Hemeroteca web | RSS  RSS     Xoves 23.11.2017 Actualizado 20:32
El Correo Gallego Radio Obradoiro CorreoTV Anova multiconsulting

Galicia Hoxe

Noticia 1 de 1 Galicia  |   RSS - Galicia RSS

noticias cotiás

Emotivo adeus a José Luis Sampedro

José Luis Sampedro e Manuel Rivas en Santander. Homenaxe ao mar, tras a desgracia do Prestige - FOTO: RF
José Luis Sampedro e Manuel Rivas en Santander. Homenaxe ao mar, tras a desgracia do Prestige - FOTO: RF

RUTH FERNÁNDEZ  | 14.04.2013 
A- A+

Con 96 anos, o autor de ‘Octubre, octubre’ (que consideraba coma o seu testamento vital) díxonos adeus. O sillón ‘F’ da RAE ficou baleiro A súa voz apagouse. Foise na pasada madrugada do luns, en silencio, sen facer ruido, sen publicidade, de xeito sinxelo. Como era el. Como deixou dito que debía ser. ‘En los dormidos labios del viejo se ha posado, como una mariposa una sonrisa: la idea que aleteaba en su corazón cuando le envolvió el sueño: ¡Grande, la vida!’ (‘La sonrisa etrusca’).

Os seus dedos xa non volverán agarrar a pluma que deu lugar a obras tan aplaudidas como ‘La sonrisa etrusca’, ‘La vieja sirena’ ou ‘El amante lesbiano’. As súas mans non se pousarán máis sobe o teclado dun ordenador para construír novos textos cos que facernos a vida mellor. Para mín foi unha triste noticia, logo de coñecelo en Santander anos atrás e compartir unha semana literaria na que revisamos a súa obra e o oficio de escritor. Unha semana que deu lugar a un libro que hoxe conservo con especial agarimo, titulado ‘Escribir es vivir’.

A lembranza de cando o coñecín, case dez anos atrás, trae á memoria a imaxe dun home cunha mente lúcida, o que se di unha cabeza ‘ben amoblada’, e de gran sentido crítico. Estes días son moitos os literatos que falan de Sampedro, recordando a un bo escritor e, sobre todo, a un gran home. Tal é o caso de Luis Goytisolo, quen o califica coma unha ‘especie de Ghandi’, mentres que José Manuel Blecua, presidente da RAE, destacaba a súa gran preocupación pola lingua e o gran sentido crítico da realidade. Cómpre engadir que o autor catalán concebiu a literatura como un vehículo para a liberdade e a rebeldía. Lembremos o seu espírito entusiasta da revolución ao apoiar movementos coma o do 15 M, amosando a súa sensibilidade e empatía cos mozos, malia á súa avanzada idade, e fagamos nosas as súas palabras, cando dicía ‘El día es de los que mandan, sí. Pero la noche es nuestra’ ou ‘Se puede, se puede - repite esa voz tajante-. Siempre se puede, cuando se quiere…’ (‘La sonrisa etrusca’).

Foi tamén un gran economista (que vaticinara moito tempo atrás a actual crise que vive o país e que dicía que había dúas clases de economistas: ‘los que trabajan para hacer más ricos a los ricos y los que buscamos hacer menos pobres a los pobres’). Pero ante todo recordarase como unha grande persoa, comprometida co mundo que lle tocou vivir. Autor do prólogo de ‘¡Indignaos!’ (de Sthèpane Hessel, falecido o pasado mes de febreiro), Sampedro pasou a súa infancia en Tánger e viviu os seus últimos días en Madrid, levando sempre presente a idea de que ‘la vida es un arder y el que no arde no vive’. Como apuntou Rosa Regás, ‘nunca dejó de decir lo que pensaba, de los gobiernos, de los partidos políticos, de los sistemas políticos... nos ha dejado huérfanos’. ‘Hablar de literatura con él era muy impresionante. Aunque fue una pasión tardía, era un hombre muy preocupado por los mecanismos de la ficción’, engadía Almudena Grandes, mentres que a académica Soledad Puértolas aseguraba que o mundo das letras acababa de perder a un home ‘insustituible’, un referente histórico cuxa amabilidade e educación se mesturaron cunha obra inmortal.

Ruth Fernández con J.L. Sampedro. (Santander, Palacio de la Magdalena) --

Calificado de sabio, literato, humanista, indignado e comprometido na loita contra as inxustizas, o autor de ‘El río que nos lleva’ e ‘Congreso en Estocolmo’ foi o subdirector do Banco Exterior (autor de ‘El mercado y la globalización’, ‘La inflacción’ ou ‘Economía humanista’) e un brillante profesor (exercendo durante trinta anos a docencia na facultade) pero, ante todo, moi humano. Como dixen noutras ocasións, nunca esquecerei a ensinanza de Sampedro, quen nos exhortou a amar a vida con máis forza, insistindo en que ‘lo que da fuerza a la vida es saber que se acaba’. Aseguraba que tiñamos o deber de vivir a vida de xeito pleno, tamén por medio da palabra escrita, confesando que a súa actividade de escritor se debía a que non podía evitalo, a unha necesidade vital (‘ni el éxito ni el dinero me compensaron nunca el esfuerzo de escribir’).

