Hemeroteca web | RSS  RSS     Martes 17.09.2019 Actualizado 00:20
El Correo Gallego Radio Obradoiro CorreoTV Anova

Galicia Hoxe

Noticia 1 de 1 Galicia  |   RSS - Galicia RSS

medio

Emisións sen freo

No 2010 batéronse todas as marcas tras liberárense á atmosfera 30,6 xigatoneladas de CO2, un 5% máis ·· Galicia segue á cabeza do Estado pese a redución do 17,2% no sector industrial

R. FERNÁNDEZ . SANTIAGO   | 31.05.2011 
A- A+

Batéronse todas as marcas. Malia as alertas lanzadas a escala planetaria para frear o quecemento global e os compromisos de redución adquiridos polos Estados asinantes do Protocolo de Quioto, no 2010 liberouse á atmosfera un total de 30,6 xigatoneladas de dióxido de carbono, un 5% máis que o ano anterior. Os combustibles fósiles foron os principais causantes deste aumento a nivel global que transforma en "utopía" o obxectivo de impedir que as temperaturas suban máis alá dos dous graos centígrados. Así o alertou onte a Axencia Internacional de Enerxía (AIE), desmontado todas aquelas previsións que vían na crise económica o maior aliado do clima: nin a peor recisión global en 80 anos tivo un mínimo efecto á hora de frear as emisións.

A situación global contrasta cos primeiros datos do balance galego, onde se observa unha caída do 17,2% nas emisións do sector industrial, segundo os datos divulgados pola Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas. ¿Supón este dato que vai Galicia contracorrente? Os expertos coinciden: a resposta é, claramente, non. Galicia segue á cabeza en emisións/pér cápita, superando á media estatal: mentres que en Galicia as emisións en 2009 foron similares ás de 1990, no conxunto de Europa reducíronse nun 17,3 por cento. O motivo hai que atopalo na caída da produción das térmicas das Pontes e Meirama -principais contaminantes do país-, que estiveron sen actividade varios meses. "A redución das emisións débese a esa paralización no funcionamento, non á posta en marcha de medidas correctoras nin a unha maior eficiencia destas industrias", apunta Ramón Varela, catedrático de Bioloxía e un dos maiores expertos en contaminación do país. Do mesmo parecer é Xosé Veiras, responsable de Enerxía e Cambio Climático da asociación ecoloxista Verdegaia, quen apunta á perda de peso do carbón na xeración de electricidade debido o parón das centrais, a posta en marcha das de ciclo combinado -"algo máis eficientes"- e, en menor medida, o aumento das renovables.

As consecuencias deste aumento constante de CO2 na atmosfera son impredecibles. "Un quecemento así pode interrumpir a vida de centos de millóns de persoas en todo o planeta, levando a unha migración masiva e ó conflito", apunta o profseor Lord Stern, da London School of Economics. Xa non se trata só de que aumente a temperatura e se derritan os polos. Os efectos prexudiciais xa se deixan notar no noso día a día... e na nosa saúde. Aumento de enfermidades respiratorias, cardíacas ou casos de cancro son consecuencia directa desta situación, tal e como apunta Varela, quen alerta: ata 400.000 persoas en Europa Occidental van ver a súa saúde minguada como consecuencia da contaminación. "Está demostrado que hai unha relación de causa-efecto entre o aumento da polución e a suba de casos nos hospitais".

AS REACCIÓNS

Varela: "Freouse a política ambiental"

"A preocupación ambiental que había hai dous anos é, a día de hoxe, claramente inferior". Esta é a advertencia que lanza Ramón Varela, quen ve tras este crecemento das emisións un claro freo das políticas ambientais. A crise centra todas as olladas e serve de escusa para paralizar calquera medida que sirva para buscar alternativas ó actual modelo enerxético, ó se une o freo das renovables co parón na eólica e a solar e o retroceso na investigación tecnolóxica para fontes como a xeotermia.

Uralde: "Está fóra de control"

"O problema está fóra de control. O planeta non pode esperar e a humanidade non pode asumir a suba de temperaturas". Por iso, Juantxo López de Uralde, promotor de Equo, pediulle onte á comunidade internacional que se tomen "medidas urxentes e eficaces". Uralde destaca que estes datos evidencian que a crise é especulativa, xa que a actividade industrial continúa aumentando, de aí a necesidade de "loitar contra a especulación e a cobiza que nos levou a esta situación".

OS DATOS

Máis aló da enerxía e do transporte

O enerxético e o do transporte son os dous sectores que máis contribúen a que as emisións galegas se disparen. Non obstante, Ramón Varela advirte da necesidade de ter en conta as achegas contaminantes de comunidades veciñas como as procedentes das térmicas de Ponferrada (León), a pasteira de Norfor de Navia (Asturias) a industria presente en Porto (Portugal), que en determinados días fai aumentar a polución no sur da nosa comunidade.

O carbón, o máis empregado

Pese á caída das emisións no sector industrial galego, o carbón -o combutisble fósil máis contaminante- é aínda o máis empregado na xeración de electricidade. De feito, as térmicas das Pontes e Meirama seguen a ter un papel clave no noso sistema eléctrico, achegando en conxunto un 20% da produción, porcentaxe que case duplica a media estatal, próxima ó 12%. "É precisa unha mudanza tecnolóxica e un cambio do modelo de produción", advirte Varela.

Cara á economía baixa en carbono

"A crise debería ser unha oportunidade para iniciar a transición cara a unha economía baixa en carbono, sostible e xusta", aposta Veiras dende Verdegaia, quen ve como principal obstáculo o atraso no que a Xunta mantén o Plan de loita contra o cambio climático. Avanzar na mudanza do "mix eléctrico", poñer en marcha políticas de aforro e eficiencia e apostar por unha economía baseada no decrecemento e o consumo responsable, as claves.

Grupo Correo Gallego
Ante calquera dúbida, problema ou comentario nas páxinas de Galicia Hoxe envíe un e-mail a info@galicia-hoxe.com. Titularidade e política de privacidade. Política de Cookies
Auditoría Audiencia Sites
Titulares RSS