dúbida ningunha o FdT tería por diante vellos retos que non foi quen de solucionar axeitadamente, tal como comentaba nun artigo en xaneiro de 2016, neste mesmo xornal, co gallo do triunfo de Macri. Dicía naquel intre: “Sería de necios ignorar que a dereita, malia todos os temores que esperta, aproveitou un crecente descontente polo aumento da inseguridade, porque malia o medre da economía o emprego teña esencialmente un carácter precario e mal pago, e que as corporacións e grandes fortunas non deixasen de acumular ingresos. Medidas necesarias, como o apoio ás familias en situación de exclusión, terminaron sendo vistas como un agravio comparativo, cando os ingresos por axudas públicas e os salarios máis baixos, con xornadas moi longas, teñen diferencias mínimas. O que debía ser unha axuda conxuntural terminou sendo permanente, e os seus custes económicos soportados fundamentalmente polo chanzo máis explotado da clase traballadora”.

Non se pode obviar que as eivas sociais son hoxe máis fortes, polas desastrosas políticas de Macri, polo que superar os atrancos será máis complexo, máxime nun contexto onde a confrontación entre potencias, a degradación dos ecosistemas, a debilidade do medre da economía mundial, e o crecemento da desigualdade territorial e entre clases son a tendencia dominante no mundo. Polo tanto son necesarios cambios radicais. Fai falla moito atrevemento, mobilización e poder popular consciente, obxectivos e folla de ruta precisos e asumidos pola maioría social. E neste aspecto a esquerda, especialmente a que está fóra da FdT, debería ter un papel destacado. A participación non remata nos procesos electorais, aínda que estes teñan un papel importante e a veces determinante.

Manuel Mera

Grupo Correo Gallego
Ante calquera dúbida, problema ou comentario nas páxinas de Galicia Hoxe envíe un e-mail a info@galicia-hoxe.com. Titularidade e política de privacidade. Política de Cookies
Auditoría Audiencia Sites
Titulares RSS