Hemeroteca web | RSS  RSS     Martes 21.01.2020 Actualizado 21:51
El Correo Gallego Radio Obradoiro CorreoTV Anova

Galicia Hoxe

Noticia 1 de 1 Galicia  |   RSS - Galicia RSS

ENQUANTO HÁ FORÇA

Enredos político-xudiciais

XOSÉ A. GACIÑO  | 24.12.2019 
A- A+

Emprendeuse a vía xudicial, para non enredarse en complicadas negociacións políticas, e aquí andamos, enredados nos cruces e desfases de decisións xudiciais que rematan impoñendo resolucións políticas. Xa non queda claro se foi a política a que se xudicializou ou se é a xustiza a que está a dirixir a política. Un tribunal dunha audiencia provincial, por exemplo, parece que pode declarar ilegal unha lei dun parlamento autonómico que ningún goberno nin grupo político se molestara antes en recorrer ante o Tribunal Constitucional. Agora, o Tribunal de Xustiza da Unión Europea, ademais de reprender ao Tribunal Supremo español por non ter autorizado a Oriol Junqueras a tomar posesión do seu escano no Parlamento Europeo, ven de cargarse como de pasada a lei que remitía a acreditación dos eurodeputados ás normas específicas que establecese cada estado. Na súa sentenza sobre o caso Junqueras, o alto tribunal europeo decide que a condición de eurodeputado se adquire cando a xunta electoral  correspondente proclama os resultados electorais, sen máis cerimonias de acatamentos constitucionais. Un precedente a aproveitar noutros ámbitos para eliminar as polémicas sobre as fórmulas de xuramentos e promesas.

As reaccións e valoracións sobre as decisións xudiciais, na maior parte dos casos, soen depender de que beneficien ou prexudiquen a quen reaccionan e valoran. Esta vez tamén: entre o desconcerto creo que da maioría (incluído o goberno en funcións), resoan especialmente a euforia dos independentistas cataláns (que reclaman nada menos que a nulidade de todo o proceso) e a indignación antieuropea da extrema dereita. De momento, quedamos á espera do que faga o Tribunal Supremo, destinatario directo da resolución, que da resposta a unha cuestión prexudicial elevada ao tribunal europeo polos maxistrados que xulgaron aos responsábeis do procés e que, por certo, ditaron a súa sentenza sen esperar a resposta á súa consulta.

Chove sobre mollado. Xa estaba ben enredada a difícil investidura de Pedro Sánchez, despois dunha arriscada repetición electoral que rematou debilitando a súa posición, para que agora teña que facer fronte ás consecuencias destes novos enredos, producidos por decisións alleas. Pero, quen sabe, quizais os xuíces conseguen resolver, de rebote, a formación de goberno en España.

Grupo Correo Gallego
Ante calquera dúbida, problema ou comentario nas páxinas de Galicia Hoxe envíe un e-mail a info@galicia-hoxe.com. Titularidade e política de privacidade. Política de Cookies
Auditoría Audiencia Sites
Titulares RSS