Hemeroteca web
|
RSS
Luns 21.05.2012
| Actualizado 21.20
![]() |
| Xosé Manuel Beiras, ex portavoz nacional do BNG e actual líder do EI FOTO: chico mirás |
"O nacionalismo é un fenómeno sociopolítico que soborda os límites das organizacións, e a unidade un obxectivo irrenunciable ó que o Encontro Irmandiño contribuirá para crear un referente político". Así o di a Tese Política que será sometida a debate este próximo sábado, durante a celebración da III Asemblea Nacional da corrente que lidera o ex portavoz nacional do BNG Xosé Manuel Beiras. A cita será no compostelán Hotel Puerta del Camino e o conclave prolongarase durante toda a xornada para reflexionar e tomar decisións ó respecto das posicións políticas que adoptará o EI no futuro inmediato e ó respecto de cómo definir a súa constitución legal como formación política plena e cómo será a súa relación co Bloque.
A xuntanza nacional "irmandiña" chega cando está a piques de cumprirse un ano da chamada Rolda de Rebeldía, que tivo lugar a finais de xaneiro do ano pasado tamén en Compostela, que foi impulsada polo EI, e que supuxo un primeiro paso para a "reosixenación" das relacións entre a esquerda política e a social neste país. Chega tamén esta III Asemblea do Encontro cun pouco de atraso -estaba previsto que se celebrase xa no verán pasado-, pero precedida dun longo proceso comarcal "aberto" no que o EI intentou darse a coñecer en toda Galicia para captar novas incorporacións de xente e suscitar o debate entre todos aqueles interesados.
Lonxe dos eternos ruxe-ruxe sobre unha posible escisión no Bloque que suporía que o EI decidise camiñar en solitario e á marxe da fronte, na súa Tese Política da III Asemblea os "beiristas" comprométense a "pular" por "reconstruír a unidade dun referente político para o que todos somos necesario e ó que queremos incorporar a longa traxectoria do nacionalismo nas súas distintas etapas históricas". "Queremos recuperar os valores de esquerda, cidadáns, democráticos e republicanos da participación, horizontalidade e democracia participativa", aseguran, para advertir que "a urxencia de lle facer fronte á ditadura do capital financeiro e á brigada de demolición de San Caetano esixe xa un movemento político en sintonía coa sociedade, coa forza da cidadanía organizada e non pode agardar máis".
Así, o Encontro Irmandiño asegura que pulará "pola rexeneración da fronte coa condición de que se acepte abrir o BNG á sociedade, reintegrando os milleiros de persoas nacionalistas de dentro e ós excluídas por expulsión, sectarismo ou cansazo de aturar unhas relacións internas insoportables", e de que "se desarme o aparato burocrático ó servizo da dirixencia".
Neste sentido, e unha vez máis, o EI fai crítica dura á formación frontista. Afirma que "moito ten desandado" o BNG "nos últimos anos da man das componendas co poder, da obsesión pola homologación coas forzas políticas clásicas, de virar as costas á base social e á militancia e da burocratización" ata, segundo eles, "quedar inerme para combater os neofascistas do PP na Xunta cando máis fácil debída de ser pola evidencia da súa política antigalega e antisocial e ante a crueza da crise financeira, económica, social e de representación democrática". Non obstante, os irmandiños, tenden a man dentro da fronte a través deste documento para intentar solucionar a situación e dar lugar ó referente política que agarda parte deste país.
"O Executivo estatal do PSOE abre as portas ó triunfo da dereita"
A Tese Política do Encontro Irmandiño arremete tamén polo miúdo contra o PSOE e o actual Goberno estatal. Denuncia que o Executivo "tardou nada en aceptar a dituadura dos mercados e do poder financeiro, e optar por unha política económica francamente de dereitas". Así, din tallantes que "a traxectoria do PSOE conduce a unha política de regresión social, de afortalamento dos poderes empresariais e de favorecemento das posicións ultraliberais, de abandono dos desfavorecidos, do incremento da precariedade laboral e do paro", é dicir, da "instalación dominante das posisións da dereita económica". Por iso, conclúe que "hoxe pódese afirmar que o goberno do PSOE, implantando unha política económica deste estilo, está abrindo as portas ó triunfo da dereita polícia". Ante tal situación, os "irmandiños" comprométense a obrigar o Goberno do PSOE a rectificar a súa política económica, "para favorecer unha saída da crise a favor dos intereses populares e da nazón galega".
