Hemeroteca web | RSS  RSS     Mércores 17.04.2019 Actualizado 13:30
El Correo Gallego Radio Obradoiro CorreoTV Anova

Galicia Hoxe

Noticia 1 de 1 Galicia  |   RSS - Galicia RSS

último acto presidido por Ferrín

O escritor Xosé Fernández Ferreiro ingresa este sábado na RAG

Aínda se descoñece a data de celebración do pleno no que o presidente da Academia formalizará a súa dimisión

SANTIAGO. EP  | 05.03.2013 
A- A+

A Real Academia Galega (RAG) acollerá este sábado o acto de ingreso do escritor Xosé Fernández Ferreiro, que ocupará a vacante que deixou Francisco Fernández Del Riego, e que será o último evento presidido por Xosé Luís Méndez Ferrín ata o pleno no que formalizará a súa renuncia ao cargo da institución.

O evento celebrarase no salón de actos da Academia e o novo académico dará lectura a un discurso titulado 'Breves reflexións sobre os escritores e os xornalistas', que será respondido por Manuel Rivas, membro de número desta corporación. Segundo engade a RAG, será o último acto presidido por Méndez Ferrín ata a celebración do próximo pleno.

Fernández Ferreiro chega á RAG nun momento de polémica tras as acusacións do seu secretario, Xosé Luís Axeitos, sobre un suposta colonización do ILG e o Consello da Cultura, xunto ao malestar de varios académicos pola falta de explicacións relativas ao suposto enchufismo de familiares da directiva.

A esta polémica engádeselle o anuncio da dimisión do seu presidente, Xosé Luís Méndez Ferrín, quen nunha carta remitida aos académicos apuntaba a que parte dos membros o fixeron sentir que non ten "sitio" na RAG.

De momento, segundo as fontes consultadas, non hai data para a celebración do pleno no que Ferrín formalizará a súa renuncia, aínda que varias voces se alzaron durante estes últimos días en defensa da súa xestión e animándoo a rematar o seu mandato á fronte da RAG.

Durante o último pleno, varios académicos solicitaron explicacións á directiva da RAG sobre os contratos denunciados na prensa, ademais de pedir informacións sobre as contas da institución. A pesar diso, aseguran, "ninguén" esixiu a dimisión de Méndez Ferrín.

"DEBERÍA SEGUIR"

En declaracións a Europa Press e aínda que rexeita falar sobre a situación da academia, Xosé Fernández Ferreiro considerou que Ferrín "debería seguir" formando parte desta institución, aínda que finalmente decida dimitir como presidente.

"Non podemos prescindir de xente tan valiosa como Ferrín. Unha figura como el debe ser académica", sinalou ao respecto. Deste modo, Fernández Ferreiro únese a voces como Darío Xohán Cabana ou Manuel Rivas, este último a favor de realizar un chamamento no próximo pleno para que Ferrín decida continuar ata o fin do seu mandato.

Sobre a súa entrada na RAG, sinalou que "lle agrada moito" poder participar nunha entidade destas características, e que o seu discurso versará sobre os xornalistas e os escritores, dous profesionais "aos que lles une case tantas cousas como as que os separan". Pola súa banda, Rivas realizará unha análise sobre a súa obra literaria.

 Escritor tradicional, enigmático, pouco amigo da primeira liña e sabedor de que o escritor permanece polas súas páxinas, a súa obra e a súa calidade da súa pluma. Asi é como o describe a máxima institución da lingua galega.

A súa prolixa traxectoria como escritor e xornalista únese ao seu compromiso inquebrantable co país e a lingua, describe a RAG.  De mozo, Fernández Ferreiro participou no mundo intelectual formando parte do grupo Brais Pinto, en Madrid, e en 1975, con 'A morte de Frank González' -ilustrado por Luís Seoane-, converténdose en pioneiro ao publicar a primeira novela en galego do xénero wéstern.

Tamén experimentou os camiños da ciencia-ficción, pouco transitados ata ese momento polos escritores en Galicia, e puxo a súa pluma a disposición do país narrar do país para narrar e denunciar as inxustizas sociais en libros como 'Morrer en Castrelo de Miño'.

Así, recibiu premios significativos como o Xerais ou o Losada Diéguez.  A elas, pódense sumar galardóns como xornalista, como o Premio Galicia de Periodismo polos centos de artigos publicados en distintos xornais

Grupo Correo Gallego
Ante calquera dúbida, problema ou comentario nas páxinas de Galicia Hoxe envíe un e-mail a info@galicia-hoxe.com. Titularidade e política de privacidade. Política de Cookies
Auditoría Audiencia Sites
Titulares RSS