Hemeroteca web | RSS  RSS     Martes 21.01.2020 Actualizado 21:51
El Correo Gallego Radio Obradoiro CorreoTV Anova

Galicia Hoxe

Noticia 1 de 1 Galicia  |   RSS - Galicia RSS

CALIDOSCOPIO

Encol das expectativas sociais e da mobilización

MANUEL MERA  | 08.01.2020 
A- A+

A formación dun goberno progresista de coaligazón entre o PSOE e UP, presidido por Pedro Sánchez, e que contou na investidura, e vai necesitar na lexislatura, do apoio doutras forzas de esquerda, entre elas do bloque soberanista catalá, vasco e galego, implica unha viraxe á esquerda e a democratizar as institucións. A pregunta é: até onde chegará o cambio? Ante todo porque os partidos da dereita, que teñen seu peso, están dispostos e exercer unha oposición frontal a todos os niveis, e ademais, porque resulta evidente que son a expresión dos intereses dos grandes grupos económicos e de poderes fácticos. Se non fose así, só sería VOX quen mantería unha actitude tan agresiva e incendiaria. Aínda que o seguidismo do PP e Ciudadanos se intente xustificar na pelexa polo espazo electoral, a cuestión de fondo está: nas consecuencias que sobre os ingresos do capital ten a derrogación da reforma laboral, o aumento do salario mínimo e da presión fiscal sobre corporacións e grandes fortunas.

Non digo que axitar o independentismo catalá e vasco non cause un reaxer en sectores da sociedade moi españolistas (non só conservadores), tamén na maioría do poder xudicial e das forzas de seguridade, mais a dura oposición á investidura de Sánchez coida que está máis ligada aos intereses do IBEX35. E escenificano deste xeito porque lle resulta máis doado como escusa para intoxicar, utilizando a problemática nacional non resolta, e deixar en evidencia a súa oposición frontal. Rexeitan unha redistribución da riqueza e do traballo, polo que chocan coas reclamacións da maioría social, máxime cando se trata dunhas reformas mornas e dentro do sistema. En ningún caso o PSOE+UP propoñen a nacionalización de sectores como a banca, enerxía, telecomunicacións, transporte público de medio e longo percorrido, etc. Sectores que son esenciais na vida cotiá das persoas e claves para evitar a desfeita ecolóxica e a desigualdade, avanzar na xustiza social, así como para manter e potenciar as localidades medianas e pequenas, e ligar a actividade económica ás necesidades da maioría social.

En calquera caso unha vez votada a Presidencia e se o novo governo ten atrevemento, e toma axiña medidas tanto para abrir o dialogo con Cataluña e avanzar cara un modelo de relacións máis xusto, e se avanza en temas como o laboral, prestacións e servizos públicos, igualdade, ecoloxía... a cerna do debate trasladarase a feitos e propostas que teñen unha maior incidencia na vida cotiá das persoas. Abonda con ler as enquisas do CIS sobre cales son as preocupacións da xente. Agora ben, sería moi inocente pensar que as propostas do PSPE+UP e os compromisos con outras forzas (entre elas o BNG con temas que teñen transcendencia para o noso país) non van a ter que vencer resistencias, xa que aínda non sexan medidas que afecten os alicerces do sistema implican unha redistribución da riqueza (tanto polo aumento da masa salarial como dos impostos aos capital).

Sen dúbida ábrense expectativas de cambio, ou sexa do inicio dunha tendencia positiva, mais até onde chegue vai depender non só da vontade política do Goberno senón tamén da presión dos partidos rupturistas, e sobre todo da mobilización laboral e social. A Bolsa, a UE, e os organismos económicos, e outros poderes fácticos, van facer presión todos os días para que os cambios non se realicen ou sexan cosméticos. Non se pode obviar que hoxe existe unha resposta popular no mundo moi grande contra as políticas neoliberais, aínda así resulta evidente que ademais de ser masiva e durar no tempo carece de dirección ou está moi fragmentada. Esta eiva pon en primeiro plano a cuestión do suxeito político, da loita das ideas, da folla de ruta, da coordinación entre países.

Polo tanto, deixar toda a iniciativa en mans das institucións sería sen dúbida un erro que se pagaría caro, porque desvincula ao povo dos centros de poder e da construción dos cambios, e dunha percepción correcta dos custes que estes avances significan. Co que isto implica na formación da conciencia política e no estado de animo. Por esta razón a mobilización sen referente político limita a capacidade para a ruptura, e ademais impide que as institucións estean acotío ao servizo das clases populares. Estes son aspectos centrais, daquela a importancia estratéxica da participación e protagonismo, formación e organización, das clases populares.

Manuel Mera

Grupo Correo Gallego
Ante calquera dúbida, problema ou comentario nas páxinas de Galicia Hoxe envíe un e-mail a info@galicia-hoxe.com. Titularidade e política de privacidade. Política de Cookies
Auditoría Audiencia Sites
Titulares RSS