Hemeroteca web | RSS  RSS     Xoves 14.11.2019 Actualizado 14:45
El Correo Gallego Radio Obradoiro CorreoTV Anova

Galicia Hoxe

Noticia 1 de 1 Galicia  |   RSS - Galicia RSS

ENQUANTO HÁ FORÇA

Envelenamento identitario

XOSÉ A. GACIÑO  | 25.03.2019 
A- A+

Cinco anos despois da irrupción de novas forzas políticas que viñan derrocar a hexemonía do bipartidismo no panorama político español, os sucesivos resultados electorais e as perspectivas que marcan as enquisas para as próximas eleccións xerais constatan, efectivamente, un visíbel deterioro dos dous grandes partidos que protagonizaban a alternancia, pero aínda manteñen o tipo por diante do resto de formacións que seguen aspirando a sucederlles. E como esas novas forzas non parecen dar mostras de flexibilidade á hora de establecer alianzas fora das súas áreas de dereitas ou de esquerdas no ámbito estatal, á hora de sumar maiorías parlamentarias van seguir necesitando de apoios de forzas periféricas (vascos, cataláns, galegos, canarios...) como noutros tempos. As maiorías absolutas en solitario están case imposíbeis, pero tamén están moi difíciles os apoios periféricos desde que os nacionalistas cataláns decidiron prescindir do seu seny pactista tradicional para xogar a facer ver que van conseguir a independencia.

Precisamente ese xogo independentista -iniciado como unha competición entre as dúas principais forzas nacionalistas pola hexemonía electoral- está a envelenar a campaña dos comicios do 28 de abril, que non comeza oficialmente até o día 12, pero que, en realidade, ven desenvolvéndose desde hai tres ou catro anos. O envelenamento ven agravado polo feito de que, en paralelo, se está a desenvolver o xuízo contra os membros do goberno catalán que se lanzaron pola vía sen saída (ou con esa saída dos tribunais) da declaración unilateral de independencia.

O caso é que, nesta intensa precampaña, se fala máis de Cataluña e de lazos amarelos (ou brancos con franxa vermella) que da precariedade laboral, do futuro das pensións, das medidas contra o cambio climático ou das consecuencias da desaceleración económica que empeza a detectarse nos principais países da Unión Europea, afectados polas perspectivas negativas que abre a guerra comercial entre Estados Unidos e China ou as repercusións do incontrolábel Brexit, cuestións todas estas sobre as que os partidos que aspiran a gobernar España deberían ter criterios formados e informar convenientemente aos cidadáns sobre as súas posicións ao respecto.

Marcada a axenda polas cuestións identitarias -ademais dos delirios reaccionarios da extrema dereita-, parece que a esquerda non é capaz de romper o asedio das presións e acusacións dos diferentes nacionalismos e colocar no debate electoral as cuestións sociais que quedaron recortadas ou laminadas pola crise e que seguen esquecidas tras a suposta recuperación.

Grupo Correo Gallego
Ante calquera dúbida, problema ou comentario nas páxinas de Galicia Hoxe envíe un e-mail a info@galicia-hoxe.com. Titularidade e política de privacidade. Política de Cookies
Auditoría Audiencia Sites
Titulares RSS