Hemeroteca web  |  RSS   RSS
Sábado 22.11.2014  | Actualizado 12.34

El Correo Gallego Radio Obradoiro CorreoTV Terras de Santiago Anova multiconsulting
Noticia 1 de 1 Galicia  |   RSS - Galicia RSS
  • Imprimir
  • Enviar por correo

CARTAS BOCA ARRIBA

O escano baleiro

DIANA VARELA PUÑAL  | 12.12.2011 
A- A+

Recén saído do prelo recibimos o último libro do poeta, ensaísta e crítico literario Xulio López Valcárcel, “O escano baleiro”. Publicado en Biblos, editorial dirixida por Tucho Calvo e Carmela González, o primeiro que salta á vista é a cuidada maquetación de Xoán G. e a compacidade do obxecto, tapa dura, ben cosidiño, toda unha homenaxe ó traballo ben feito e ó esmero dos editores, loitando sen caer no desánimo a prol da difusión e presencia das nosas letras. Non esquecemos tampouco a inestimable colaboración do pintor Nito Davila, un dos grandes artistas contemporáneos que de novo nos fai partícipes da súa lucidez e redondea un libro novidoso e imprescindible para coñecer por dentro unha das paraxes máis fermosas do noso país.

 

Esta nova achega de Xulio Valcárcel séntao definitivamente na cadeira dos grandes escritores de ensaio. Porque “O escano baleiro” é a obra dun escritor. Ameno e ben estruturado, nas súas páxinas podemos sentir, como voltar a un pasado de recendos e liberdade, o borboriño das fontes que o autor descobre á orela dos vieiros de Paderne, o bafo cálido das vacas de ollada expectante e totémica, e os resabiados porcos ás carreiras, ceibos polos lugariños do Courel. As flores, o esplendor da herba, os cabrinfollos dos prados de Seoane non son menos brancos cá auroral pamela de Natalie Wood, nin o ceo é menos azul co lazo que a envolve, e Xulio, como un mago, logra transmitilas en plenitude, tal un cociñeiro que recolle e ensalza os sabores propios da materia. “O escano baleiro” é un canto á natureza e ó recendo a terra que paira en cada recuncho do Courel, e por extensión, un canto ó ser galego. Non podía ser doutra maneira tendo como anfitriona a sombra paternal, fonda e protectora de D. Uxío Novoneyra, e vindo como vén, da palabra de Xulio.

 

Pero o escano non está tan baleiro como o título nos podería facer pensar. Chegados ó capítulo no que Xulio Valcárcel nos reporta a visita que fixo a Parada, máis concretamente á casa de Novoneyra, síntese a conversa entre os dous poetas, o Xulio e o Uxío, o acó – que sexa por cen anos- e o aló do courelá, tranquilo e confortado como os galegos pensamos que pasan o tempo as almiñas, de parrafeo uns cos outros cada quen no seu. Emporiso o escano está baleiro até que non nos adentramos nas páxinas deste libro e vemos as rexas mans dos cazadores que nos describe noutro dos epígrafes, disfrutando e espiñocando como é debido as excelencias gastronómicas da fértil terra montañesa, año, xabarís, anguías, o dondo e afamado queixo…, ou nos refrecamos na salutífera auga das Fontes do Cervo, un altar natural onde o poeta Xulio nos amosa a perfecta conxunción do espírito e do corpo, cando descansan, despóis dun longo treito para chegar a Lagoa da Lucenza, e aproveitan para debullar unha exquisita lata de sardiñas á sombra ferruxinosa e láctea do manantío.

 

Chían os paxaros na serra e o director da orquestra manda por un intre calar ós alados músicos, mentras os músicos humanos, de longa tradición alá por terras courelás como o autor documenta noutro capítulo, escoitan e atenden as instrucións que o paxariño xefe manda. E atende tamén Pepe o Carpinteiro, amigo de Xulio e un dos tenros testemuños que atopamos, para repañar as ensinanzas do peto aprendéndolle a blandura desta ou daquela madeira e o modo pertinente de labrala. Non hai cómoda cos caixóns máis cerradores cás que pasan polas sabias mans do Pepe de Savane. Historias docísimas e fermosas as que nos conta Xulio Valcárcel e que recomendamos encarecidamente, un agasallo perfecto para estas datas, agasallo el mesmo que nos aproxima á freba máis fonda de Uxío Novoneyra, a mesma sustancia que un pode intuir cando se adentra na montaña luguesa, ou se achega, con fonda impresión e respecto, ó escano baleiro da súa casa, ábeirada a unha fonte que disque bota a auguiña xusta que cada quen pode beber… Irei un día do Courel a Compostela por terra liberada? Non, a forza do noso amor non pode ser inutle!


Diana Varela Puñal

Escribe o teu comentario

Para escribir comentarios ás noticias, debes ser usuario rexistrado. De non selo rexístrate agora

1000 Caracteres dispoñibles

www.galiciahoxe.com eliminará os comentarios considerados ofensivos ou que vulneren a legalidade.

Grupo Correo Gallego
Ante calquera dúbida, problema ou comentario
nas páxinas de Galicia Hoxe envíe un
e-mail a info@galicia-hoxe.com.
Titularidade e política de privacidade. Política de Cookies
Auditoría Audiencia Sites
Titulares RSS