Hemeroteca web | RSS  RSS     Xoves 27.04.2017 Actualizado 18:48
El Correo Gallego Radio Obradoiro CorreoTV Anova multiconsulting

Galicia Hoxe

Noticia 1 de 1 Galicia  |   RSS - Galicia RSS

Informe 'Perspectivas España 2017. Edición Galicia',

Os empresarios galegos reclaman mellores infraestruturas nunha contorna "complexa"

KPMG advirte en Galicia do problema "claro" de demografía e do paro aínda "moi elevado"

SANTIAGO. EP  | 19.04.2017 
A- A+

Os empresarios galegos reclaman con particular intensidade unha mellora nas infraestruturas da comunidade, entre as súas principais demandas, segundo o informe 'Perspectivas España 2017. Edición Galicia', que este mércores foi presentado polo socio responsable das oficinas galegas de KPMG en España, Daniel Fraga.

Fraga destacou, na súa exposición das principais conclusións --algunhas das cales xa foron dadas a coñecer a principios do mes de marzo--, que as compañías galegas afrontan con certo optimismo unha situación na que "non hai dúbida" da recuperación tras a crise pero na que a contorna aínda é "complexo".

Neste sentido, advertiu do problema "claro" da demografía, moi envellecida, do nivel de paro aínda "moi elevado" e da incerteza política que xeran varias frontes internacionais, así como a complexidade administrativa entre as distintas áreas do territorio español.

Con anterioridade a el tomou a palabra, na inauguración da xornada, o conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, quen resaltou datos "significativos" do traballo de KPMG, como o que indica que a transformación dixital é prioridade para o 22% das empresas.

Conde reivindicou que Galicia é unha terra "de recursos para a xente que quere traballar aquí" e tamén para "quen queira investir aquí". E, neste contexto, apuntou á "revisión normativa" que pretende abordar a Xunta en múltiples ámbitos, segundo dixo, para dar "maiores facilidades administrativas e fiscais" aos proxectos industriais, nun labor que "precisa a colaboración dos concellos".

PERSPECTIVAS GALICIA

Pola súa banda, Daniel Fraga indicou que, segundo a enquisa, que tivo como mostra da comunidade a 60 responsables de empresas, os galegos son "un pouquiño menos optimistas" respecto da situación económica que a media estatal. Por encima atópanse rexións como Madrid e Baleares, e por baixo, Estremadura e Asturias.

Así, preguntados pola súa visión actual sobre a economía de Galicia, un 30% cualifícaa de "boa", un 58% de "regular" e un 12% de "mala" e "moi mala". En canto a prognósticos para este exercicio, un 40% cre que mellorará, un 52% entende que se manterá igual e un 8% teme que empeore.

Con todo, o 74% das firmas galegas prevé aumentar a súa facturación durante 2017, e case a metade espera incrementar persoal. O 95% contempla elevar ou manter o investimento, que irá a tecnoloxía e persoal, e Galicia é a quinta autonomía que máis espera aumentar o que destina a investimentos no exterior.

"NON TAN MENTALIZADOS" EN INNOVACIÓN

Segundo o socio responsable das oficinas de Galicia de KPMG en España, a comunidade galega non está "tan mentalizada" como o resto de España naquilo que soa "diferente", como o concepto de 'innovación disruptiva'.

En canto á internacionalización, Oriente Medio e Asia non son tan habituais como noutras zonas do estado, pero si destaca un país como Marrocos.

Mentres, acerca das ameazas, son extrapolables as do conxunto estatal: debilidade da demanda, crecente competencia, carga regulatoria, incerteza política e falta de flexibilidade no referente a relacións laborais.

A elas súmanse algunhas máis novas como a 'ciberseguridade' e as tecnoloxías disruptivas, ou o 'brexit', ante o que un 64% dos enquisados galegos aseguraron ter "a intención" de elaborar un plan de continxencia.

Grupo Correo Gallego
Ante calquera dúbida, problema ou comentario nas páxinas de Galicia Hoxe envíe un e-mail a info@galicia-hoxe.com. Titularidade e política de privacidade. Política de Cookies
Auditoría Audiencia Sites
Titulares RSS