Hemeroteca web | RSS  RSS     Mércores 17.10.2018 Actualizado 18:49
El Correo Gallego Radio Obradoiro CorreoTV Anova

Galicia Hoxe

Noticia 1 de 1 Galicia  |   RSS - Galicia RSS

A esgrima antiga renace en Santiago

A SCEA preséntase como unha asociación deportiva e cultural dedicada á investigación históricae á recuperación de prácticas das artes marciais utilizando diferentes armas nas súas clases

MARÍA J. ROUCO FERREIROS   | 25.07.2010 
A- A+

María J. Rouco
Aulas abertas que se imparten os martes e sábados para que todo o mundo poida probar esta práctica
FOTO: María J. Rouco

A sala Compostelá de Esgrima Antiga (SCEA) é máis cunha asociación deportiva, tamén ten unha parte cultural dedicada a diversos temas, como a investigación histórica e a recuperación e práctica das artes marciais históricas da tradición occidental.

A sala santiaguesa fórmase como asociación no 2008, aínda que varios compoñentes levaban xa algúns meses experimentando coa esgrima histórica. Atópanse federados con outras dúas salas galegas (AOUREA e AGEA na FESA (Federación Española de Salas de Armas), xunto coas que organizan eventos, seminarios e publícanse libros. Actualmente están a dar clases abertas na Gentalha do Pichel os martes e sábados.

Pero, cando reaparece esta práctica? A esgrima antiga renace nos anos 90, mediante os estudos vencellados a tratados especializados e o ensaio práctico, recuperándose a técnica e a tradición das armas históricas europeas que se ensinaban nas salas de todo o continente entre os séculos XII e XIX. Do mesmo xeito, as armas empregadas nesta sala con reproducións directas das históricas, mantendo a morfoloxía e empregando aceiro cun gran grao de flexión que xunto cunhas proteccións axeitadas.

Pero fagamos un pouco de historia para entender o acometido desta Sala. As artes marciais históricas europeas son un conxunto de técnicas de loita de longa tradición, semellantes ás artes marciais orientais que, sen ningunha dúbida, son más coñecidas polo gran público. Coa aparición das armas de fogo, estas técnicas desapareceron. Por este motivo a documentación histórica, con tratados e manuscritos da época que detallaban as armas son básicos para a súa reconstrución.

Desde a SCEA faise fincapé na idea de arte marcial, é dicir, non se trata dun mero espectáculo de recreación, aínda que participen neles (o caso da feira medieval que hai apenas unhas semanas tivo lugar na capital galega); tampouco se trata dun deporte (o caso da esgrima olímpica). A esgrima antiga vai moito máis aló de todo iso.

No tocante ás armas, utilizan fundamentalmente a espada de man e media e roupeira. Trátanse de reproducións das que se poden atopar copias nos museos, co mesmo tamaño, forma e peso pero con goma na punta e cun aceiro flexible para a loita.


Que significa e comporta ser o director da SCEA?
En primeiro lugar un cargo administrativo, pero ademais ao comezar coa historia e implicou e implica unha responsabilidade docente.

Como comezaches nisto da esgrima?

A través da recreación histórica e tamén ao coñecer unha persoa que se dedicaba a isto. Fun a un evento, gustoume e merquei unha espada, comezando a tirar cun grupo de amigos. Despois fomos contactados pola xente que estaba xa en esgrima na Coruña e fómonos metendo máis no mundo ata agora.

Que é realmente a esgrima antiga?

En principio, para min, a esgrima antiga é unha arte marcial e enténdoa como iso. Ao mesmo tempo é deportiva, pero tamén cunha parte histórica, recreativa e de investigación. É difícil definir porque contén todas esas vertentes.

Cando e como se recupera esta arte marcial?

Alá por mediados dos 90 en Estados Unidos e un pouco máis tarde en Europa, aínda que evolucionou moito nos últimos dez anos. Antes disto xa facían diferentes feitos, como recreacións no país pioneiro antes subliñado, aínda que aquilo non se podía definir como esgrima antiga. E, como non, o que nos facemos na sala compostelá dista bastante tamén do feito hai dez anos. É un concepto que flutuou moito é e complexo definir o que foi e como evolucionou.

Que diferenzas garda a esgrima antiga coa olímpica?
As diferenzas son moitas. A esgrima deportiva é un deporte, un xogo cunhas regras onde se vai gañar, a facer puntos. Basicamente puntúase, cunhas regras moi estritas que fan que non sexa realmente unha situación de esgrima real, con todos os meus respectos. Ademais tírase en pista estreita, enganchado cun cable; hai unhas normas de atacar primeiro e despois, segundo iniciativas e posicións. E hai unha tedencia, ao ser un deporte no que se busca gañar, buscar o tocado, xa que o que toca primeiro, gaña. Na esgrima antiga búscase intentar tocar e que che toquen como nun duelo real, ferir ou matar sen que cho fagan a ti. As regras, polo tanto, cambian moito, porque no noso caso o terreo non está limitado, aínda que normalmente se limita unha área grande para os torneos, e tampouco utilizamos sistemas de puntos. Hai tocados que consideramos que son máis ou menos lesivos.

Basicamente utilizades a espada de man e media e a roupeira, cal é o motivo?
Viunos un pouco imposto polo contexto. A roupeira en España é a arma por excelencia, úsase practicamente en todas as salas e hai moita documentación en español, portugués e italiano que son linguas próximas. E a man e media é a arma máis defendida por Europa, sobre todo por Alemaña e aquí tamén se practica en case todas as salas. E á parte de tratados históricos, hai estudos e manuais de iniciación modernos sobre o seu uso.

Que lle dirías á xente para que se animara a ir ás clases?
Eu diría que é moi divertido, o mesmo que practicas un deporte fas emulacións de duelos reais pero con toda a seguridade precisa.

Grupo Correo Gallego
Ante calquera dúbida, problema ou comentario nas páxinas de Galicia Hoxe envíe un e-mail a info@galicia-hoxe.com. Titularidade e política de privacidade. Política de Cookies
Auditoría Audiencia Sites
Titulares RSS