Hemeroteca web | RSS  RSS     Mércores 15.08.2018 Actualizado 18:37
El Correo Gallego Radio Obradoiro CorreoTV Anova

Galicia Hoxe

Noticia 1 de 1 Galicia  |   RSS - Galicia RSS

CALIDOSCOPIO

Que esperar do PSOE neste contexto?

MANUEL MERA  | 05.06.2018 
A- A+

Non o terá doado Pedro Sánchez, malia que se mantén polo momento mantén o medre do PIB e a creación de emprego, mais este é sobre todo precario e con ingresos por debaixo dos mil euros. No ámbito económico non se pode ignorar ademais a tensión militar mundial, e especialmente o aumento das sancións e a imposición de maiores aranceis ao comercio que afectan á UE, especialmente nun contexto no que padece unha enorme inestabilidade política.

Mesmo que aínda non se chegou á ruptura de negociacións, cando menos cos países aliados e a China, todo indica que Trump non vai de farol. Ou sexa, que non cederá até conseguir que os Estados Unidos recuperen preponderancia no comercio exterior, e unha hexemonía recoñecida no ámbito militar e do dólar como moeda de referencia. En principio, contra o que se afirma, non pretende rachar coa globalización neoliberal, dado que hai importantes sectores nos que Washington mantén a dominio mundial (comunicación e cultura de masas, exportacións militares, tecnoloxía, finanzas, etc.), senón que trata de impoñer en todos os ámbitos regras de xogo que lle sexan favorábeis. Cuestión moi distinta é que consiga este obxectivo.

Polo tanto todo fai pensar que nesta conxuntura aumentará moito a confrontación, co que isto implica no ámbito económico, laboral e político. Por exemplo, subida do prezo do petróleo e gas, diminución do turismo e do intercambio comercial, competencia salarial. E non hai dúbida que o Estado español será un dos máis afectados (tamén Galiza). Lembremos que o crecemento dos últimos anos baseouse en factores externos: menor gasto na importación de petróleo e gas, medre do turismo (pola inestabilidade en países da competencia, como Exipto, Tunisia, Turquía, Grecia, etc), a flexibilidade cuantitativa do BCE, e unha relación euro dólar favorábel ás exportacións. Mais, boa parte destas vantaxes estanse diluíndo.

Outro factor que deu pulo á competitividade foi a caída dos salarios e a redución da presión fiscal ás empresas, a costa do aumento da precariedade e de alongar a xornada laboral e o medre do ritmo de traballo, o aumento do IVE, o copago sanitario, e a redución das prestacións públicas. Este retroceso das condicións de vida da clase traballadora causou un aumento da pobreza e da marxinalidade. Foi esencial para acadar este obxectivo do capital as medidas de disciplina social, como o despedimento masivo durante o axuste, unha alta taxa de man de obra de reserva, a reforma laboral e a reforma do Coido Penal. A primeira degradou a negociación colectiva e as condicións laborais, e a chamada “Lei mordaza” aumentou os mecanismos de control e represión sobre o movemento obreiro e outros sectores sociais e da cultura.

A maior explotación laboral non só repercutiu nun medre da competitividade das empresas senón que esencialmente permitiu un enorme medre do lucro empresarial (tal como se reflicte no importante crecemento do consumo de bens e servizos de luxo). Daquela que, por exemplo, no referente á nación galega, mentres que no ano 2008 os salarios representaban o 46,9% do PIB e as rendas do capital o 44,9%, no ano 2017 estas eran do 42,7% e 47,3% respectivamente. Por outra banda, aínda que non é a finalidade deste artigo entrar a fondo neste aspecto, non se pode obviar que nos ingresos salariais figuran os directivos e cargos de alta dirección. O diferencial nos ingresos entre este grupo privilexiado e o salario mediano da clase traballadora non deixou de medrar. En resumo, a porcentaxe do PIB que reciben as persoas asalariadas é en realidade inferior ao que indican as estatísticas oficiais.

O novo Executivo non só ten por diante problemas estruturais que afectan a unha economía baseada nos servizos, especialmente o turismo, senón que ademais durante o axuste o Goberno do PP favoreceu á centralización e concentración da riqueza e do poder. Axudaron neste proceso recentralizador a Lei de Unidade de Mercados, e moi especialmente as políticas da UE. Deste xeito consolidouse unha tendencia que dá folgos á desigualdade entre territorios, e no caso de Galiza tamén ao retroceso demográfico. A esta evolución negativa hai que sumar o auxe da concentración, que afecta á clase traballadora en todo o Estado, tal como se reflicte no medre da desigualdade nos ingresos e a precariedade das condicións de traballo. Esta é a prioridade das clases dominantes, do capital. Non é casual que a CEOE e CEPYME se apresurase a pedir nun comunicado ao novo Presidente “que non se dea marcha atrás na reforma laboral (...) que se dea cumprimento aos obxectivos de déficit”, ou sexa que non se aumente o gasto social.

Estará disposto a loitar contra estas eivas e atrancos o PSOE? Ou como máximo todo quedará en accións simbólicas, e nalgunhas medidas necesarias e urxentes, mais que a esta altura non condicionan o sistema de opresión nacional e explotación de clase? Todo fai pensar, tendo en consideración a evolución histórica e a práctica deste partido nos últimos anos, e os compromisos co capitalismo, que os seus cambios serán limitados e dependerán en boa medida da presión que exerza na rúa a clase traballadora e os movementos soberanistas. Así como tamén da loita das ideas, e da conflitividade nas institucións. Por esta orde.

Manuel Mera

Grupo Correo Gallego
Ante calquera dúbida, problema ou comentario nas páxinas de Galicia Hoxe envíe un e-mail a info@galicia-hoxe.com. Titularidade e política de privacidade. Política de Cookies
Auditoría Audiencia Sites
Titulares RSS