Hemeroteca web  |  RSS   RSS
Xoves 24.07.2014  | Actualizado 18.53

El Correo Gallego Radio Obradoiro CorreoTV Terras de Santiago Anova multiconsulting
Noticia 1 de 1 Galicia  |   RSS - Galicia RSS

cartas boca arriba

Escola de menciñeiros

DIANA VARELA PUÑAL  | 11.11.2011 
A- A+

Estiven estes días de novo ás envoltas con Cunqueiro. Tarde ou cedo acabo sempre con el. Era unha mingurria de cinco anos e xa daquela me tiñan fascinadas as historias de Xente de aquí e acolá. Lembro perfectamente a teima que collín coa aventura do pobre Xacinto, convertido nun paraugas de lingua longuísima, que ensinaba a requerimento dos presentes. Cada vez que por un casual me viña ó acordo o conto, púñame a facer debuxiños representando ó malpocado do hipertrófico en diversas circunstancias. Se co paraugas pechado, ou aberto, se coa lingua de fóra, colgando tan longa como era, ou enroscada na boca como un camaleón.

De primeiro a quinto de EXB tivemos unha única mestra que nos impartía todas as asignaturas. Tanto tiña ximnasia, relixión ou ciencias naturais, alí estaba ela para ensinarnos. Son moitos os recordos que gardo daqueles anos, e incluso algunhas das súas apostilas ou expresións recurrentes véñenme con frecuencia á memoria. Unha daquelas frases feitas polas que tiña predilección, era reñernos puntualizando que non parábamos de dárlle á sen oso. Tardei varios meses en decatarme de que a sen oso era a lingua, pero desde entón cada vez que a profesora volvía co retrouso lembrábame a Xacinto, e por unha cousa ou pola outra andaba decote felizmente ensarillada coas andanzas do paraugas.

Outro dos personaxes que máis me gustaban dos presentados por Cunqueiro eran os corvos. En Corme, sobre todo nese tempo que vai do verán ó outono, cando aínda non quer ser nin un nin o outro, aló se aparecían os dilixentes canilongos grallando como é debido grallar pola mañá cedo. Nunca entendín nin aceptei a pésima consideración na que os tiñan, e despois de ler a Cunqueiro non hai quen mo retruque. Bos consellos deron a quen os precisou.

Puis ben, todo esto é a conto de que Galaxia vén de sacar do prelo unha nova edición da Escola de Menciñeiros cunqueiriana, cuia primeira achega aparecera aló polo ano 1960 cun interesante, anque longo, prólogo de Domingo García-Sabell e capa de Urbano Lugrís, titulada Principio e Fin.

Agora que está de moda o tema da sanidade, se pública, privada ou mixta, non sabemos se con ou sen cebola, quizais o máis seguro sexa volver ós curandeiros e compoñedores de algún día. Indignación lles causaría saber a praxe de moitos galenos de hogano – coido que non os do aquí pretiño de min Pablo Vaamonde-, con dez minutos por barba doente e sen agarimo nin querencia ningunha. Que llo pregunten a Perrón de Braña. Sentábase a carón do doente, montaba unha perna sobre doutra, sacaba a cachimba, verquía tabaco, cebaba a poucos e con moito taco de pulgar, acendía, e por fin botaba unha gran nubarada de fume. Estaba unha hora cumprida cabo do doente, fumando, falando de cousas de ir e vir, do tempo que corría e mais da xente allea….


Diana Varela Puñal


Escribe o teu comentario

Para escribir comentarios ás noticias, debes ser usuario rexistrado. De non selo rexístrate agora

1000 Caracteres dispoñibles

www.galiciahoxe.com eliminará os comentarios considerados ofensivos ou que vulneren a legalidade.

Grupo Correo Gallego
Ante calquera dúbida, problema ou comentario
nas páxinas de Galicia Hoxe envíe un
e-mail a info@galicia-hoxe.com.
Titularidade e política de privacidade. Política de Cookies
Auditoría Audiencia Sites
Titulares RSS