Hemeroteca web | RSS  RSS     Xoves 16.08.2018
El Correo Gallego Radio Obradoiro CorreoTV Anova

Galicia Hoxe

Noticia 1 de 1 Galicia  |   RSS - Galicia RSS

CALIDOSCOPIO

Ensinanzas da Arxentina

MANUEL MERA  | 07.08.2018 
A- A+

Cando gañou as eleccións de 2016, Mauricio Macri foi presentado como o salvador da Arxentina, fronte ás políticas “populistas” de Cristina Fernández. Seica que a presidenta, e antes seu marido, Nestor Kirchner, estaban afogando a economía e hipotecando o futuro do país, polo seu afastamento da lóxica do libre mercado nun mundo globalizado. En realidade as medidas que tomaron ambos presidentes/as progresistas só foron pequenas rectificacións ao modelo dominante. Seu obxectivo era reducir, mediante axudas directas e a mellora dos servizos públicos, a estrema pobreza que esmagaba a unha parte importante da poboación, e apoiar ao empresariado nacional.

O de Nestor e Cristina foi un xeito de peronismo serodio, polo que non podía dar resultado, xa que o proxecto orixinal se desenvolveu nun mundo no que a URSS saia fortalecida da loita contra o fascismo, e estaban en ascenso os movementos de liberación nacional e a clase traballadora. Ou sexa, un contexto totalmente distinto do actual, cun capitalismo na súa etapa globalista e neoliberal. Que Samir Amin cualifica de senil, porque, para manter a concentración e centralización da riqueza, recorre cada vez máis á guerra, á desigualdade, a esquilmar os recursos e á destrución da natureza.

A última crise está na súa segunda fase, na que as potencias centrais transferiron seus custes á clase traballadora e aos países subalternos. Un efecto que tocou de cheo á Arxentina, aumentando o desemprego e o emprego informal, e reducindo os salarios. Unha vez máis os sacrificios botáronse nas costas da clase traballadora, os autónomos e os pequenos empresarios. Neste escenario os problemas non resoltos, como a delincuencia e a ocupación de vivendas, cobrou forza, e as axudas aos sectores máis empobrecidos, tornáronse parte do modelo. Foi así, xa que non se mudou a estrutura produtiva, e a economía non creceu abondo como para absorber estes sectores. Abriuse unha fenda dentro das clases populares, que se alentou dende a dereita, e que confrontaron ao Goberno con amplos sectores das “clases medias”.

O escenario era polo tanto negativo para os continuadores do “legado” de Cristina Fernández (dado que ela non podía repetir, polo límite de mandatos) e moi propicio para a demagoxia da oposición que acusaba á presidenta de unha excesiva presión fiscal e un reparto clientelista e ineficaz dos recursos públicos. E sendo certo que co progresismo neoliberal non se solucionaron os problemas que atracan o desenvolvemento na Arxentina, e outros países de América Latina, non se pode obviar que as axudas ás familias evitaron situacións de marxinalidade estrema e contribuíron ao medre do consumo. Sobre estas axudas, especialmente ás indirectas, como ao transporte, gas e electricidade, foi sobre as que primeiro actuou Mauricio Macri, para “equilibrar as contas públicas” (os tarifazos), así como sobre a redución de aranceis á importación e exportación, en beneficio dos sectores terratenentes e parasitarios.

O cambio político fíxose sentir axiña sobre a industria do país e na redución de ingresos fiscais. Encol das medidas tomadas por Macri, resume o economista arxentino Julio Gambina A ilusión do crecemento do PBI, á chegada dos investimentos, ou á baixa dos prezos preséntase mentres a realidade transita por outro camiño. Establécese, por exemplo, un teito aos salarios nas negociacións paritarias e deterióranse os ingresos populares da maioría da sociedade”1.

A aposta macrista de facer da Arxentina como un país desenvolto coas teses neoliberais rematou en fracaso en moi pouco tempo, tanto polo medre decrecente e mesmo negativo do PIB como por mor do aumento da desigualdade e do desemprego. José Antonio Oviedo valora a evolución deste xeito:As dúas depreciacións máis recentes, a de inicios de 2014 e a de fins de 2015, dan unha pauta do que se pode esperar: caída do PIB (naquelas ocasións foi de ao redor do 2%), aumento significativo da inflación (rente do 40%) e caída do salario real (máis do 5% no caso dos traballadores industriais). Nesta ocasión, asemade, poderíase rexistrar unha suba significativa do desemprego”2.

Agora ben, deste período o feito máis destacábel é o crecemento da dependencia imperialista. Este aspecto foi consagrado ao inicio do mandato de Macri co acordo lesivo cos fondos voitres, seica para garantir o investimento exterior. E agora consolidase, co obxectivo de conseguir un crédito de 50 mil millóns de dólares, cun pacto de sometemento ao Fondo Monetario Internacional (FMI). Unha decisión que foi rexeitada por todas as forzas progresistas do país, comezando polo movemento sindical. Unha demostración desta oposición foron as mobilizacións do pasado 25 de maio e 20 de xullo, coincidindo esta última coa visita a Bos Aires, de Christine La Garde directora do FMI. O lema utilizado na protesta foi: Nunca mais FMI, débeda fraudulenta e G20!. Destacou a presenza nas mobilizacións das dúas CTA e da UGT, as principais centrais sindicais do país.

As forzas sindicais, e os partidos políticos da oposición de esquerda e progresista, non pasan por alto, nos acordos co FMI, tanto as nefastas experiencias anteriores da Arxentina co Fondo, como na que neste intre esta padecendo Grecia. Neste país, impuxéronse medidas restritivas na negociación colectiva, retrocesos nas condicións laborais e nas pensións, e a privatización dunha parte importante do sector público, co obxectivo prioritario de asegurar os créditos concedidos pola banca dos países centrais da UE e os intereses especulativos das operacións.

En resumo. Os alumnos avantaxados de Macri, coas formulas globalistas e neoliberais, terminaron en moi pouco tempo obtendo resultados regresivos. A cuestión é, que con este sistema económico e social non hai solucións para os países e clases subalternas, e os que se poñen como exemplo son excepcións. E estas están máis relacionadas cos xogos de intereses das potencias dominantes, que coa xustiza, o esforzo e a creatividade.

Manuel Mera

1http://juliogambina.blogspot.com/ (Seguridad y represión para el ajuste con el FMI)

Grupo Correo Gallego
Ante calquera dúbida, problema ou comentario nas páxinas de Galicia Hoxe envíe un e-mail a info@galicia-hoxe.com. Titularidade e política de privacidade. Política de Cookies
Auditoría Audiencia Sites
Titulares RSS