Hemeroteca web | RSS  RSS     Domingo 26.04.2020 Actualizado 00:00
El Correo Gallego Radio Obradoiro CorreoTV Anova

Galicia Hoxe

Noticia 1 de 1 Galicia  |   RSS - Galicia RSS

CALIDOSCOPIO

Ensinanzas e retos da pandemia

MANUEL MERA  | 14.04.2020 
A- A+

Todo indica que as vindeiras semanas serán importantes respecto de dous temas básicos neste intre, por unha banda a evolución do Covid-19, e polo outra, cales serán as propostas do Goberno central (PSOE-UP) para realizar un pacto político-social pola “reconstrución económica”. No primeiro caso, verase se a decisión de eliminar o confinamento na construción e industria modifica a tendencia descendente das persoas contaminadas (para comprobar estes efectos haberá que esperar unha semana ou máis). Esta decisión estivo moi condicionada polas grandes empresas.

Outro dos temas que centrará a atención son as primeiras reunións do Goberno para buscar a complicidade de partidos políticos, organizacións patronais, sindicais e sociais co obxectivo de asinar un novo “Pacto da Moncloa”. Para alén de que o tempo histórico e a conxuntura sexa moi distinta, semella que aquel pacto non foi escollido ao chou como referencia por Pedro Sánchez, polo que indicaría que se queren facer cambios sen rachar cos alicerces do sistema. Lembremos que os Pactos da Moncloa, feitos coa escusa de evitar un golpe militar, implicaron poñer freo ao ascenso político da clase traballadora e ás aspiracións dun modelo de estado confederal polas nacións dependentes, e consolidar a Monarquía fronte ao obxectivo da República.

Polo tanto, todo reflicte que diante da disxuntiva entre manter o modelo con algunhas rectificacións, que son obrigadas polas regresivas consecuencias sociais e ecolóxicas da globalización neoliberal, ou reconstruír a economía e as relacións laborais e sociais sobre un modelo sustentábel e autocentrado máis xusto, o Goberno optou pola primeira alternativa. Inflúe neste postura, ademais da opción ideolóxica, o pensar que esta é unha crise económica conxuntural, sub-valorando o que implica sobre o estado de animo da sociedade o verse exposta ao virus, ao confinamento, así como ficar retratada a pelexa entre estados por se fornecer de bens sanitarios básicos, a insolidariedade da UE, e as debilidades dos países máis “avanzados” para enfrontar a pandemia, incluíndo os Estados Unidos que é a potencia hexemónica, etc.

Agora ben, non se debería obviar que as contradicións do sistema, seu carácter senil son unha fotografía que se visualizará dramaticamente en todo o mundo durante meses, ou anos, e as súas secuelas iran a máis, se os cambios non teñen a radicalidade necesaria, mesmo sabendo que iso implica unha folla de ruta que pode levar unha década. Trátase nos só de dotar á sanidade pública de máis recursos, porén tamén de fortalecer e diversificar a produción primaria e industrial e a investigación, reordenar a poboación evitando as grandes aglomeracións, regular o turismo e os desprazamentos a longas distancias,... Trátase de reducir ao máximo as condicións para o contaxio masivo, e ao mesmo tempo facer un mundo máis habitábel, evitando as masificacións, a contaminación, a destrución do hábitat, de culturas e linguas...

Son transformacións que necesitan da complicidade da maioría, e iso implica un novo contrato social, que garanta traballo para todos/as, redución da xornada, salarios dignos, servizos e prestacións públicas eficientes, fiscalidade progresista,... nacionalización dos sectores estratéxicos... recoñecemento do carácter plurinacional do estado e do dereito á autodeterminación. Ou sexa, son obxectivos nas antípodas dos que tiña como meta o Pacto da Moncloa, e do que todo dá a entender se pretende neste intre por parte do Goberno de coalizón. Sendo así as contradicións iran a máis, radicalizarase a situación, dándolle unha oportunidade transitoria á dereita; porén tamén, e durante toda esta nova etapa collerá pulo a esquerda soberanista, máxime se segue a ligar axeitadamente os obxectivos nacionais e sociais, e estes coa loita das ideas e a mobilización.

Manuel Mera

Grupo Correo Gallego
Ante calquera dúbida, problema ou comentario nas páxinas de Galicia Hoxe envíe un e-mail a info@galicia-hoxe.com. Titularidade e política de privacidade. Política de Cookies
Auditoría Audiencia Sites
Titulares RSS