Hemeroteca web
|
RSS
Luns 21.05.2012
| Actualizado 21.20
![]() |
| O río Eume seco augas abaixo do encoro da Capela, que xestiona a eléctrica Endesa FOTO: AXENCIAS |
Os lodos tóxicos acumulados durante cincuenta anos no encoro da Capela irán parar ó río Eume. Esta é unha das actuacións contempladas no proxecto ambiental que a compañía eléctrica Endesa acaba de remitirlle á Xunta co obxectivo de "modernizar o desaugadoiro do fondo da presa". O fin último desta actuación non é outro que o de restituír o caudal ecolóxico ó tramo de 3,4 quilómetros que a firma mantén seco dende hai cinco décadas, tal e como lle esixe a lei.
Segundo consta no documento, Endesa propón retirar cunha grúa unha pequena parte das lamas -ó redor duns 1.350 metros cúbicos- que se acumulan nos fondos do encoro para depositalos 50 metros máis arriba. A eléctrica serviuse dun equipo de mergulladores para trazar un diagnóstico da presa co obxectivo de demoler e susbtituír unha cámara de válvulas seladas dende 1960 por "un by-pass en cada conduto do fondo". Despexadas as comportas e desatascados os desaugadoiros, a eléctrica tería dous canais abertos para soltar o caudal estacando no fondo en ráfagas de 2,8 a 51,6 metros cúbicos por segundo. O proxecto presentado pola firma para dar solución ós problemas do Eume foi denunciado onte pola asociación ecoloxista AEMS-Ríos con vida, quen denuncia o grave impacto destas verteduras no propio Eume e no parque natural das Fragas polo que discorre. Un problema ó que se sumarían os presuntos delitos actualmente baixo investigación por desecar o río: captación abusiva de augas, danos a unha especie natural protexida, usurpación de augas públicas e defraudación de fluído.
Dende a asociación ecoloxista estiman que no muro da presa hai retidos uns 30 metros de lodos, que deberían dragarse e depositarse nun vertedoiro adecuado fóra da conca. Con todo, recordan que hai milleiros de toneladas máis de lodos acumulados durante 51 anos no pantano, que proceden do lavado da mina de lignito de Endesa nas Pontes, das verteduras urbanas deste municipio e das verteduras das obras da autovía, que no ano 2008 arrasaron a vida do río pola súa elevada acidez.
Para Ríos con Vida, a solta de agua en potentes ráfagas como as indicadas no proxecto pode provocar que o arrastre dos lodos danen seriamente o tramo de río que hai augas abaixo da presa. Para paliar os desembalses e as súas consecuencias, os técnicos idearon a colocación de 5 balsas de retención, colocadas no primeiro quilómetro de canle, un tramo cunha pendente media do 50%, o que fará, segundo os ecoloxistas, que as balsas non teñan nin capacidade nin poidan neutralizar en absoluto as avenidas de auga mesturadas con lodos.
A mesma operación causou danos no Alto Pireneo
Finalmente, o colectivo ecoloxista quere recordar que Endesa provocou graves danos noutras ocasións soltando os lodos dos encoros, destacando recentemente a vertedura en máis de 20 quilómetros desde a presa de Tavascán (Lérida) en 2009, tamén noutro espazo protexido: O Parque Natural do Alto Pireneo.
Denuncia en abril de 2010
O fiscal de Medio Ambiente, Álvaro García Ortiz, denunció en abril de 2010 á Endesa por captación abusiva de aguas, que provocou a seca do río durante 3,4 quilómetros augas abaixo do encoro da Capela. Así, o TSXG sinalou á eléctrica como presunta responsable de varios delitos contra o medio e os recursos naturais nun espazo protexido como é o parque natural das Fragas do Eume, o que forzou a Endesa a tratar de corrixir a situación.