Recordo perfectamente cando escoitei dos seus labios que a vocación literaria que sentía nacera cando se deu conta de que ‘uno puede construirse su propio mundo, que, por supuesto, no tiene nada que ver con el de los demás (…) mi verdad no es mejor que la del otro’. Coa saída ao mercado do libro ‘Escribir es vivir’ rememorei o verán que pasei na capital cántabra, cando tiven o gusto de coñecer a José Luis Sampedro no seo da Universidade Internacional Menéndez Pelayo, cando abría o ciclo de cursos maxistrais ‘El autor y su obra’.

Aquel mes de xullo de 2003, Sampedro ensinounos aos sistentes a amar a vida con máis forza, nun momento vital do escritor extremadamente delicado, alegando que ‘No he venido aquí a hacer retórica, ni poética, ni literatura. He venido aquí a VIVIR, a vivir cuando se me está acabando la vida y, por lo tanto, a disfrutarla más’. Ese seminario, presentado baixo o epígrafe de “Escribir es vivir” adquiría maior relevancia tendo en conta as palabras de Sampedro cando dixo que os que alí estabamos eramos uns privilexiados, aos que nos adica o libro así titulado, posto que probablemente non volvería dar un curso maxistral el só, senón que se se daba o caso de participar en novos encontros desas características faríao cunha conferencia, pero non levando el todo o peso das clases, alegando estar xa moi maior. Sampedro definíase durante aquel seminario coma un ‘aprendiz de todo y maestro de nada’, dicindo así que sempre trataba de ‘descubrirme para descubrir a otros y encontrarnos todos, para vivir más’.

O libro, concibido a modo de autobiografía, foi escrito coa súa muller, Olga Lucas, que fixo de axudante de cátedra e con quen casara ese mesmo ano. Sampedro confesaba que empregaba a súa propia vida para escribir, non sendo posible diferenciar entre a vida e a obra dun autor sinceiro que o que intenta é ‘provocar’ ao lector, en troques de adoutrinalo. Para el a única razón para escribir literatura era non poder evitalo, ter a escritura coma unha necesidade vital, polo que continuou con esa tarefa, levantándose de madrugada, ata o final. Aseguraba que ‘se escribe con la pasión y no con la inteligencia’.

Acabou a súa primeira novela con vinte anos e non tivo recoñecemento literario ata a década dos oitenta. No libro que resultou do curso citado, convida a todos os que fomos privilexiados coa súa presenza a que ‘entremos más adentro en la espesura’, no interior de un mesmo, na ‘maraña’ que hai dentro de cada un de nós, facéndoo sen medo porque dentro hai de todo, en cada un de nós di que está ‘el santo y también el asesino’. A súa definición do escritor é paralela á dun albanel da linguaxe, porque ‘nuestros ladrillos son las palabras’, engadindo que ‘uno lo puede hacer mejor o peor, pero el juego es divertidísmo, como los malabarismos del prestidigitador’. Grazas, amigo José Luís, por tan sabios consellos e ensinanzas.

Rematarei este adeus cunhas palabras do autor, dunha obra que ensalza a pasión do amor tardío, en ‘La sonrisa etrusca’. Escribe Sampedro: ‘Palabras y silencios en la penumbra primaveral de la alcoba, cernida por las cretonas estampadas. Tendidos uno junto a otro bajo la sábana y la colcha, desvestidos a medias, las palabras son estrellas en el crepúsculo de cada día, rojas brasas en un fuego tranquilo, misterios compartidos. Y los silencios lo cantan todo, son la vida entera de cada uno resucitando, reconstruyéndose y requiriendo a la otra para completarse; son las existencias de ambos abrazándose en un trenzado de anhelos y esperanzas’. Recordemos, pois, que ‘si no fuera por amor, ¿cómo podría existir nada?’ (‘Octubre, octubre’).

Ruth Fernández

 

Algunhas referencias a textos editados anteriormente sobre José Luis Sampedro nas páxinas de Galicia Hoxe:

Cando a escritura e a lectura se converten en necesidade (Galicia Hoxe, 26/4/2005)

‘Escribir es vivir’, Santander literario de Sampedro (I) (Galicia Hoxe, 29/11/2005)

‘Escribir es vivir’, o Santander literario de Sampedro (II) (Galicia Hoxe, 6/12/2005)

Sampedro: ‘tenemos el deber de vivir la vida’ (Galicia Hoxe, 8/12/2011)

Grupo Correo Gallego
Ante calquera dúbida, problema ou comentario nas páxinas de Galicia Hoxe envíe un e-mail a info@galicia-hoxe.com. Titularidade e política de privacidade. Política de Cookies
Auditoría Audiencia Sites
Titulares RSS