Hemeroteca web | RSS  RSS     Xoves 16.08.2018
El Correo Gallego Radio Obradoiro CorreoTV Anova

Galicia Hoxe

Noticia 1 de 1 Galicia  |   RSS - Galicia RSS

O escritor Manuel Rivas asegura que "a democracia é incompatible co medo"

O autor coruñés diserta nun abarrotado Ateneo Ferrolán sobre o seu último libro, 'Contra todo isto'

FERROL. EP  | 11.05.2018 
A- A+

O escritor Manuel Rivas asegura que: "A democracia é incompatible co medo, xa que se temos medo a expresar, a exercer os nosos dereitos, ás liberdades, existen desaxustes". Así, considera que "existen tempos nos que o problema non é a desobediencia, senón que é a obediencia".

Así o manifestou o coruñés na tarde deste xoves en Ferrol, nun acto organizado por Fuco Buxán e que se desenvolveu desde as 19,30 horas nun abarrotado salón de actos do Ateneo Ferrolán, que se quedou pequeno para poder albergar a todos aqueles que quixeron escoitar as palabras de Rivas, quen disertou sobre o seu ultimo traballo, titulado 'Contra todo isto'.

O autor afirmou que esta nova publicación é "un libro moi literario, pero cunha literatura que se pode definir como insurxente, que crea como un hábitat rebelde de crítica e autocrítica, que busca o porqué das cousas, algo que comparte tanto a literatura como o xornalismo".

Neste sentido, Rivas lamenta que o tempo actual "está moi pavimentado pola indiferenza, por iso moitos dos problemas non se afrontan". "Moitas das persoas do ámbito literario e do xornalismo mandaron a súa conciencia de vacacións, e este libro en si mesmo é un acto de rebeldía, que tamén recorre á ironía, que é un tipo de humor que conecta coa dor", relata.

LIBRO CON "LUCES" CONTRA O MEDO
En declaracións a Europa Press, Manuel Rivas tamén asegurou que durante o período que se dedicou a escribir o seu último traballo tivo "a sensación" de que estivo "limpando medo e pondo en liberdade o corpo da linguaxe". "Hai tempos nos que as palabras parece que non queren dicir que están sorprendidas, tamén contaminadas, e sofren o mesmo que o fai a natureza cos herbicidas e pesticidas", explica.

Entre os temas abordados en 'Contra todo isto', Rivas destacou que algúns dos capítulos están dedicados "ao mundo intelectual e a liberdade de expresión". "O que tamén denomino guerra contra a muller, a guerra contra a natureza ou o que chamo sangue contra as multiplicacións, e que ten que ver con toda a precariedade e o abaratamento humano, é dicir, un mapa de zonas de sombra", apunta.

Por todo iso, o escritor galego Manuel Rivas indica que "este libro pretende estar cheo de luces como alternativa a todo aquilo que se critica".

Grupo Correo Gallego
Ante calquera dúbida, problema ou comentario nas páxinas de Galicia Hoxe envíe un e-mail a info@galicia-hoxe.com. Titularidade e política de privacidade. Política de Cookies
Auditoría Audiencia Sites
Titulares RSS