Hemeroteca web | RSS  RSS     Xoves 14.11.2019 Actualizado 14:45
El Correo Gallego Radio Obradoiro CorreoTV Anova

Galicia Hoxe

Noticia 1 de 1 Galicia  |   RSS - Galicia RSS

O SAL DA TERRA

Errores a tres bandas

JOAQUIM VENTURA  | 02.10.2019 
A- A+

Botada a sorte da lexislatura iniciada o pasado abril, quizás sexa bo reflexionar sobre as diversas razóns do fracaso. Ou dos fracasos, que tal vez foron máis de un. Porque se un non quere chegar a un acordo, a cousa está difícil. Pero cando son tres, o asunto pasa a imposible. E isto foi, en resume, o que sucedeu para atopar unha maioría parlamentaria dabondo para investir un goberno.

O primeiro erro de perspectiva foi pensar, desde o partido gañador, o PSOE, que a maioría que –gratis- fixo posible aprobar a moción de censura contra Mariano Rajoy podería ser repetida –tamén gratis- para darlle de novo o goberno a Sánchez. O candidato á investidura era consciente que tal suma non daba se precisaba de certos votos cargados dunha suposta toxicidade, aínda que fose como abstención, como eran os de ERC.

E malia que o vector de moitos votantes era un goberno de esquerdas (comezando polos propios do PSOE que a noite do 29 de abril berraban “con Rivera, non”), Sánchez sabía que malia propoñer a Unidas Podemos como aliado natural, non podía desequilibrar cara á esquerda as propostas de goberno. Menos aínda cando calquera acordo co bloque de Pablo Iglesias non garantía unha maioría estable. Por iso as diversas propostas de acordo sempre resultaban cativas, sen abandonar nunca esoutra ollada ao centro para ter o apoio de Ciudadanos.

Chegados a finais de xullo, o equipo negociador do PSOE fixo a Unidas Podemos unha oferta que, dándolle a volta a aquela frase de Vito Corleone, sería difícil que aceptasen. Malia o continente de luxo dunha vicepresidencia e dalgúns ministerios, o convencemento da teimosía que Unidas Podemos amosaría, cubría as costas do PSOE.

E alí estivo o erro de interpretación de Unidas Podemos, ou polo menos da fracción liderada por Iglesias. Erro de interpretación que, en termos de linguaxe política de esquerda marxista, sempre foi definido como subxectivismo e, que neste caso, significaba non entender diversas circunstancias. A primeira, a delicada situación internacional (guerras comerciais, Brexit, litixio polo petróleo en Oriente Próximo) e a condición de “persoa de orde” europea que as autoridades comunitarias (Macron, Merkel) outorgaron a Sánchez nos últimos meses.

Outro erro de análise por parte de Iglesias (e xa van dúas veces) é non entender o concepto do mal menor. Ao cabo, Sánchez tiña a frixideira polo mango e cando se negocia desde a minoría, non sempre é posible esixir a proporcionalidade entre votos parlamentarios e cota de goberno (calidade das carteiras). A maiores, non entender que bloquear a formación de goberno (por moita razón moral que puidese asistirlle) poñía moitas cousas en risco: desde a eventualidade dun futuro goberno dunha dereita refeita (como sucedeu con Rajoy hai uns anos) a unha redución da presenza da propia coalición morada.

Pero tampouco podemos esquecer os graves erros de Ciudadanos. O camaleónico político catalán non soubo entender as razóns do apoio recibido por parte de diversos sectores económicos e mediáticos. Lonxe de ser o que quere exercer Rivera –disputarlle ao PP a primacía da oposición no Congreso dos Deputados-, eses apoios pretendían que servise de dique fronte a unha orientación cara á esquerda dun goberno do PSOE, a única forza política –queiramos ou non- capaz hoxe de asegurar un goberno efectivo para os tempos que corren.

Por iso, a negativa teimosa de Rivera xa non a negociar con Sánchez senón, simplemente, a falar con el, deixou en evidencia a súa nula vontade de gobernar, é dicir asumir un mínimo compromiso para exercer o goberno ou deixar que outros fagan. Negativa que xa foi evidente cando nas eleccións autonómicas catalás últimas, malia quedar como primeira forza, non moveron un dedo para evitar unha maioría independentista.

E finalmente, o erro socialista da súa arrogancia secular, como se non houbese máis alternativa que un goberno monocolor. Unha autosuficiencia –confiados en anular unha parte dos votos de UP en abril e de Cs en novembro- que permitiu a aparición dunha nova forza de esquerdas, a liderada por Pablo Errejón. Unha formación que vai quitar votos a UP pero que tamén –alerta- pode collelos a unha parte dos votantes socialistas de abril e evitar o ascenso soñado polo PSOE. Coidado, que veñen curvas.

 

Grupo Correo Gallego
Ante calquera dúbida, problema ou comentario nas páxinas de Galicia Hoxe envíe un e-mail a info@galicia-hoxe.com. Titularidade e política de privacidade. Política de Cookies
Auditoría Audiencia Sites
Titulares RSS