Hemeroteca web  |  RSS   RSS
Sábado 25.05.2013  | Actualizado 11.58

El Correo Gallego Radio Obradoiro CorreoTV Terras de Santiago Anova multiconsulting
Noticia 1 de 1 Galicia  |   RSS - Galicia RSS

CALIDOSCOPIO

Esmagar ao núcleo duro da clase obreira

MANUEL MERA  | 02.07.2012 
A- A+

O pasado 28 de xuño pasou o seu trámite definitivo a última Reforma Laboral, que resta dereitos fundamentais á clase traballadora. É un novo paso atrás moi grave, tanto porque se suma a outras contra-reformas anteriores, con gobernos do PP e do PSOE, como porque se trata dun salto cualitativo na modificación das relacións laborais. Neste caso, non atinxe só aos traballadores e traballadoras de nova incorporación (mocidade), ou aqueles que se concentran en sectores con baixos ingresos (mulleres), senón que outorga á patronal mecanismos para o despedimento moi rápido e barato de calquera empregado. Xa que se alargan as “causas obxectivas” a calquera suposto, por exemplo, menos ingresos ou vendas na empresa nos últimos tres trimestres (20 días de indemnización por ano traballado até un máximo dunha anualidade, ademais, nas empresas con menos de 25 empregados o FOGASA pagará o 40% do custe).


A reforma é unha franquicia para o despedimento, que sen dúbida ningunha será utilizada especialmente contra aqueles que teñen salarios máis altos, e tamén contra os sectores que posúen maior conciencia de clase e organización. Este é o aspecto novidoso, que caracteriza esta reforma, xa que atinxe ao núcleo duro da afiliación sindical. Todo indica que foi este aspecto o que causou a oposición daquelas centrais de ámbito estatal, que desde os Pactos da Moncloa fan do “diálogo social” co capital a súa liña de actuación. Lembremos que pactaron unha e outra vez coa patronal e o Goberno mesmo sacrificando aos sectores máis precarizados da clase traballadora, co argumento de que non había condicións para impedir retrocesos e que o acordo era “o mal menor”. Sobre estas feblezas a patronal foi mudando moi ao seu favor a correlación de forzas. Con idénticos razoamentos axiu o PSOE, que agora na oposición di rexeitar por principio a reforma laboral. Partido que, por certo, días antes de deixar o goberno aprobaba por decreto un contrato de aprendizaxe sen indemnización, nen permisos, nen vacacións, negando todo tipo de relación laboral, por 426 euros ao mes.


Idéntica finalidade ten a imposición da desregulación horaria, permitindo que a empresa decida ao seu antollo sobre o 10% da xornada laboral. É unha modificación que atinxe a todos os traballadores e traballadoras, porén que vai afectar na práctica moi especialmente a aqueles que teñen dereitos moi consolidados (sector público) ou unha maior organización sindical (grandes empresas do sector privado). Non podemos ignorar, facendo só unha leitura técnica da reforma, que a lexislación laboral non se cumpre totalmente hoxe nos sectores con menor forza sindical, coa complicidade da administración, que debería ser garante do cumprimento da Lei. O mesmo obxectivo pretende a modificación que limita o tempo para a negociación dun convenio vencido, ao fixar a ultra-actividade nun ano, polo que en caso de non existir acordo, o sector ou empresa ficaría despois dese período sen convenio colectivo. Complétase este último aspecto dándolle prioridade aos convenios de empresa, mesmo cando teñen condicións laborais inferiores. Trátase de fracturar a clase traballadora, rachar a solidariedade de ámbito sectorial, que é onde se dan as loitas máis fortes (metal, limpeza, conserva, etc.).


Sería errado pensar que a reforma, aínda que teña como finalidade central atacar ao núcleo duro do traballo, non atinxe de xeito negativo a toda a clase traballadora. Primeiro, porque a reforma ten un carácter xeral e, segundo, porque os avances ou a capacidade defensiva da vangarda serviron de punta de lanza e exemplo para as conquistas do conxunto dos asalariados. Asemade, hai outras medidas na reforma que teñen a finalidade de tirar rédito privado da inmensa masa de desemprego. Tal é o caso da privatización do servizo público de colocación. Empresas de colocación que ademais de poder facer listas á carta para a patronal, por exemplo excluíndo aos desempregados “molestos”, van xestionar cursos de formación con diñeiro público.


Esta reforma non é unha arroutada de Rajoy. Faise, porque a deflación salarial, e a rebaixa de prestacións sociais, son as únicas variábeis que a Unión Europea deixa nas mans dos estados que a integran, para competir nun mercado globalizado de bens e servizos. A opción da investigación e do investimento en tecnoloxía, que era a utopía das últimas décadas, non foi quen de rebaixar as diferenzas de desenvolvemento dentro da UE, xa que son procesos moi longos no tempo e necesitarían doutro contexto económico e político. Evidentemente, hai outra saída posíbel a esta crise, que sería ben eficiosa para a maioría social: a ruptura coa globalización neoliberal, dando folgos a economías autocentradas e sustentábeis, redistribuíndo riqueza e traballo. Porén, para que sexa viábel esta alternativa necesita previamente dun cambio radical na correlación de forzas, xa que cuestiona os intereses das clases dominantes. E tanto Zapatero como Rajoy, e os partidos que representan, defenden un modelo económico e social funcional aos intereses do capital.


Lía hai días unha valoración sobre esta reforma laboral na que se dicía que tiña como finalidade: transferir recursos da clase traballadora á patronal, “maquillar” as cifras de desemprego, e dividir á clase traballadora fracturando a negociación colectiva. É unha análise acertada, xa que esta é a intención de todas as reformas, porén coido que neste caso vai para alén destes obxectivos primarios, xa que ademais pretende esmagar ao núcleo duro da clase traballadora, debilitando definitivamente ao movemento sindical. Esta reforma laboral, complementa as modificacións fiscais e as medidas económicas que completan un axuste tanto no aspecto social como territorial. Neste último caso, tanto no marco da Unión Europea como dentro do Estado español (favorecendo uns sectores económicos, axustando outros, dando prioridade a determinadas infraestruturas, achegas a certas empresas, etc.).


Nada do que está acontecendo ten que ver co libre mercado e moitos menos coa casualidade. Hai proxecto común e contradicións na cúpula do poder económico e político da Unión Europea e do Estado español. Neste proxecto a peor parte correspóndelle ás clases populares e aos territorios máis débiles e dependentes (como Galiza). Que consigan avanzar nos seus noxentos obxectivos é outra cousa, porque este reaxuste entre clases e territorios, no medio dunha aguda crise sistémica, non dá xogo para que as clases dominantes fagan concesións económicas, sociais ou democráticas, e manteñan altas taxas de beneficio. Polo que, ás guerras de destrución e saqueo, súmanse, un agresivo axuste social, restricións democráticas e represión. A contestación popular e nacional é inevitábel.


Manuel Mera



Escribe o teu comentario

Para escribir comentarios ás noticias, debes ser usuario rexistrado. De non selo rexístrate agora

1000 Caracteres dispoñibles

www.galiciahoxe.com eliminará os comentarios considerados ofensivos ou que vulneren a legalidade.

Grupo Correo Gallego
Ante calquera dúbida, problema ou comentario
nas páxinas de Galicia Hoxe envíe un
e-mail a info@galicia-hoxe.com.
Titularidade e política de privacidade
Auditoría Audiencia Sites
Titulares RSS