Hemeroteca web  |  RSS   RSS
Sábado 20.12.2014  | Actualizado 13.15

El Correo Gallego Radio Obradoiro CorreoTV Terras de Santiago Anova multiconsulting
Noticia 1 de 1 Galicia  |   RSS - Galicia RSS
  • Imprimir
  • Enviar por correo

o sal da terra

Esquelas revisionistas

JOAQUIM VENTURA  | 19.01.2012 
A- A+

Non tiña intención de glosar o pasamento de Manuel Fraga Iribarne. Pensaba que en Galicia habería colegas dabondo como para non meter eu a culler desde Cataluña. Porén, a publicación no principal xornal catalán de dúas esquelas lévame a coller o teclado.

 

Quero sinalar, de entrada, que só coincidín con Manuel Fraga unha vez na miña vida: na inauguración da Fundación Vicente Risco. Eran os tempos posteriores á catástrofe do Prestige e as paredes de Allariz ían cheas de “nuncamáises”. Tamén, quero deixar constancia de que, ideoloxicamente, estou nas antípodas do seu pensamento. Con todo, coido que hai unha dobre manipulación no tratamento da súa persoa e por iso non paso.

 

A primeira, interesada, por parte dos seus herdeiros. Ou polo menos dos redactores das esquelas que lle dedicaron en La Vanguardia, imaxino que semellantes ás doutros xornais. Nelas non había a máis mínima mención da súa traxectoria anterior a 1977: nin ministro con Franco e Arias, nin embaixador en Londres. Un servidor o comprendería se Manuel Fraga tivese sufrido unha caída do cabalo á maneira de Pablo de Tarso pero o vilalbés, nunha coherencia que entendo aínda que me amole, nunca renegou da súa etapa non democràtica. E sen esa ruptura, proclamarse herdeiro dun franquista incomoda (máis incomodorá a mediocridade, a anos luz de Fraga).

 

E digo que entendo esa coherencia porque se alguén –e máis alguén coas capacidades de Fraga- quería dedicarse a servir ao Estado nos cincuenta, ou aceptaba o franquismo con todas as consecuencias ou non tiña “chance”, que dirían os tanguistas. E iso supuña, de ser rigoroso obviamente, aceptar o imperio da lei (por inxusta e autoritaria que fose) e non coñecer outra vida fóra do réxime franquista. E, as cousas como son, o Manuel Fraga de 1976 era escaso en canto a democracia pero cando a legalidade foi constitución e estatuto, foi constitucionalista e autonomista. Por suposto, na medida en que a cidadanía quería e o expresaba en votos, nunca na medida das arelas do BNG, naturalmente.

 

Pero se a memoria moitas veces é cruel, tamén é sectaria. E a Manuel Fraga esixiuselle unha contrición que nunxa lles foi pedida a tantos e tantos que, con camisa branca e non azul, tiraron moito máis proveito que o servidor do Estado. Ou ministros con Arias, como Villar Mir, agora premiado cun marquesado, ou outros como o “liberal” catalán Josep Maria Figueras, redimido por exercer de mecenas, mentres que ao seu socio de negocios inmobiliarios Juan Antonio Samaranch todos marcaban polo seu pasado falanxista.

Escribe o teu comentario

Para escribir comentarios ás noticias, debes ser usuario rexistrado. De non selo rexístrate agora

1000 Caracteres dispoñibles

www.galiciahoxe.com eliminará os comentarios considerados ofensivos ou que vulneren a legalidade.

Grupo Correo Gallego
Ante calquera dúbida, problema ou comentario
nas páxinas de Galicia Hoxe envíe un
e-mail a info@galicia-hoxe.com.
Titularidade e política de privacidade. Política de Cookies
Auditoría Audiencia Sites
Titulares RSS