Hemeroteca web | RSS  RSS     Luns 09.12.2019 Actualizado 13:50
El Correo Gallego Radio Obradoiro CorreoTV Anova

Galicia Hoxe

Noticia 1 de 1 Galicia  |   RSS - Galicia RSS

Emma Pedreira, Carlos Busqued e Antonio Manzini, premios 'San Clemente Rosalía-Abanca' no seu XXV edición

O fallo deuse a coñecer este martes no IES Rosalía de Castro, de Santiago. No acto participou o director actual do centro, o exdirector Ubaldo Rueda, o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, e o director de Abanca na zona de Santiago, Ramón Mariño - FOTO: IES ROSALÍA
O fallo deuse a coñecer este martes no IES Rosalía de Castro, de Santiago. No acto participou o director actual do centro, o exdirector Ubaldo Rueda, o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, e o director de Abanca na zona de Santiago, Ramón Mariño - FOTO: IES ROSALÍA

SANTIAGO. EP  | 19.11.2019 
A- A+

As obras de Emma Pedreira, Carlos Busqued e Antonio Manzini foron recoñecidas polo xurado da XXV edición dos premios literarios 'San Clemente Rosalía-Abanca' nas categorías de galego, castelán e lingua estranxeira, respectivamente.

A primeira galardoada foi 'Besta do seu sangue', de Edicións Xerais, na que Pedreira aborda unha revisión de xénero do mito da licantropía, a través do uso de diversos rexistros e multiplicidade de voces.

Busqued foi premiado, pola súa banda, coa súa obra 'Magnetizado' (Anagrama), pola importancia narrativa do asasino e a súa función para espertar diversos dilemas éticos en cada un dos lectores.

'7-7-2007' (Salamandra) de Manzini, foi escollida pola profundidade psicolóxica dos personaxes, sobre todo no caso do protagonistas, e o retrato social do espazo no transcorren os feitos, cargado de romanticismo, violencia e contradicións.

O xurado estivo composto por alumnos de diversos centros, como o propio IES Rosalía de Castro, o Ramón Cabanillas de Cambados, o Francisco Daviña Rey de Monforte, o Blanco Amor de Ourense, o Xelmírez II de Santiago, e o IES Pontepedriña da mesma cidade. Así mesmo, contouse coa participación doutros a nivel internacional, procedentes de Alemaña, Francia, Inglaterra, Estados Unidos, Portugal e Rusia.

O fallo deuse a coñecer este martes no IES Rosalía de Castro, de Santiago de Compostela. No acto participou o exdirector do centro e un dos impulsores do certame, Ubaldo Rueda, que valorou a "liberdade total" dos alumnos que conforman o xurado á hora de votar e de seleccionar os gañadores.

"É un xurado novo, independente, libre e que sempre nos sorprende", destacou, no que considerou como "unha aposta polos soños" e que sitúa á cultura galega "ao mesmo nivel" que outras no panorama internacional.

Nesta liña, Xabier Mouriño, o director actual do IES, trasladou a importancia deste tipo de iniciativas "para darlle instrumentos" aos mozos e que "entendan mellor o mundo e realidades diferentes" á súa.

UN DOS MELLOR VALORADOS
O director de Abanca na zona de Santiago, Ramón Mariño, agradeceu o traballo de todo o equipo docente, e o "orgullo" de achegar "un gran de area" para apoiar e achegar a entidade "á sociedade".

O secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, destacou que se trata de "un dos premios máis valorados en Galicia" e enxalzou a liberdade do xurado, composto por lectores novos "que non teñen prexuízos" de comprensión lectora.

Así, pediu aos alumnos que "non esquezan" que proceden "dunha cultura e unha lingua propia", e que o galego ten que relacionarse "con todos os idiomas do mundo".

 

Grupo Correo Gallego
Ante calquera dúbida, problema ou comentario nas páxinas de Galicia Hoxe envíe un e-mail a info@galicia-hoxe.com. Titularidade e política de privacidade. Política de Cookies
Auditoría Audiencia Sites
Titulares RSS