Tamén Consello Nacional ese día
A III Asemblea Nacional do Encontro Irmandiño coincidirá, ó celebrarse este sábado, cunha nova reunión do Consello Nacional do BNG, o que provocará que, unha vez máis, os membros que o EI ten no máximo órgano de decisión entre asembleas do Bloque non acudan á xuntanza común da fronte. Non será a primeira vez. O último Consello Nacional do BNG tampouco contou coa presenza dos membros do EI, que aquel día alegaron ter outra cita da súa corrente.
"Fronte ós neofascistas só cabe a oposición total á Xunta de Feijóo"
Respecto do PPdeG e o seu labor na Xunta, a Tese Política dos "beiristas" lamenta que "a brigada de demolición que ocupa San Caetano" nin sequera "mostre na faciana o máis leve xesto de desgusto por estar a destruír servizos públicos como a sanidade e o ensino; por liquidar a investigación escasamente financiada ou por abandonar os maiores dependentes". Pola contra, asegura que os mandatarios galegos se ven "rufos e felices como cando atacan o galego ou privatizan os recursos naturais para alegría dos seus amigos". O EI cre que "fronte ós neofascistas do PP só cabe unha posición" que é "oposición total ó goberno do PP, oposición parlamentaria, oposición social e sindical, na rúa e nas institucións". Neste sentido, advirte que só así se poderá "impedir o avance da dereita". Así, comprométense a alertar ós "usurpadores" -o PP-, de que "un novo goberno democrático galego que a cidadanía vai instaurar tarde ou cedo, non vai bendicir os roubos e rescatará para o común todo o roubado" polo Executivo de Alberto Núñez Feijóo.
Guillerme Vázquez: "Máis ben non existe escisión"
O voceiro nacional do BNG, Guillerme Vázquez, foi preguntado onte polos medios de comunicación sobre unha eventual e suposta escisión na formación frontista protagonizada polo Encontro Irmandiño que algún medio de comunicación galego insinuou estes días. En roda de prensa para valorar a Cidade da Cultura onte inaugurada, Guillerme Vázquez declarou que "máis ben non existe" tal ruptura, toda vez que "non chegou" ningunha comunicación á sede nacional do BNG nese sentido.
"A min como non me comunicaron en ningún momento, non me chegou ningunha (comunicación), creo que máis ben non" existe esa posibilidade, manifestou preguntado por se consideraba ou tiña coñecemento dunha hipotética ruptura no seo do BNG. "Unha cousa é o que se fale mediaticamente, pero eu non teño ningunha comunicación nese sentido", remachou.
Tamén o voceiro do Grupo Parlamentario do Bloque, Carlos Aymerich, sentenciou nunha rolda de prensa antonte que na organización nacionalista, actualmente, "están todos, e máis que faltan". "Hoxe están todos, e máis que faltan e que deberían entrar no BNG", asegurou cand lle preguntaron tamén por se cría nunha eventual escisión do Encontro Irmandiño.
Neste sentido, o que tamén é líder da corrente Máis Galiza -a segunda que ten máis peso dentro do BNG despois da UPG-, asegurou que "hai moitos máis galegos que queren o mellor para este país (que non están no Bloque) e que (polo tanto) teñen o seu sitio para traballar no BNG".
Galeguistas e socialistas, pola igualdade das nacións
O EI explica que os seus referentes máis próximos son o pensamento galeguista e particulamente o socialismo nacionalista. Como forza política que asume a súa pertenza a unha nación sen Estado, considérase parte do conxunto de forzas que procuran un mundo de relacións entre as nacións apoiadas no antiimperialismo e na loita pola igualdade.
