Hemeroteca web | RSS  RSS     Xoves 21.09.2017 Actualizado 20:28
El Correo Gallego Radio Obradoiro CorreoTV Anova multiconsulting

Galicia Hoxe

Noticia 1 de 1 Galicia  |   RSS - Galicia RSS

noticias cotiás

Escoitando a voz de Manuel María, con Mini e Mero

Mini e Mero cantando a Manuel María - FOTO: R.F.
Mini e Mero cantando a Manuel María - FOTO: R.F.

RUTH FERNÁNDEZ  | 18.05.2016 
A- A+

Levamos un ano cheo de homenaxes á figura do poeta chairego que se deu en chamar poeta nacional. Un ano lembrando a Manuel María, aquel labrego que quixo ser poeta. E hoxe chegamos ó 17 de maio, ó Día das Letras Galegas, á data escollida para conmemorar que o autor de ‘Os soños na gaiola’ viviu defendendo a nosa terra e a nosa lingua por enriba de todo o demais. Que exemplo, o do Manuel! Sempre reivindicando a nosa esencia de ser galegos, a nosa alma.

Lémbrome de Manuel María, de velo por Lugo nalgunha ocasión sendo eu unha rapariga, mesmo vencellado a algún acto que o BNG ten organizado na urbe romana. Sempre me pareceu un home elegante, e de ollada limpa. O poeta do pobo, malia ser un señorito, podiamos engadir. Que fermosas palabras nos deixou. Para mín perfectamente recollida a súa esencia no poema ‘A fala’, un dos meus favoritos. Grazas por sempre, por esas palabras que agardo sirvan para remover conciencias aínda hoxe. 

Como todo o mundo xa sabe Manuel María Fernández Teixeiro naceu en Outeiro de Rei (Lugo) o 6 de outubro de 1929 no seo dunha familia de labregos acomodada e finou na Coruña o 8 de setembro de 2004. Foi poeta, narrador, dramaturgo e académico da lingua galega. Ao longo da súa vida destacou polo seu carácter combativo e de compromiso político, mesmo renunciando ó seu posto na RAG ó comprobar que a institución non cumpría co que se agardaba dela na defensa da lingua galega.

Tratou tantos temas na súa poesía, dende o compromiso político e a etnografía ó paso do tempo e á lingua, que temos un amplo repertorio de poemas en obras tan aplaudidas como Muiñeiro de brétemas, Morrendo a cada intre, Terra Cha, Cancións do lusco ao fusco, As rúas do vento ceibe ou O camiño é unha nostalxia, por quedar só con algúns títulos dentro da súa obra poética. Toda a súa obra gárdase perfectamente clasificada na Casa- Museo Manuel María de Outeiro de Rei (Lugo) que visitei no mes de xaneiro e que me deixou gratamente sorprendida. Agora, neste mes de maio, acompañarei a parte dos meus alumnos para que coñecezan tan singular espazo, a casa e a carballeira de Santa Isabel. A palabra de Manuel María sonará tamén nesa visita, xa que faremos un pequeno roteiro lendo textos significativos do poeta chairego ó que cantaron o mes pasado Mini e Mero no centro de ensino onde traballo.

Na voz dos dous cantautores da Terra Cha escoitamos o poema ‘O carro’ e moitas outras pezas que teñen na defensa da lingua e da nosa terra a súa razón de ser. Os integrantes de ‘A Quenlla’ estiveron con nós para homenaxear a Manuel María, facendo unha festa da lingua no instituto, para alumnos e profesores que marchamos coas palabras na boca ‘Non canta na Chá ninguén/ Por eso o meu carro canta…’

Foi un día de luz, de maxia e de anceios, brindando por mil primaveras máis para o noso país e para o noso idioma, poñendo o futuro nas mans dos máis novos que escoitaban abraiados a palabra dos devanceiros… todo malia a chuvia que ameazaba con apagar unhas voces imposibles de calar, as de Mini e Mero, fundadores de ‘Fuxan os Ventos’, daquel grupo que triunfou en tempos dos meus pais con discos como “A Sementeira” e “Quen a soubera cantar”, por citar só un par de traballos.

Baixo o nome artístico deste dúo de cantautores chairegos agóchanse Baldomero Iglesias e Xosé Luís Rivas, que chegaron acompañados do violinista ucraíno Sasha, para cantar poemas de Manuel María e Bernardino Graña, entre outros poetas galegos. Sempre defendendo o galego por encima de todo, preocupados por recuperar o patrimonio inmaterial do noso país e facendo unha continua defensa do ensino público, os integrantes do grupo ‘A Quenlla’, hoxe en día formado por dez músicos, asolagáronnos de esperanza para o futuro de Galicia.

Dende a escisión do grupo ‘Fuxan os ventos’, Mini e Mero seguen a dar moita guerra como dúo e tamén formando parte do grupo, A Quenlla, que no ano 1986 sacou á luz o seu primeiro traballo: "Os tempos inda non, non son chegados" cun monográfico de Manuel María, con letras de forte crítica á situación socio-política do momento e de defensa da terra e da lingua. Logo chegaron traballos nos que lembraban a Celso Emilio Ferreiro, Luís Pimentel, Luís Seoane, Lorenzo Varela, Méndez Ferrín, Díaz Castro, etc. Un dos seus últimos traballos foi precisamente o adicado á figura de Manuel María despois do seu pasamento. Refírome a un disco chamado “Os Irmandiños, Unha vez foi o trebón” (2011), despois de outros moitos discos de diferente inspiración coma “Nadal en galego: Galicia canta ó neno”, “A casa que nunca tivemos”, “Namórate da vida”, ou “Silencios na memoria”, sen esquecer o disco de “Desorballando outonos”, no que se inclúe o poema “Penélope”. Magníficos na súa labor. Que sigades así moitas primaveras máis!

Ruth Fernández

Grupo Correo Gallego
Ante calquera dúbida, problema ou comentario nas páxinas de Galicia Hoxe envíe un e-mail a info@galicia-hoxe.com. Titularidade e política de privacidade. Política de Cookies
Auditoría Audiencia Sites
Titulares RSS